Parrafeo 2017
Autor:Nila Caballero Cid
Parrafeo 2017
Autor: Nila Caballero Cid
Galego

Boas tardes a todas e todos!!

Moitas gracias por estar hoxe aquí e moitas gracias tamén a Agromadas por confiar en min para levar a cabo o parrafeo deste ano 2017.

Cando pensaba como desenvolver este resumo do ano, paro os que aínda non saiban en que consiste isto, un parrafeo ven sendo un resumo do bo e do malo acontecido ao longo do presente ano, que en nada remata, cun certo ton irónico, cómico e

Teño que dicir que ao principio tiven algunhas dúbidas pois o parrafeo de 2017 está elaborado por unha moza, eu, que procura atender a Seixalbo cando a demanda pero que leva varios anos sen vivir aquí, polo que pido desculpas de antemán, primeiro polo meu atrevemento, e segundo por se me queda algo no tinteiro ou mellor dito, no tóner da impresora;  pero como son algo da familia dos “Valentes” por parte de nai alá vou.

Despois de darlle moitas voltas e reviravoltas a como enfocar o meu discurso, despois de ler parrafeos anteriores e despois de moito cavilar, dinme conta: pero nena ti que fas?

Agora dáste conta onde te metiches?

E entón comezas a suar, soprar e resoprar, e case a ver dobre. Pero un ápice de valentía e cordura aparece e agroma como a pequena semente do pemento, que para que medre e se converta na planta que dá un froito apetitoso, debes abonala, regala e coidala.

Así que para que brotaran as ideas mais rapidamente, non tiven mais remedio que usar técnicas tan antigas e usadas polos grandes mestres da escritura, para que as musas se apiadaran deles e poder crear grandes obras.

Usar un estímulo imaxinativo, iso que fai que a mente se eleve a altos niveis de raciocinio e que as ideas xurdan como se nada, si amigos e amigas tiven que botar man do licor café, non me quedou máis remedio.

O licor café levanta as penas, fai que todos sexamos mais amigos, saca as nosas ganas de bailar, e fai que o feo sexa fermoso e o fermoso aínda mais, que desata as linguas e...

Ben que creo que xa estou ben desatada, así que vou comezar porque din que os nenos e os borrachos contan sempre a verdade e creo que comezo a ver algo dobre e en lugar dun parrafeo vou a levar a cabo un tostón.

Como dixen antes, estiven a mollar as ideas no licor e nos anteriores parrafeos, que por certo están mellor, cando se len despois de beber algo, é broma, cando os lin foi cando empecei a beber pois pensar que tiña que facelo eu...

Así que vou a facer algo transgresor, algo que non se fixo ata o de agora en ningún parrafeo, algo incrible, algo novidoso, ou quizais iso me parece a min,  comezarei o resumo cara atrás.

Non vos asustedes , non vou a facelo de costas, non? Que xa sei que é de mala educación non mirar cara a fronte cando se fala, ademais o meu mellor perfil é a dianteira, o que pretendo dicir é que vou a comezar polo último mes do ano e rematarei polo primeiro, así que preparados para subir no tren do ano 2017, é unha viaxe en tren que fará o seu percorrido en sentido inverso, co fin de axudarnos a recordar, pensar e como non a rexuvenecer polo menos un ano, que nos tempos que corren no que a estética está a orde do día un ano menos é como 2 ou 3 sesión de botox.

Saímos da estación de Decembro mes especial, querido polos nenos e nenas e non tan querido polos adultos que vemos como a conta bancaria treme ante a chegada das festas.

Este é un mes no que ti vas todo contento a cobrar a túa nómina polo da extra claro, pero que cando a colles non les a letra pequena: “O seu soldo será confiscado por Santa Claus e os Reis Magos, non se esqueza de seguir traballando para nós, patrocinado polo Ministerio de Facenda”.

O noso veciño Ros, sempre en colaboración con Seixalbo, lenda viva, ex- xogador do Elche e outros equipos, recibe unha placa que o acredita como lendo do deporte, recoñecemento da fermosa vila Andújar. Parabéns!!!

A Asociación fai a súa asemblea anual, presentando contas, resumo de actividades e eleccións á Xunta Directiva.

En Cataluña tiveron que ir a votar un novo goberno nas furnas, claro que esta é unha historia moi longa que ven de moitos meses atrás.

