Volume 11 Número 3 Ano 2008
Autor:Marga Seara Pazo
APROXIMACION AOS COMUNAIS DE SEIXALBO
Autor: Marga Seara Pazo
Galego
Recentemente solicitáronme os datos que puidese aportar sobre os montes comunais de Seixalbo.
Fai clic para agrandar...
Comunal do Caraqueixal
A medida que ía ordenando catro referencias inconexas que nos fomos atopando ao longo dos anos pensei que podería ser de máis utilidade darlles un marco de referencia que facilitase a súa interpretación de xeito que poidan ser doadamente comprensibles para quen descoñeza o tema. Dito sexa de paso, tampouco eu teño afondado sobre isto, a pesares de que me interesa todo o referente a Seixalbo e de que formei parte hai anos da primeira Xunta rectora da mancomunidade deste lugar. O texto, polo tanto, está aberto a todo tipo de suxestións e correccións que agradecerei.

Para situar e enmarcar os documentos seguimos unha das obras fundamentais sobre o tema, e a ela nos referiremos nas citas. Trátase do libro de Xesús Balboa: O monte en Galicia, publicado por Xerais en 1990.

Os montes en man común en Seixalbo, igual que noutros lugares, estiveron un tanto esquecidos durante décadas; neste lugar con máis razón dada a irrelevante superficie que ocupan e a mala calidade dos mesmos: o abandono en Galicia nos últimos decenios do agro como xeito de vida restoulle importancia ao uso comunal dos montes. Mais os incendios forestais, os repetidores de telefonía, os xeradores de enerxía eólica, e en Seixalbo os tendidos de alta tensión trouxeron de novo á actualidade este vello concepto e a xurisprudencia que del se deriva. En 1989 o Parlamento de Galicia lexisla este tipo de propiedade. Pero a situación non sempre foi a mesma.

Durante séculos os montes particulares e sobre todo os veciñais tiveron unha enorme importancia para manter unha poboación esencialmente rural:

1.- Do monte proviña o principal fertilizante: o estrume. Para as estercadas das viñas, cultivo que dominou as terras de Seixalbo durante séculos, empregábase sen curtir, é dicir, sen pasar pola corte; o máis prezado era aquel no que predominaba o toxo, e con canto máis pé (vexetación rente ao chan), mellor. Para outro tipo de cultivos de horta o estrume curtíase na corte. Cando había un desfase entre o que se labraba e o gando que podía producir esterco, unha das solucións era estrar camiños e rúas con estrume que se ía curtindo coas augas sucias e da chuvia e co paso de persoas e gando. Lembremos que daquela era habitual que pitas e porcos andasen ceibos polas rúas boa parte do tempo, e que os penicos ou calquera outras augas eran guindadas ás rúas sen moitos miramentos.

Desde finais do XIX e sobre todo desde principios do século XX, as familias de Seixalbo dedican cada vez máis terreos á agricultura intensiva; esta precisa grandes “imputs” de auga e abonos, pero véndese moi ben en Ourense, pois nas cidades os edificios comezan a substituír as leiras nun incesante proceso de urbanización. Así, leitugas, repolos, patacas, froitas, etc dos arredores abastecen o mercado da cidade veciña. Algúns produtos de Seixalbo, coma os afamados pementos, son moi apreciados e a súa produción non se dirixe só á capital, senón que acaba noutros mercados máis afastados. Do “rianxo” ou venda destes produtos, obtéñense os recursos monetarios que a cada paso se fan máis necesarios: lembremos que en 1859 Seixalbo gañou o longo preito que acabou coa exención de pagar os foros, pero novos impostos monetarios veñen a substituílos, independentemente de que fose ou non un bo ano de viño. Tamén o décimo (“diezmo”) fora substituído xa por taxas en moeda. Para pagar impostos municipais e centrais, para mercar sulfatos, xofres e outros produtos que as novas pragas do viñedo esixen e como non, para facer fronte a unha economía máis moderna na que se vai abandonando o troco, fai falla máis moeda, e, polo tanto, máis e mellores explotacións intensivas que permitan a comercialización de excedentes. O esterco, e polo tanto o estrume, era esencial para manter ese delicado equilibrio.

