Volume 10 Número 2 Ano 2010
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
O recanto da música: Balada de outono
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
As follas caen zarandeadas polo vento que anuncia a chegada do inverno. Os días curtos e grises axudan e chaman pola melancolía pois está petando na porta o Nadal e con el o solsticio de inverno, a noite máis longa e o día máis curto do ano. Axiña caerá o 2010 e empezaremos o 2011 para seguir a cumprir o rito do calendario que marca as nosas vidas.

Xúntome cuns amigos para matar o tempo cantando unhas melodías que, a día de hoxe, parecen anticuadas. E coa noite riba de nós empezamos a cantaruxar como o faciamos en tempos no coro no que tanto disfrutamos: Agromadas.

Primeiro unha cantiga de amor; logo outra relixiosa, logo outra do país e así imos matando o tempo.
Ou se a caso, o tempo nos vai matando a nós. Remata o ensaio informal e os compañeiros márchanse para a casa.

Como as noites cada día son máis longas, e para non acocharme no leito moi cedo, collo a guitarra e enlazo os acordes que lle dan soporte a unha melodía moi sinxela. E así, desta maneira naceu esta cantiga que se chama Sofía. É un canto de berce que mesmo valería para facer durmir ao neno máis fermoso do mundo. Ou para namorar ou despedirse dunha rapaza. En fin, se se canta con gusto pode valer para moitas cousas. Pois a música, aínda que sinxela, feita con alma e interpretada con dozura e sentimento, ergue paixóns, transmite sensacións e alimenta a sensibilidade da xente.

As follas seguen a caer pois están mortas, o inverno cada día está máis preto e, xunto cos meus compañeiros, matei o tempo lembrando as cantigas de antano e con elas aqueles fermosos momentos nos que fun tan feliz na coral Agromadas. Logo escribín un texto que musiquei e, agora, voume un chisco máis ledo a descansar, pois mañá é outro día e, quen sabe as sorpresas que me deparará a nova xornada.


Fai clic para agrandar...
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net