E por fin chove, despois de moitos meses de seca, sen case auga nas fontes e ríos, podemos dicir que agora empeza a chover, menos mal, porque a auga facía moita falta aínda que cando leva uns días con nós farte, pero a auga facía falta que estaba todo moi seco. “Ana”, foi o primeiro temporal que deixou auga, tan desexada e rachas de vento de máis de 15 km por hora. Despois chegou “Bruno” que en Galicia non foi máis que unha borrasca, á que nós estamos acostumados a ver por estas datas.

Todos facemos vídeos ou montaxes fotográficas, no facebook, instagram, redes sociais en xeral, para felicitar as festas, e iso está moi ben debemos acordarnos aínda que só sexa unha vez no ano dos nosos queridos amigos, familiares, veciños... porque o resto do ano as veces é mellor olvidalos, claro que si, e nos vemos pola rúa e nos saudamos bo nadal, que pases unha boa noite, e debe ser así, pero miles de refuxiados seguen sen ter un lugar onde vivir, seguen sen rumbo polo Mediterráneo, seguen querendo entrar en Europa, porque no seu país seguen a ser uns apestados e seguen a temer polas súas vidas, pero en España e noutros países da Unión Europea non se cumpriu co pactado en relación a acollida de refuxiados. Quero recordar que unha parella moi famosa nestas datas María e Xosé non eran mais que uns viaxeiros que buscaron asilo nunha corte na que unha mula e mais un boi lles daban calor.

Pero estamos en Nadal, a lotería non tocou, ou polo menos a min non, pero temos moita saúde e amor que é o que importa, Decembro o mes da saúde e do amor, nada que ver con Febreiro, e coa saúde doutros meses, neste mes todos temos  un estado de saúde óptimo, como diría o doutor

Durante estas festas todos estamos expectantes, primeiro esperando o alumeado das rúas a árbore na praza, que bonito todo! Este ano o Concello mandou unhas luces fermosas para que o pobo estea engalanado. Que sorte! Ah, non, se o Concello non puxo nada se as pagamos nós! Pois vaia, nin iso dan!!

Os veciños como sempre colaborando colocan as luces e árbores, así como figuras varias subindo polos balcóns e fiestras que poden camuflarse cos ladróns que entran nas casas e aproveitan que non estamos para deixarnos sen un peso, ou sen o pouco que aforramos das compras do Nadal. Amigos quitade esas personaxes pois son o reclamo dos amigos do alleo, son como un sinal aquí podes entrar, se entro eu que son gordo e visto de vermello, ou nós que somos tres podes tamén entrar ti. Por favor, facédeme caso, aínda estades a tempo de quitalos ou polo menos electrificádeos para que ninguén se poida agarrar a eles ou poñede un cartel que diga: “So poden subir aqueles que traian un saco para repartir, e non para recoller”.

Pero ben seguimos, nestas datas tan entrañables ofértanse unha morea de actividades para nenos e maiores: O Apalpador, chocolatada... O que ven sendo festa con algo de comer que é o que nos gusta aos galegos.

E pasamos agora a seguinte estación o mes de Novembro.

Durante este mes celebramos o magosto, a festa da castaña, na que mais de un remata como o froito estourando de tanto comer e beber. Como bos veciños e amigos facemos magosto coa Asociación de Veciños, con Agromadas, cos do fútbol, coas Mulleres Rurais, coa familia, coa panda, cos do barrio, os do Cabildo quedaron tan contentos que tiveron un magosto de 2 días, todo ao grande; e acabamos coas existencias de chourizos e castañas, así como de viño e licor da provincia.

A audiencia Nacional Española manda a prisión provisional ao Goberno de Cataluña pola realización do referendum sobre a súa independencia. Entran en prisión algúns dos representantes, todos non Carles Puigdemont e parte do seu goberno está en Bruxelas e deixa aos seus compañeiros sos ante o perigo.

Ante esta situación e outras acontecidas en Cataluña durante este ano convócase unha folga xeral.

En Arxentina o submarino ARA San Juan desaparece con toda a súa tripulación a bordo, son moitas as familias que choran a perda dos seus seres queridos e piden unha explicación.

Seguinte parada mes de Outubro.

E antes de entrar no Samaín celebrábase a Semana Cultural 2017 , acadando o seu XXX Aniversario. Entre as actividades Teatro infantil, festa do socio e concerto de Clausura levado a cabo por Trovare e Cantigas de Seixo.

