CATALUNYA
Autor:María Jesús Pazo
CATALUNYA
Autor: María Jesús Pazo
Galego

Catalunya

Sobre Catalunya todos temos algo que dicir, todas temos opinión. Pero  ultimamente, mesmo con xente moi afín, prefiro non tocar  o tema catalán porque sei que as opinións poden ser moi enfrontadas, e levar a agrias discusións. E eu xa non estou para iso.

E como me resulta máis fácil escribir que falar, aí vai , máis ca unha opinión, un sentimento para quen o queira ler.

Eu era nacionalista, e digo era porque hoxe xa non sei o que son. As poucas veces que falamos do tema, a miña filla, que vive en Cataluña, e ve as cousas dende alá, o que produce, sen lugar a dúbida,  unha visión diferente, non entende que cando era xove berrara: Galicia ceive, poder popular!!. Benvida ó próximo embaixador de Euskadi en Galicia! ... e cousas polo estilo.

E que hoxe lle diga que non estou dacordo co que está facendo o gover. Que me disgusta profundamente que os cataláns berren e pelexen tan encarnizadamente  pola súa independencia e meto no mesmo saco ós ingleses  co seu endemoñado breixit, quizais porque está ocorrendo á vez e me produce o mesmo sentimento.

 Xustifícome ante ela dicindo que cando eu berraba, facíao dende unha Galicia empobrecida, emigrada, misérrima, onde só había camiños para os carros e o gando, dende a miseria da xente do rural que só tiña chancas, dende a negrura das viuvas de vivos, dende a falta de estima por unha lingua viva só entre os máis pobres, dende a desigualdade clarísima. Eran berros de impotencia, de amor polos máis desfavorecidos, pola inxustiza coa que se trataba a un pobo rico, pero empobrecido por unha mala administración.

 Ai!,pero hoxe Cataluña, o mesmo ca os ingleses,- non digo que sexan casos idénticos- berran dende un sentimento de superioridade,dende unha sociedade que avanzou a un ritmo máis rápido e que está  noutro nivel da súa evolución política, social...e queren deixar de lado ós que segundo eles, somos rémoras, que lle impiden avanzar, ou mellorar aínda máis as súas condicións de vida.

Os cataláns son xente amable e admirable en moitos sentidos. A verdade é que é outro mundo. Saben facer as cousas ben e loitan polas súas costumes, pola lingua, (unha das cousas que máis envexa me dá) que a falan sen complexos, orgullosos de sentirse diferentes, de ser unha sociedade máis europea, menos rural, máis formada, máis educada, con valores claros, sabendo o que queren ...sen complexos ( outra cousa que me produce envexa). Unha das editorias que lembro con máis agarimo e que me permitían traballar cos nenos e nenas, nos meus comezos come mestra dunha forma creativa e divertida en galego... era catalana!!!! Edicions Casals, rúa Caspe 79- Barcelona 13. Aí facía os meus pedidos. " O raposo pillabán", aínda anda pola casa.

 Pero o seu empeño en abandoarnos despertou un españolismo atroz con graves consecuencias . Trapos colgados das ventás, cantos que debían quebrar a gorxa, actitudes, redes socias que botan lume con falsedades e terxiversacións.... Empeza a saír entre a xente  un sentimento de antipatía, de molestia, de irritación. E eu , que son xente,  mandaría ós seus gobernantes á casa ou a tocar o bombo nas festas.. É dicir, implantaría en Cataluña unha amorosa dictadura de mamá galiña: aquí , todos quietos.

O máis triste é que poden ter razón... pero iso non me obriga a darlla. Ou saímos  todos da merda ou ningún. Xa está ben de privilexios! A quen se lle ocorre quitarme do meu letargo invernal? Co ben que estamos así, todos xuntiños... para que os conflitos!...

As crises son así, polo visto, fan xurdir cousas que estaban esquecidas, agochadas, esperando o seu  momento. ( E  que eles estaban preparando ladinamente dende ía moito tempo). Tamén te enfrontan  ás túas contradicións. Moito berrar nas manifestacións, mamá, pero á hora da verdade, na casa e coa orella gacha! Eu dígolle que me queda o privilexio dos que imos para vellos: pensar,  dicir e facer o que nos dea a gana. A que si? Estou segura de que moita xente sinte coma min.

 Quizais me  estou aferrando ó meu complexo de inferioridade, xerado xeración tras xeración na miña propia terra, á miña castración coma ser reivindicativo por un sentimento impregnado de incipiente vellez e a formación pacifista e amorosa que che vai asolagando a alma, e a vida.

Pero  aínda que así sexa....como ser humano, como muller, reivindico  a paz, o amor, a igualdade dentro da diferenza, prometo solemnemente que non vou reenviar toda esa vasura anticatalanista que anda polos wasaps, seguirei mercando cava e comendo pantumaca e reprócholle á política que non saiba resolver os conflitos de forma intelixente. Iso é todo.

 Pero que non e que non, aquí todos xuntos!! E os que se sintan superiores que se vaian a Bélxica ou a Suiza.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net