2.- Coas podas das árbores facíase o lume que, á parte de quentar as familias ao redor da lareira, facía cocer o caldo, afumaba a carne dos porcos e cocía o pan. Tamén aquí debemos botar unha ollada retrospectiva, porque mentres nos últimos decenios este produto básico se mercaba, non sempre foi así: antes de mediado o século XX, cada familia cocía o seu propio pan; pero se retrocedemos máis no tempo (mediados do XVIII) , comprobaremos que as mulleres de Seixalbo cocían o pan centeo e trigo para vendelo, sobre todo nos mercados da Limia. Finalmente, a leña era precisa tamén para unha actividade ligada ao viño: a obtención de augardente, outra actividade tamén importante en Seixalbo.

3.- No monte pacían as vacas, ovellas... e ó monte sacábanse os porcos para aproveitar as landras. Evidentemente o monte como espazo de pastoreo foi ben máis importante canto atrás vaiamos no tempo; tamén cobra máis importancia cantos menos recursos tivesen as familias: en épocas pasadas os lameiros de outono dos que se segaban continuamente capas de herba verde eran moi apreciados e non todas as familias contaban con un; a súa propiedade con frecuencia se alugaba ou se explotaba “a medias”. Cando non hai lameiros os camiños e montes públicos convértense na alternativa para que as familias máis humildes saquen adiante o pouco gando co que poden contar.

4.-Finalmente, o monte tamén se podía bouzar ou estibar para sacar algo de gran extra.

En Seixalbo, durante séculos, todas as terras que podían producir estaban explotadas. Mesmo as casas estaban edificadas sobre solo non cultivable para non estragar terreo:

“Está situado (Seixalbo) al Sur de la capital de Orense a tres kilómetros de distancia de la misma, ocupando un fértil y hermoso valle, rodeado por la parte Norte y Sur de montañas que lo separan de Orense y del valle de la Rabeda respectivamente, su extensión superficial cinco kilómetros cuadrados, siendo tan ventajosa y acertada la construcción de dicho pueblo por sus primitivos moradores, que tuvieron el buen gusto de emplazar la población en el centro y en roca bien improductiva de consiguiente para todo cultivo”. (B. Rodríguez: Monografía del pueblo de Seixalbo. Manuscrito inédito. 1923)

“...A la tercera pregunta dijeron que el territorio que ocupa dicho su lugar es la mayor parte llano y rivera de viñas muy poco costanero”. (AHPOR. Catastro de Ensenada. Seixalbo. Interrogatorio).

A expansión demográfica que se produce xa desde o século XVIII contribúe a sobre explotación e máximo aproveitamento das terras: viven basicamente de traballalas a totalidade das familias aquí afincadas, ben como propietarios, ben como xornaleiros: en Seixalbo 96 familias, 10 en Zaín e 13 en Coruxeiras.

Cando por mor do Catastro de Ensenada (1752) os veciños son preguntados polos tipos de terra responden:

“A la cuarta pregunta dijeron que las especies de tierra que se hallan en los terrenos de dicho su coto son viñas, parrales, huertas, heredades, de regadío o secano, prados, montes bajos, que producen tojo que llaman estrume para el abono de las viñas, y demas propiedades y tambien alguna leña gruesa de roble y otros arboles, que en ellos hay sotos de castaños, alguna porción de tierra poblada de ludueiros que son unos arboles silvestres que producen arcos para cubas, olivares, aunque pocos, y nogales también corta cantidad, que no hay bosques ni matorrales. En canto ao barbeito din que a maiores das terras de regadío: “todas las demás son de secano, y producen anualmente, a excepción de los montes que se cortan con dos de descanso...” (AHPOR, Catastro de Ensenada. Seixlbo. Interrogatorio).