O noso veciño Adolfo Zon Pereira asistía como poñente ao coloquio “Misión aquí, Misión allí” que se celebraba no Centro Cultural Marcos Valcarcel- Deputación.

Créase a páxina de fecebook, “Seixalbo no recordo”, onde podemos contemplar a vida deste pobo e as súas xentes, a través de imaxes que suben os seus integrantes. Teño que dicir que esta idea foi un gran acerto e merece un grande aplauso por parte nosa.

Celébrase o referendum sobre a Independencia de Cataluña, considerado ilegal polo goberno español.

O Parlament Catalán aproba unha Declaración de Indepencia de España  sen recoñecemento internacional. O Goberno español aplicando a Constitución Español destitúe ao goberno e convoca eleccións para o 21 de Decembro.

Parte do Govern de Catalunya incluíndo ao Presidente Carles Puigdemont foxe a Bélxica tralo seu cese.

Atentado terrorista en Manhattan levado a cabo por atropelo masivo. Agora xa non fan falla bombas para matar ou ferir, con roubar un furgón ou camioneta basta.

Galicia arde nunha fin de semana. Despois de moitos meses de seca e altas temperaturas impropias do mes de outubro, os galegos volvíamos a chorar polo noso monte e sacabamos forzas para apagar os centos de focos que estaban activos. Moitas familias tiveron que saír das súas casas co posto, veciños uníronse para axudar a apagar os lumes porque os efectivos anti- incendios da Xunta e Concellos non chegaban. O goberno galego cualificou este acto como terrorismo, pero unha vez mais puidemos ver como o afán de moita xente, xente a que non lle importa botar unha man cando se lle precisa, xente que traballa polo común se enfronta a un mal que por desgracia os galegos xa estamos acostumados. Como di o anuncio do Gadis “Vivir como galegos” implica que ano tras ano vexamos como arde o noso monte sen que a política de prevención que leva a cabo o noso goberno serva de nada. O atentado fano eles facendo as cousas mal ano tras ano, ese si que é un atentado “terrarista”, contra a nosa terra.

Seguindo coa nosa viaxe en tren entramos no mes de Setembro.

         Comeza a escola e a xente recobra o ritmo normal dos seus quefaceres. Despois de moitos meses sen chover, cos ríos, regatos e pozos baixo mínimos históricos, a vendima adiantase por mor da seca. Miles de viticultores da provincia e de Seixalbo afánanse por coller o que queda para facer un bo viño, o caldo galego que non nada que envidiar a outros en sabor, cor e aroma.

O sábado 30 de setembro estreábase no Auditorio de Penouzos a peza teatral “Corazón de Mosqueteiro”, coas entradas esgotadas, segundo din, 3 días antes. A organización tentou solucionar este contratempo coa colocación dunha pantalla xigante na Infesta, como último recurso e nun intento de frear a rebelión popular que aclamaba ver aos seus ídolos e actores favoritos do elenco de “Ese día sae” e “Seixalbo baila”.

O furacán Irma azouta o Mar Caribe, Cuba e a Península de Florida, deixando mortos e cidades desbastadas, pouco despois o Furacán María entra en Puerto Rico. Terremoto en México. Ataque terrorista en Canadá. Eleccións en Alemaña, gaña Angela Merkel, isto último mais que un desastre natural é animal.

O Tribunal Constitucional Español ordena a suspensión do referendum independentista catalán.

A seguinte parada é o mes de Agosto.

O mes das vacacións por excelencia, o mundo volve a estremecerse ante un novo ataque terrorista en Barcelona, unha furgoneta atropela a varios peóns na Rambla, é o 1º atentado yihadista na cidade. Ao día seguinte en Cambrils 5 terroristas arroian  a varios peóns no Paseo Marítimo da cidade e atentado en Turku ao sur de Finlandia, reclamado tamén polos yihadistas e en Surgut- Rusia.

Cerca de medio millón de persoas se manifestan en Barcelona incluído o Rei Felipe VI e o presidente do goberno Mariano Rajoy, pedindo outra vez un “basta xa”. Con masacres non se solucionan as cousas, ao contrario, complícanse cada vez mais, gustaríame, e xa sei que é un soño, que o meu fillo puidera vivir nun mundo sen guerras, sen loitas de poder, no que todos e todas puideramos camiñar libremente sen medo a que unha bomba, un coitelo, un camión... acaben cos nosos soños.

