Non é doado atopar un oco libre na vida de Pablo Oitabén: metódico, sumamente organizado, ten un tempo para cada actividade e cada actividade vai no seu tempo. Aínda así, cortés e amable, abre un espazo na axenda sen que por iso nos faga sentir en débeda.
Na figura de Pablo únense as cualidades de ser un gran debuxante, un experto en fauna e flora autóctona e un gran comunicador.
A súa vida xira arredor de tres polos: a súa docencia, a súa familia e a súa gran paixón, o gran proxecto, Ridimoas.
Desde a súa fundación, esta asociación ecolóxica e cultural, con máis de mil asociados, vén sendo presidida por el: naceu da súa man e co seu esforzo diario é hoxe recoñecida coma unha das asociacións ecolóxicas máis serias xa non só en Galiza, senón que a súa fama vai máis alá.
-Por que o pseudónimo Oitabén co que todos o coñecen?
Oitabén é o segundo apelido da miña nai. Cando me levou, no ano setenta,a Vigo para estudar pintura, quedou nos formularios o apelido e así me chamaban alí. Cando asinei o primeiro óleo dixéronme que asinara con Oitabén, coma o río de Pontevedra, e de alí procedía a familia da miña avoa Matilde.
-Como nace esa comuñón co naturalismo que se dá en ti?
O de naturalista venme porque con catro anos o meu pai emigrou a Venezuela. O meu irmán foise cos avós paternos e eu quedei cos maternos, así que nos criamos os dous irmáns separados;a miña avoa era muiñeira: eu pasei a miña infancia silvestre no muíño da Barbaña, no regato de Caldelas en contacto coas augas, cos peixes: con cinco anos botábame pola canle do muíño, montaba na roda coma se fose o meu carrusel particular, cunha enorme temeridade pola miña parte e cos temores da miña avoa... pero sobrevivín.
-Por fin, despois de algúns reveses parece que despunta vostede coma un triunfador.
Non, non -di contundente- Eu non son un triunfador. O pouco ou moito que fixen foi con moito tesón, con moita constancia. Na vida hai cousas que se poden facer moi rápido se tes un talento natural, cousa que eu non considero, pero tamén se poden facer se tes constancia. Ao prolongar ao longo de moito tempo unha actividade pódese ir corrixindo; pero claro, para iso é preciso que a vida te axude un pouco dándoche prazos vitais e estabilidade. A min a estabilidade laboral permitiume o que sempre desexei, estar en contacto coa Natureza. Aprendín tamén a non cometer moitos erros no trato coas persoas: aínda que falo moito coa xente, teño tino para non prexudicar á Asociación Ridimoas. Para conseguir o éxito da Asociación, non o meu, requírese unha gran honradez no traballo e unha gran constancia. Desde que eu comecei con Ridimoas comezaron outras moitas que xa desapareceron; algunhas chegaron axiña á cima, pero xa desapareceron. Ridimoas segue medrando: a realidade do bosque está aí grazas á constancia e á dedicación total.
-Cantos anos lle levas dedicado a este proxecto?
Lévolle dedicado moitos anos, pero non só son isto, é que ademais son os anos que deixei de dedicarlle á arte, pois eu comecei sendo pintor: no ano setenta e tres expuxen no Museo arqueolóxico de Ourense sendo director Ferro Couselo co aval dos pintores que estaban xa daquela consagrados e sempre pensei que chegaría a esta idade sendo un pintor feito e dereito.
-Que o fixo entón encamiñar a vida tan decididamente cara ao ecoloxismo?
Curiosamente foi no servizo militar, no que coincidín cunha xente loitadora; impartiamos clases aos soldados, comezamos a ter tertulias... era a época na que comezaron os incendios. Pareceume que o mundo agrario se estaba a esborrallar e que os bosques, tan importantes para os nosos antepasados ardían sen ningún beneficio.
-Cambiou a situación?
Eu considero que Galiza actualmente vive nunha ruína forestal, un trunfo do capitalismo sobre os valores tradicionais. Hai que cambiar a política de conservación totalmente: non se debería seguir subvencionando as repoboacións forestais, non se deberían dar axudas aos Concellos que deixaron arder os montes; habería que premiar en positivo, darlle os cartos á xente que coida.
-Sen embargo os políticos insisten en que o único xeito de parar os lumes é facer que o monte sexa rendible. É este enfoque incompatible á conservación?