Con esta presa de datos que vimos de expor queda claro a importancia que tivo o monte para a vida dos nosos antepasados e a necesidade de que existira un equilibrio entre terras cultivadas e terras a monte en épocas nas que non era posible facer aportes de abonos minerais; o estrume e o esterco vai seguir a ser importante tamén máis tarde cando, xa comercializados os abonos minerais, constitúan estes un produto pouco accesible pola súa carestía.

Volvamos, pois, a centrar a cuestión nos comunais e a súa orixe. Cabe preguntarnos primeiramente desde cando existiron en Seixalbo montes comunais e que características nos levan a definilos como tales. En primeiro lugar, e seguindo a Balboa (Op.cit. p. 64 e ss.), “cómpre diferenciar os montes en man común de varas, nos que pro indiviso se adxudican varios “porcioneiros” de dentro ou fóra da freguesía, dos montes veciñais. Nestes últimos, “non sempre coinciden os propietarios coa parroquia; poden ser os habitantes dun lugar ou dun grupo de lugares”.

Balboa establece as seguintes características esenciais dos montes veciñais:

1.- “A vencindade é a que confire a cotitularidade do monte”. [...]
2.- “A cotitularidade é exercida por tódolos partícipes de modo indiferenciado, resultando que o acceso ó disfrute é xuridicamente igualitario para tódolos compoñentes do grupo social”. [...]
3.- “Esta comunidade _á que se refire a veciñanza_ pode ser de diversa índole, pero en todo caso ten un carácter privado e non administrativo. Son de propiedade plural, pero non pública”.

En Seixalbo so montes en man común son veciñais dado que non houbo explotación en lotes adxudicables.

En canto á orixe destes montes existe a teoría de emanan da propiedade foral, nacendo dunha doazón real en nome do Estado; así, o elemento esencial non sería a veciñanza, senón a propiedade das terras de labor, cun nexo de proporcionalidade. Pero en realidade, o foro non prolifera como sistema de explotación de terras ata o século XIII, cambiando a explotación directa mediante servidume pola de arrendamento. É probable entón, que os montes veciñais fosen anteriores ao sistema foral, adaptándose ao novo sistema de explotación. É aquí onde moitos estudosos adxudican a estes montes unha orixe sueva, posto que sabemos que os suevos concibían a explotación de terras dun xeito comunitario. Non falta tamén quen asegure que a orixe é romana. Sería longo expoñer os argumentos que apoian estas tres posicións: foral, sueva e romana.

Quizais poidamos aquí argumentar que en realidade a auténtica orixe histórica do monte veciñal é precisamente a súa posesión inmemorial e polo tanto indocumentada.

Tampouco podemos asimilar ou identificar este tipo de montes como propiedade dun concello, ao menos a concellos tal e como se estruturarán nas postrimerías do Antigo Réxime: “as comunidades titulares de montes de veciños teñen un carácter inframunicipal e non son en modo algún unha entidade administrativa”. “Nos montes veciñais o dereito de propiedade ten a súa orixe na pertenza a un grupo no seo do cal non hai dereitos diferenciados, de onde resulta a inalienabilidade dos bens sobre os que se exerce a cotitularidade; a propiedade é privada, aínda que plural e indivisa. Por suposto, no caso de Seixalbo, non cabe a menor dúbida a este respecto, posto que o lugar foi señorío do bispo de Ourense e incorporouse de xeito serodio ao Concello de Ourense.

Os datos que nos ofrece o Catastro de Ensenada sobre os comunais de Seixalbo non son moi claros ou non coinciden en canto a superficie a épocas posteriores. Había, seguindo este documento tres comunais:

-Carqueixal: Aínda que non temos datos exactos desta época, segundo un documento de 1861 este comunal tería 11 hectáreas, 94 áreas e 82 centiáreas (Índice de acuerdos del Ayto. Const. de Orense, fols. 52, 55 e 56). Contrastando co Catastro actual a superficie parécenos acertada. Era de mala calidade, aberto e dedicado a pasto do gando. Hoxe en día é de novo monte en man común despois de longas xestións por parte da Asociación de Veciños.