E como non, mais desastres naturais como o furacán Franklin toca terra na Costa de México e o Harvey en Texas e Louisiana, un terremoto en Italia na illa de Isquia, Nápoles.

Os afortunados puideron gozar dun eclipse solar total  e un eclipse lunar parcial.

E chegamos ao mes de Xullo.

Seguimos cun verán seco e caloroso, a xente busca destino para viaxar e pasar as súas merecidas vacacións, en turismodeourense.es propoñen como lugar a visitar a Seixalbo, un núcleo rural de orixes medievais que aínda conserva o encanto da arquitectura tradicional da época, casas de pedra e canellas polas que pasear. Con xente hospitalaria, que traballa a terra para que a súa colleita de pementos, con denominación de orixe “Seixo Albo”, sexa cada ano mellor e a envexa doutras ca provincia como Arnoia. Cada ano cultívanse miles de sementes deste froito tan prezado para os Seixalbeses, que este ano andan preocupados pola produción por mor da seca. Comentan nos bares da zona como o Deportivo e o Macuto, no Super da Rosi que cada ano se ven con menos folgos para levar a cabo esta labor tradicional e sobre todo para poder chegar a tempo coa colleita a celebración da Festa dos Foros.

Festa tradicional desta terra por excelencia é  a Celebración dos Foros. Xa pasaron 12 anos desde que Agromadas decidiu recuperar e festexar a data de 1859, ano no que se fallou en Madrid o fin do litixio do pago dos foros e rendas á Santa Igrexa Catedral de Ourense. O xuízo durou 20 anos, onde os seixalbeses saíron victoriosos liderados por Fernando Freire Carril.

Ademais fallouse o 9º premio Freire Carril recaendo no Foro Enrique Peinador e nomeadamente no seu presidente Xosé González Martínez, pola promoción da cultura e idioma de Galicia.

No auditorio de Penouzos levouse a cabo, con cheo total, xa que non pode ser doutra maneira, a obra “A xustiza feminina é singular” escrita por Margarita Seara Pazo. Esta representación foi aprazada do venres 30 de xuño ao domingo.

Deixando Seixalbo a un lado, conmemórase o 20 aniversario do asasinato de Miguel Ángel Blanco a mans da banda terrorista ETA. Moitos recordamos aquelas horas de tensión mentres esperabamos un final feliz que nunca chegou. ETA mataba a Miguel Ángel e a xente saía as rúas pedindo un “Basta xa”, pedindo o final ao terrorismo en España, final ao medo, a vivir en tensión.

O corpo de Salvador Dalí era exhumado para a realización dunha proba de paternidade.

Mariano Rajoy declaraba como testemuña na Audiencia Nacional polo caso Gürtel, e a rede de corrupción política vinculada ao PP, onde o presidente se zafaba despois de esgrimir na súa defensa que el só marcaba as directrices políticas, non contables, el so se dedicou a política sen entrar en “menudencias”, pois vaia eles enchendo os seus petos e o pobriño sen darse conta, este conto écheme moi parecido ao de certa infanta que tampouco sabía de onde lle viñan os cartos ao marido, pero ese é outro conto.

Eleccións en Venezuela para elixir a Asemblea Nacional Constituínte, quen se encargará de redactar a nova Constitución.

Terremoto na illa grega de Kos, fortes chuvias en Xapón.

E entramos na estación central, na metade do ano o mes de Xuño.

San Xoán festa patronal de Seixalbo non se celebraba con grandes verbenas. O 23 no parque da Infesta, organizado pola Asociación de Veciños San Breixo celebrábase a fogueira coa tradicional queimada elaborada por dous grandes entendidos na materia: Hixinio Nóvoa e Xosé Carballido,  e cun esconxuro particular que a meiga maior Rita Viana leu para todos nós, co que as xentes de Seixalbo quedaban esconxuradas, nunha noite Meiga como é a de San Xoán.

Non fan falla grandes orquestras para facer unha festa, diso sabemos moito neste lugar no que os seus veciños seguen a reunirse pola noite e semanas antes na preparación das alfombras e altares tanto na Praza do Cabildo como na Praza Maior onde por mor da calor asfixiante que neses días acontecía dobraban as candeas.

Sen medo a calor camiñabamos pola Limia da man de Xosé Santos Otero.

