Soñar sempre foi necesario para os humanos. Dos
soños moitas veces irrealizables, nacen ilusións e metas. Que sería de
nós se non tiveramos unha meta, unha utopía, un soño!
No ano de 1966 un fato de rapaces fundamos o Clube de Amigos
de Seixalbo. A música era o eixo fundamental daquela pequena
organización. Os anos pasaron e daqueles rapaces que quedaron e outros
que se sumaron no 1987 naceu a Coral Agromadas. Agora no ano 2003
Agromadas segue coa música, ábrese a outras facetas culturais entre as
que se encontra a fundación da revista Multimedia SOLAINA. E seguimos
soñando, pois, a través das novas tecnoloxías, queremos comunicarnos
con quen queira comunicarse con nós; queremos divulgar as nosas
inquedanzas, o que facemos e sentimos, e abrirnos ó que outros fagan e
escriban.
Deste xeito seguimos camiñando pola vida coa intención de
sentirnos útiles á causa da cultura galega e ás culturas en xeral.
Dende este punto de vista SOLAINA quere ser unha fiestra
aberta á reflexión e ó debate sobre os diversos temas culturais que
atinxen ás xentes de hoxe.