Lembrando a José Pereira
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
Lembrando a José Pereira Rodríguez
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego

Lembrando a José Pereira Rodríguez

memoria colectiva sempre foi sumamente fraxil. Pero de seguro que os veciños de Seixalbo sempre o lembrarán a vostede que, xunto con Fernando Freire, fixo un gran esforzo para liberalos do pago dos foros que consistía en 500 moios de viño anuais ó Cabildo da Catedral de Ourense...” Estas e outras verbas están nunha misiva de xullo de 1859 recollida no libro: “Seixalbo, anacos do pasado” de Marga Seara e dous autores máis. Libro que publicou Agromadas no 2007. Nesa carta, Santingo Aguiar y Mella, procurador en Madrid, comunícalle ó avogado de Allariz Bernardo Placeres Feijoo, defensor dos veciños, o éxito do xuizo que os liberou, nesa data, da pesada carga foral. 

Mais o certo é que co paso dos anos, a memoria colectiva convírtese en total esquecemento, e sobor de todo cando os feitos e aconteceres non quedan recollidos nalgún medio. Desta maneira, os que foron servidores públicos e persoas de ben que traballaron pola comunidade, maiormente viven no esquecemento total e son ignorados polas novas xeracións de habitantes do lugar. E como a vida é así, Agromadas e a Asociación Veciñal San Breixo, como entidades máis representativas de Seixalbo, tomaron a iniciativa para recuperar o nome de persoas que foron salientables nesta pequena vila ourensá por seren defensores das causas do común. 

Ese foi o caso de José Pereira Rodríguez, concelleiro moitos anos en Ourense e alcalde da cidade durante dous. Persoa de ben que tiña a gala ser de Seixalbo, lugar no que desenvolveu unha labor importante, pois foi artífice da instalación dunha fonte de tres tanques hoxe soterrada na prazuela de Fernando Freire, e no 1931, do primeiro saneamento que houbo no lugar. Andando o tempo, este saneamento sería remodelado por Lino Cid Gutiérrez e, a partires dos anos oitenta do século pasado, modernizado de novo dende o concello sendo alcalde Manuel Veiga Pombo. De José Pereira cóntanse varias historias que falan dun home moi austero, recto e íntegro, persoa moi apreciada na cidade e tamén por todos os veciños do lugar.

Seixalbo sempre foi un pobo onde o traballo colectivo tivo unha relevancia moi importante, pois todas as melloras ate ós anos setenta do século pasado sempre tiveron unha achega coa colaboración persoal e incluso económica a modo do que se coñecía como peonadas. Por iso, o domingo 7 de outubro, as sete e media da tarde, descubrirase unha placa na casa onde naceu e viviu ate a súa morte o mentado veciño. E nese acto Agromadas e a Asociación de Veciños San Breixo queren lembrar a todos os alcaldes de barrio, ou pedáneos como se lles coñecía, que exerceron nesta vila en tempos moi difíciles, pois todos traballaron e mantiveron aceso o espíritu de colaboración e unidade que tiña, e aínda se mantén, como bandeira pra acadar mellores servizos neste núcleo histórico do noso concello.

A memoria colectiva, aínda que sempre é feble, cando existe espíritu de comunidade para as cuestións públicas deixa tras de si unha bagaxe moi positiva. Isto é o caso de Seixalbo, onde as diversas entidades que hai traballan a día de hoxe unidas nesa liña.


Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net