Ourensáns no esquecemento
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
Ourensáns no esquecemento
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego

OURENSÁS NO ESQUECEMENTO

Manuel Herminio Iglesias

 

            “Non son todos os que están, nin están todos os que son”. Iste dito popular váleme  para argumentar o que a continuación exporei.

            Resulta que hai uns meses neste xornal escribín un artigo que levaba por título: Franqueira como referente. Falaba nel de que, este político e empresario ourensán, ademais de crear unha gran  corporación empresarial  baseada na produción do sector primario, fora quen de, despois de deixar a formación política da UCD, crear unha forza política galega que camiñaba coa idea de encher un espazo baleiro  nesa Galicia real que se sinte galeguista. Así creou Coalicción Galega, proxecto que ó desaparecer o sr. de Razamonde, foi entregado ó PP polos sucesores,  a cambio duns postiños que lle deron nos diversos lugares do poder.

            Pois ben, nada máis  saír o artigo recibín unha chamada na que, unha persoa, dicíame que o asunto da creación do emporio empresarial tiña tras de si o nome dunha persoa que fora a alma mater do asunto e esa non era precisamente a que eu nomeaba. E logo faloume dun señor e fíxome chegar un libro que lin nestes días de estío axiña. O libro en cuestión ten o título de; Olvido a tres setiembres, “Vida de Hermógenes González Blanco”

            Como dixen, lin o libro con moita atención, e descubrín a historia dun persoeiro que realmente debera ser un modelo a imitar. Un persoeiro hoxe descoñecido para a maioría social que optou,  por vocación, vivir no rural e tratar de aportar o seu saber, que era moito,  para mellorar as condicións de vida da xente que malvivía nun pais onde, o   agro estaba condenado por tradición secular  a non evolucionar nas  costumes nin na técnica.   Un home vocacional  nacido para o ensino, entregado ó servizo da comunidade, pois foi alcalde de Xunqueira de Espadañedo,  e comprometido co desenvolvemento social,  do agro, da gandería e  o mundo avícola.

            E así fun sabendo máis deste persoeiro e tamén da súa dona, pois ámbolos dous  tiñan saber e ansias por desenvolver o cooperativismo e levar melloras ó rural galego. E tanto foi así que, entre outras cousas de suma importancia,  foi o principal impulsor de UTECO e chegou a avalar coas súas propiedades, ou se o prefiren co seu capital, o crédito económico que deu lugar o nacemento do que,   co paso dos anos, deu lugar a  Coren.

            A persoa que me chamou tiña moita razón;  pois, con moita frecuencia, acontece que, na conciencia popular, non están todos os que son e o merecen.  E non están pois, o seu facer vital é ignorado polo conxunto dos cidadáns. Non teñen, e posiblemente nunca terán, o recoñecemento público nin institucional gañado co seu saber e esforzo a prol da comunidade.

Por iso, esta historia, tráeme a memoria  a loita, noutro tempo,  de Fernando  Freire Carril contra o poder eclesiástico polo  xuízo dos foros que se eliminaron en Seixalbo cen anos antes que no resto de Galicia. Pois ben,  Fernando  tamén puxo cartos do seu peto cando os  veciños xa estaban esgotados e cansos de pagar para manter un litixio que morría no tempo.

            En fin, podería contar moitas cousas  máis relacionadas con ben común feitas por   D. Hermógenes, pero non é o caso. Con todo, agora que tanto se fala de Ourensanía e de distincións dende a institución provincial,  non estaría por demais que, aínda que sexa a título póstumo,  este persoeiro tivera un recoñecemento público, pois creo  que ben o  merece.

            Con todo, Graciñas Esperanza por me dar a oportunidade de saber algo máis dun ourensán  que está, a día de hoxe,  esquecido.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net