Volume 9 Número 1 Ano 2010
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
O FUTURO DO BARBAÑA
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
Corrían os anos sesenta do século pasado cando nacía o Polígono Industrial de san Cibrán das Viñas da man de Caixa Ourense. Lembro que, despois de mercarlle as terras aos propietarios, fixéronse unhas rúas e un colector principal para verter os residuos das empresas que alí se instalaran o cal morría no Barbaña á altura da ponte de Noalla. Chegara a esta cidade a modernidade e o progreso, e por iso ninguén se atrevía a poñerlle pegas ás empresas que escollían este lugar para traballar. Se ben é verdade que elas non tiñan culpa dos vertidos, pois desaugaban ao colector xeral, e iso eximías de todo delito. As leis franquistas nada prevían para protexer o medio natural e, dende os censurados medios de comunicación, alardeábase difundindo a chegada dun futuro moi grato para a provincia.

Daquela o Barbaña era a nosa piscina natural; era o río das secas para coller anguías, troitas, peixes e tartarugas. En Seixalbo mozos e mozas, xunto cos veciños de San Cibrán, na presa Grande, na fonte das Améndoas ou no Pambar Vello tiñamos o lugar de esparexemento preferido. Tiñamos a nosa piscina natural, pois as públicas non existían, a carón da casa. Lembro que daquela estábase a facer o grupo escolar de Seixalbo, e que era ministro de educación Martínez Esteruelas.

Pois nada máis instalárense as primeiras empresas, empezaron a baixar unhas augas escumosas polo río e de contado a morrer todos os animais que nel habitaban. Era o canon que había que pagarlle ao incipiente progreso industrial. Os mozos abandonamos aquela costume de ir divertirnos ao río, pois cheiraba moi mal. E, dende aquela, esta canle natural empezou a morrer paseniñamente.

Sería a partires do ano 1986, superado o debate de tapar o río na cidade, cando a Asociación San Breixo de Seixalbo empezou a erguer a voz e a reclamar nos medios de comunicación e nas institucións o saneamento desta canle natural. Anos máis tarde veu a depuradora de San Cibrán, planta que soamente fai a limpeza inicial dos sólidos e pouco máis. Andando no tempo fixéronse os paseos pola beira do río en Ourense e colocouse o alumado.

Pero aínda que o río mellorou algo, os problemas do Barbaña seguen sen solucionarse dunha maneira satisfactoria, pois na canle non hai vida. Ben é verdade que en zonas da cidade poden aparecer algúns signos de vida que veñen do Barbañica, non do Barbaña, que está morto e non ten visos de que nun futuro inmediato se solucione a contaminación que sofre. Sabemos que hai cantidade de empresas que verten na área comercial de Barreiros pois non están conectadas ao colector da depuradora. Tamén sabemos que a depuración que se fai actualmente é precaria e que o control sobre a mesma é moi deficiente.

En fin que, a pesares dos esforzos que se fan dende o goberno municipal para mellorar o contorno do río, lembrar a recuperación da fachada de Antonio Puga e posta en marcha do parque Avilés de Taramancos, este segue nunha situación que eu catalogaría de enfermidade grave.

Por iso a decisión que tomaron tres asociacións que lindan co río, como son a de Noalla, Seixalbo e a do Barbaña é un acto valente que as dignifica e que pon sobre a mesa a necesidade de solucionar un problema anacrónico que nos atinxe a todos, Ademais pon sobre a mesa a utilidade de determinadas administracións como a Confederación do Miño, que terá que demostrar que serve para algo máis que figurar na lista de organismos públicos. Xa sabemos que o concello de San Cibrán vive ao marxe dun problema que non parece interesarlle. Por iso é tan importante a acción que acaban de emprender as tres asociacións mencionadas. Remato lembrándolle a todos os veciños, ás asociacións e aos colectivos ecoloxistas que o futuro do Barbaña está nas nosas mans; que temos que ser todos os que arrimemos o ombreiro para rematar coa imaxe que nos deixou o desleixo institucional e a industrialización salvaxe que tamén a houbo en Ourense.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net