Agora teño que falar doutro desastre mais, neste mes era Portugal o que ardía. O país veciño choraba pola súa perda persoal e ambiental, no que o lume un ano mais facía que moitas das zonas foran consideradas catastróficas.

O Real Madrid gañaba a duodécima e  club Deportivo Seixalbo fichaba a Alba Rodríguez.

O bando Santander compraba o Popular por un euro din, quen o soubese en lugar de gastar os cartos en gominolas agora sería dona dun banco.

Un novo atentado yihadista acontecía en Londres e en Bruselas na estación Central. Terremoto en Guatemala, Salvador e Honduras.

Celebráronse eleccións xerais en Reino Unido e Malta.

Las FARC completan definitivamente o proceso de desarme.

Parada no mes de Maio.

Celebrábase o Festival de Eurovisión no que gañou Portugal cunha peza interpretada con moito agarimo por Salvador Sobral. Como case todos os anos España realizou unha actuación maxistral e quedamos nun lugar privilexiado. E eu pregúntome, realmente nos compensa seguir saíndo a Europa a facer o ridículo? Ah! Será que xa estamos acostumados a que o fagan os nosos representantes que a nós tanto nos ten.

Atentados suicidas en Bagdad e Basora, e no Manchester Arena durante o concerto de Ariadna Grande.

O peri abala os usos comerciais dos baixos, acción que celebraban os veciños que ven un futuro laboral dentro do pobo.

Este ano no Día das Letras Galegas, o autor homenaxeado foi o Ourensán Carlos Casares e no local de Agromadas celebrámolo cos alumnos e mestres do CEIP de Seixalbo, acto coordinado por Mela.

E chegamos ao mes  Abril.

Este ano o de augas mil, non, mellor augas non vin, o que si puidemos ver foi outro atentado no metro de San Petesburgo en Rusia. Eleccións en Francia gañando Enmanuel Macron, e festexando porque a ultra- dereita francesa non chegaba ao poder.

 

Seguidamente  entramos no mes de Marzo.

Outra estación tranquila na que poucas cousas pasaron. Las FARC inician o proceso de entrega de armas.

Atentado suicida en Damasco, bomba no F.M.I., tiroteo no aeroporto de Orly en París e atentado terrorista en Londres.

O Reino Unido activa o Brexit.

Pero non todo está perdido, unha luz resplandece no horizonte, Xestreu presenta o seu traballo “Non me toques a saia”, abalado por unha campaña en defensa dos dereitos da muller, porque queremos se nós quen digamos cando, como, onde e quen pode ou non tocarnos a saia.

Xa case estamos chegando á final da nosa viaxe entrando no mes de Febreiro.

Celébranse o premios Óscar,  Goya, o festival de cine de Berlin e os Grammy latinos e en Seixalbo celebramos a tradicional romaría a Santa Águeda e o Entroido.

O Entroido, festa que esperamos durante todos ano, comezaba as súas andainas uns domingos antes correndo as olas na praza Maior e a presentación dos mecos Paquita,  Nicanor e desde non hai moitos anos Vicentiño, vestindo as súas mellores galas, que cada ano realizan diferentes familias de Seixalbo. Estas personaxes emblemáticas do Entroido do noso pobo son levadas en procesión polas rúas e colocadas para o gozo de todos os Seixalbeses no balcón da Pura, na Praza Maior. Ademais este ano Paquita e Nicanor visitaron a radio, Radio Ourense Cadena Ser.

O domingo de entroido o “cocido bacanal”, tradicional desde hai uns cantos anos, encheu a carpa de xente cun banquete para 300 persoas que rematou en festa ben entrada a noite.

O martes de entroido as comparsas desfilaron polas rúas de Seixalbo botándolle un pulso a choiva, que ao final deixou que todo rematara nunha festa amenizada polas copras cun alto ton irónico e burlesco, que con agarimo preparan as anterior citadas comparsas, para o gozo de todos os que veñen a celebrar con nós esta festa, e a tradicional queima dos nosos ben queridos Paquita e Nicanor, coa promesa de que ese ano remata a festa pero que o ano próximo será mellor.

Este ano durante a festa tivemos a visita do presidente dos Estado Unidos Donald Trump que propuña construír o seu famoso muro en Seixalbo.

O mércores de cinza tivo lugar o enterro da sardiña, e pola mesma pola mesma quedou rematado o entroido.