O facer o monte rendible precisamente levounos a esta situación, a que se trastornada o sistema forestal: partimos dun bosque autóctono a ter monte de eucaliptos e piñeiros; de bosque pasouse a facer cultivos: as provincias de Pontevedra e Coruña pasaron a ter enormes cultivos de eucaliptos e en Ourense abusouse do piñeiro. Os bosques son rendibles por si mesmos, porque a paisaxe, un entorno equilibrado, que non se valora, proporciona calidade de vida e un respecto. Do mesmo xeito que sucede no ensino, se temos unha aula desordenada con desperfectos e mal coidada implica que os nenos a respecten pouco. Do mesmo xeito, os nenos e mozos que se incorporan á vida atopan un entorno destrozado.
Os políticos van sempre por aí prometendo estradas, autovías, trens de alta velocidade e a paisaxe galega chega un momento en que non é capaz de absorber este impacto. Até os anos sesenta a Natureza ía integrando estas alteracións: as estradas, os muíños, mesmo se integraron na cultura. Hoxe o entorno está tan alterado que xa é imposible sentir respecto por el. E isto parece non ter fin, porque cada un dos que chega quere deixar a súa pegada a súa obra.
-É posible que o monte se rexenere por si mesmo ou é vostede partidario de incidir sobre el para que esa recuperación teña lugar?
É certo que as nosas formacións vexetais teñen un gran poder de rexeneración. Pero se a introducción de plantas alóctonas, coma a mimosa ou o eucalipto, foron moi intensas a serie de recuperación é lentísima; nese caso habería que intervir matando as mimosas e plantas alóctonas, e tamén moi lentamente ir eliminando o piñeiral para deixar que as frondosas se instalen; é preferible non facer plantacións xa que as sementes vanse seleccionando elas. Pero o proceso de restauración vainos levar moito tempo, eu calculo que cen anos. E os políticos pensan en períodos moi curtos.
Se se fan cultivos arbóreos han ser de calidade: España é deficitaria en madeiras nobres e pódese pensar nas repoboacións con árbores coma o castiñeiro, do que ademais podemos aproveitar o froito. Pero hai que planificalas e sentar as bases para que futuras xeracións poidan ver algo, non podemos pensar en obter beneficios inmediatos.
-É tan crítica a situación actual?
A globalización cos movementos foráneos de plantas que buscaron a rápida producción industrial leváronnos ao caos, con enfermidades gravísimas para os olmos, os carballos... Estamos nun momento perigosísimo. Aínda por riba temos o cambio climático sobre o que xa non podemos actuar, co que as frondosas van ir en regresión, polo que deberíase nas planificacións para o futuro ir pensando en plantas que o soporten, coma as sobreiras e os cerquiños para ir mantendo un equilibrio. En canto aos animais vanse producir extincións locais, sobre todo nos que máis dependen da auga, coma os anfibios.
-Hai permisividade respecto aos agresores da natureza?
Nós levamos utilizando a Terra en beneficio propio desde hai miles de anos, enfrontándonos a ela; a proba é patente xa nas pinturas primitivas, o home cazando. E seguimos igual: a caza, as guerras... As nosas agresións vanse ir agudizando porque a terra é hoxe máis vulnerable ca nunca, calquera que o propoña pode producir unha catástrofe: perforar os conductos de gas, contaminar as augas con calquera producto químico...
Estamos vendo este tipo de agresións que nós creamos e... que rápido as aceptamos: traídas de auga que se volven non potables, miles de vacas sacrificadas pola mala xestións dos pensos... E que pronto nos alarmamos cando un lobo ataca unhas ovellas ou o xabaril causa desfeitas; cando non somos nós os axentes rexeitámolas con máis forza.
-Cabe algunha esperanza neste panorama tan negro?
Considero que a educación na conservación da natureza é a única esperanza. Educación ten tanto ou máis que dicir que Medio ambiente. É na escola onde hai que empezar a controlar a violencia gratuíta.
Aí está Pablo Oitabén, educando xeracións de cativos no respecto polo Medio ambiente e dedicando todas as horas que ten a vixiar cada palmo de monte de Ridimoas, día tras día, sábados e domingos, coma se fose o mellor dos legados posibles para lles deixar, coma se fose a mellor das clases prácticas para desenvolver. Loitando co lume, coa falta de chuvia, cos cazadores, coas mimosas... lentamente, sen présas, pero sen vacilar. Sen esperar nada a cambio de ninguén agás da propia Natureza, coa que mantén un romance desde que ten uso de razón.