TORREVELLA
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
TORREVELLA
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego

VOLVE O TORREVELLA

Manuel Herminio Iglesias

No medio de novas cargadas de incertidume sobre o que acontece no mundo, e dentro del en Venezuela, co desexo de que  haxa eleccións libres e se arranxe o saunto,  escollo  o camiño local para falar do que teño máis perto da casa. Sí, desas cousas pequenas que o acontecer trae e que case sempre  son motivo de ledicia, pero que pasan sen pena nin gloria.

Foi no ano de 1985 cando a Asociación veciñal San Breixo de Seixalbo empezou a súa andaina vital. Aínda que nacera anos atrás pero  estivera invernada.

Ate a quela data, eran os chamados pedáneos nomeados polo alcalde da cidade os que servían de canalización das necesidades do rural ourensán. Eran homes bos, pero o seren nomeados polo dedo amigo do rexedor, estaban faltos de apoio reivindicativo, cuestión esta  que foi aproveitada polas AA. VV. para abrirse camiño.

Moito choveu dende aqueles anos. Moitas cousas trocaron para mellor nesta antiga Vila e Couto. Con todo, cubertas as reivindicacións máis importantes como era  a sustitución do saneamento e enlousado antigo en todo o coxunto e un longo etc. naceu un boletín trimestral que bautizamos co nome de Torrevella en lembranza dunha torre que existiu nun alto entre Zaín e Seixalbo, onde un tóponimo lle dá nome ó lugar, pois aínda hai vestíxios de tal construcción.

Cabe lembrar que, daquela os medios que tíñamos para edición daquel folleto de máis de 16 paxinas, non eran os que hai hoxe. Todo era moito máis artesanal e complexo.  Con todo, co esforzo de Juán  Pérez Ferraz e Maga Pazo entre outros,  nos quince  números que se editaron, aflorou  a vida dunha comunidade vital moi ignorada na cidade. Unha comunidade que tiña vida propia; unha historia singular e que mantiña unha dinámica interior que aínda hoxe pervive  e funciona.

O boletín tiña unha editorial, unha guía de contidos,  un apartado de novas, outro de opinión e tamén entrevistas coas persoas maiores que se consideraban sabedores de moitas das historias por seren a memoria do lugar. Por razóns nunca aclaradas, dende 2002 cando  a presidencia da asociación  muda e aparece outra directiva, esa publicación e outras  que se fixeron, pasaron  ó esquecemento e quedaron soamente  como un recordo na memoria dalgúns.

Agora, despois de máis de 15 anos,  renace esta publicación  pola iniciativa de Xoxé Carballido e  a directiva que preside. E  aínda que, desta vez,  sae  cun relatorio das actividades que anualmente fan todos os entes asociativos en Seixalbo, é un motivo de ledicia. Esperemos que iste boletín vaia tomando forma e trimestralmente volva a recoller non só os feitos desta nosa vila, se non que aspire a ampliar o seu contido e tome outra dimensión neste Ourense tan aterido  no cultural e no  reivindicativo. E así poder  manter e aumentar as iniciativas que neste núcleo existen e dás que sempre é bo que quede constancia para o futuro.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net