Dando un punto e aparte ao Entroido, levouse a cabo o concerto- presentación do libro de Manuel Herminio “Rosas e Craveles” en palabras do seu autor “Quixera que a música de raíz galega supere o campo do Folclore”.

E chegou a Seixalbo a revolta do Wiffi, que retrasou a aprobación do PERI, porque a implantación do plan non pode impedir o progreso,  o pobo precisa estar conectado, e pide que se solucione este contratempo.

En relación ao caso Noós a Infanta doña Elena de Borbón é absolta, despois de declarar que ela non sabía nada, seica era como a canción de Shakira, “cega, xorda, e muda”, eu pensaba que a irmá deficiente era outra, pero ben, e o seu marido Iñaqui Urdangarín incúlpanlle 6 anos de prisión, que non cumpriu tras pagar unha fianza. Viva a xustiza igual para todos!!

 Podemos contemplar un novo Eclipse lunar e nomean a primeira muller comisaria de Scottand Yard, e xa somos mais as que estamos en postos de

E chegamos á final do noso percorrido entrando no mes de Xaneiro.

Comezamos o ano 2017, contando as uvas que nos quedaron sen comer ou votando fóra as pebidas que case fan que afoguemos. Brindamos con viño espumoso do país, e homenaxeamos a todos os Manolos e Manolas que coñecemos,  e despois de todo isto facemos balance do anterior e comprometéndonos a cambiar aquelas cousas que non nos gustan. Facemos bos propósitos como este ano seguro que adelgazo, farei dieta e vou a ir ao Paco Paz a facer deporte ou sairei a camiñar por onde o río, aprenderei inglés, deixarei de fumar, de beber... Ata que remata o ano e dámonos de conta de que gústame comer, odio suar e facer deporte, non vou saír deste país así que con saber galego e castelán vou sobrada, e fumar e beber fanme mais atractiva e graciosa, así que o que me quiten o bailao.

Celebramos a noite de Reis e esperamos que nos traian todo o que pedimos na carta, volvemos a xuntarnos coa familia despois de fin de ano e probamos a rosca de reis do Roberto, que cada ano lle queda mellor e ven máis completiña. O grupo de teatro “Ese día sae” estrea en Penouzos “O día de Reis”. De regreso a Oriente os Reis fan parada en Seixalbo, para facer balance, polo medio, amores, desamores e calzonazos.

Ese día espertábamos coa noticia de que na noite de Fin de Ano un coche bomba atentaba nunha discoteca en Bagdad e Estambul, polo grupo terrorista Estado Islámico.

O Consello de Estado recoñece despois de 14 anos a responsabilidade do Ministerio de Defensa no accidente do avión Yak-42, as familias afectadas xa poden descansar despois de varios anos de loita.

Saqueos en México polo aumento do prezo do gasoil., un terremoto no centro de Italia, outra Bomba no metro de Austria, Alepo bombardeada.

E Donald Trump toma posesión da presidencia de Estados Unidos.

Como vemos un ano completiño, non faltou de nada. Teño que dicirlle a Marisol que a lei Wert segue aí, ao noso pesar; os fondos de pensións polo de agora non se acabaron, veremos cando nos toque a nós xubilarnos; o AVE María hai tempo que chegou o outro aínda non; seguimos vendo que hai mais mulleres asasinadas a mans das súas parellas, creo que neste ano son 48, esperemos que para o ano que ven, nin unha mais nin unha menos, se cumpra por fin, e que o Goberno cumpra co pactado en política de defensa da muller. As guerras seguirán mentres uns poucos se lucren disto. E os políticos corruptos tamén, creo que o da corrupción é a letra pequena que firman , e que nos non vemos, cando chegan ao cargo.

Non quero despedirme sen recordar aos veciños que nos deixaron este ano, que en paz estean, e aos outros veciños que naceron, moita sorte na vida.

Moitas gracias a todas e todos pola paciencia e gracias a Agromadas pola experiencia que me brindaron.

Dicirvos sinceramente, que espero que o novo ano 2018, que seguro virá cheo de acontecementos sexa un ano próspero para todas e todos, e deséxovos moita felicidade, ou polo menos que nos iniciemos na súa busca, buscade a felicidade que os desastres veñen sós.

E agora damos paso a lectura dos desexos do ano pasado.

Nila Caballero

 

 

 

 

 

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net