Localización
Seixalbo abrangue ademais do núcleo que lle dá nome os lugares de Zaín, Curuxeiras, parte do Cumial e Porteiro, formando entre todos a Parroquia de San Breixo de Seixalbo. A zona referida esténdese dende o cruce da antiga estrada de Celanova por San Cibrao das Viñas, ata o alto do Cumial, límite co concello de San Cibrao das Viñas. Polo Leste ten os pobos de Curuxeiras, Zaín e Rairo; polo Oeste linda co río Barbaña co que fai fronteira natural con San Cibrao das Viñas.
A extensión que ocupa a zona reseñada é de seis quilométros cadrados aproximadamente.
Etimoloxía
O nome de Seixalbo lévanos a recontruir un SAXUM latino que significa pedra e unha raíz prerromana ALV- que fai referencia a altura e que está presente en topónimos como Penalva, Trasalva, Alvite, etc. Non obstante a etimoloxía popular máis aceptada e actualmente oficial é a de "peneda branca" do latín ALBUM, "branco" .
As primeiras épocas
Das orixes de Seixalbo nada se sabe con certeza. Só podemos manexar hipóteses con datos que nos aporta a toponimia.
Apoiándonos na mesma podemos imaxinar unha primeira poboación megalítica asentada no lugar dos "Chaos da Moa".
Castro Foxo
Seguindo o percorrer dos séculos aparecería neste lugar unha poboación prerromana ou castrexa no denominado lugar de Castro Foxo. De tódolos xeitos, non hai excavacións que o confirmen.
Seixalbo ó abeiro dunha vía secundaria romana
Vista da Rúa Maior dende o Recanto da Praza.
Parece acertado pensar que o asentamento que dará lugar ó Seixalbo medieval nace ó aveiro dunha vía secundaria romana que co paso do tempo será coñecida polos nosos antergos como Verea Real, ou Camiño Vello de Castela, e que cruza o pobo de Norte a Sur pasando pola Praza Maior.
Esta vía actualmente esta sinalizada como a Vía da Prata. Ó seu paso por Seixalbo, aínda se pode contemplar o fermoso arco de medio punto do hospital de peregrinos, e pararse a meditar na capela renacentista da igrexa de San Breixo para seguir camiño á cidade das burgas, despois de beber na Fonte Nova.
A Idade Media e Moderna
No ano 886 Afonso III o Magno doa ó Bispo de Ourense o territorio comprendido dentro do Couto Vello do que Seixalbo forma parte. A partires de entón e até mediados do século XIX, o Cabido e a Mitra ourensá exercerán o señorío xurisdiccional e territorial en Seixalbo. Como tal Señor, o Bispo ten casa no pobo; as terras perténcelle, sendo quen de explotalas directamente, arrendalas a cambio dunha parte da colleita ou mesmo dunha renda fixa.
Este tipo de contrato coñécese como foro.
Detalle do cruceiro da Praza
Ó ser o propietario legal, tamén pode vendelas. Como Señor xurisdiccional o Bispo é o único que pode administrar xustiza, nomear alcaldes ou xuíces, que normalmente actuaban en beneficio de tal Señor. Desta época xa posuímos documentación, case toda foral. Dela despréndese que en Seixalbo había un núcleo importante de casas, dividido polo Regato das Dilueiras, hoxe Rúa da Regata que atravesaba a "Ponte do Río" da que só queda o topónimo.
A meirande parte da poboación debeu habitar en vivendas cativas e humildes e vivir fundamentalmente do seu xornal. Moitas destas casas conserváronse ben até o século XIX, no que se leva a cabo en Seixalbo unha profunda remodelación.
Sabemos polos contratos forais que o produto máis valorado na época era o viño, polo que era o requerido nestes; pero tamén nos quedan algúns nos que o aceite era o produto requerido, e de feito, quedan restos na toponimia. Os excedentes da produción van ser comercializados na cidade.
Tamén o Cabido Catedralicio foise facendo con propiedades en Seixalbo. Para administralas mellor asina arrendamentos dos tributos que se recollían na "Tenencia do Cabildo", lugar que aínda existe en parte, na Praza que leva ese mesmo nome.
Ademais pesaban sobre os labregos outros moitos, tributos coma o décimo, que consistía na décima parte de todo o colleitado nestas terras.
Tamén había no lugar un alpendre na Praza Maior onde se reunía o Concello, ademais dun cárcere que servía para deter ós delincuentes en espera de que o Bispo impartira xustiza. No primeiro andar do Cárcere estaba situado un pequeno almacén onde se gardaban as pesas e medidas que había que ter como referencia en trasaccións.
Non podía faltar no lugar un pequeno hospital para peregrinos que ían camiño de Compostela. Parece que estaba localizado nunha dependencia da casa parroquial.
Xa dixemos que tamén tiña o Bispo casa no lugar, situada, segundo se pode deducir na documentación, na Praza Maior, chamada por aquel entón Eira Vella. Esta casa, agora dividida, aparece nomeada como "Palacio Vello" e foi incluída dentro dos bens expropiados ó clero na desamortización en 1866.
O bispo tiña tamén unha adega na rúa do Cachón, á saída do lugar cara a ermida da Santa Ádega.