-Camiño da Fontaíña: Cremos que se debía estar na zona da Campa ou dos Campos pois atopamos unha referencia en 1722: “por la de avajo con el camino que vaga del Campo das Fontayñas por los Varreiros...” (A.D. de Ourense: 30.20.7.) duns dez ferrados, (6200 m²) de moi mala calidade.

-Serra do Cumial: Respecto a este, aínda que de doada localización, temos unhas extensións que varían moito duns documentos a outros e oscilan entre as oitenta fanegas, das que se nos di que son de mala calidade pero mellor cós anteriores, ás 216 fanegas (que serían unhas 68 hectáreas, 7 áreas e 40 centiáreas)

Pero, veremos que non é doado falar dos montes veciñais de Seixalbo: A primeira dificultade estriba, e non só neste lugar, en non confundir entre os “montes mercados polo Estado entre os sacados a subhasta na desamortización e disfrutados por comunidades desde entón dos que viñan sendo explotados polas comunidades desde tempos inmemoriais”.

Coa posta en funcionamento do novo deseño municipal os montes veciñais vanse ver prexudicados, pois dentro desas novas estruturas non encaixaban formas de propiedade tan “arcaicas”; a falla de recoñecemento legal, vai traer aparellada a marxinación tanto dos montes veciñais coma dos de varas. “Non se recoñecen como de propiedade privada e isto suscitará unha loita continua contra a intervención administrativa e a progresiva “publificación” do seu réxime. [...] Esta loita produciuse en condicións de marcada indefensión xurídica e administrativa. Instrumento desta intervención, que chegaría a ser unha verdadeira usurpación trala Guerra Civil, foron os concellos e a consideración de verdadeiros titulares que deles facía a lexislación forestal”. (Balboa. Op.cit. p.89)

Hai un longo e farragoso camiño legal desde as primeiras ordenanzas de 1833 ata a lei de Madoz de 1855 co resultado da desaparición dos montes en man común. Velaquí temos un breve resumo:

Pouco despois do reinado de Isabel II son promulgadas as chamadas “Ordenanzas Generales de Montes”. Abríase a posibilidade de desamortización para os montes realengos que non tivesen poboamento arbóreo e que non fosen susceptibles de repoboación: sinalou o comezo do intervencionismo administrativo nos denominados montes públicos. Desde este momento ata a Lei xeral de desamortización de 1855 a autonomía veciñal na xestión de montes vaise ver afogada por medio de diversas disposicións legais: recoñece a existencia de montes comúns que non son adscribibles a unha entidade administrativa pero que deben someterse ás mesmas normas de fomento forestal que os de titularidade municipal.

Pero a R.O. de 22 de maio de 1848 dá un xiro drástico: “la legislación vigente no reconoce la diferencia que se pretende establecer entre el monte del común de los pueblos y los del común de los vecinos [...] asimilándolos con notoria equivocación a los de dominio particular”. Son considerados, en consecuencia, públicos, e os Concellos, que en Galicia se mostraron moitas veces proclives a respectar o réxime veciñal, deben someterse ás leis e regulamentos e ós representantes da administración central na provincia. Tamén os patrimonios veciñais serán incluídos no epígrafe “comunes y propios de los pueblos” na Lei de desamortización xeral de 1855.

Os veciños terán entón que decatarse de que os montes que crían seus e que lles permitían sobrevivir, eran en realidade bens “de mans mortas”. Remataron así longos anos de ires e vires da lexislación entre os partidarios da conservación dos montes públicos e as forzas desamortizadoras.

A lei de 1855 ou Lei de Madoz declaraba en estado de venda “todos los predios rústicos y urbanos, censos y foros” pertencentes entre outros ó Estado e a “propios y comunes de los pueblos”. Exceptuaba de venda os montes e bosques “cuya venta no crea oportuna el Gobierno” e “los terrenos que son hoy de aprovechamiento común previa declaración de serlo, hecha por el gobierno, oyendo al Ayuntamiento y Diputación provincial respectivos.” É dicir, toda exceptuación queda a consideración do Estado, independentemente da vontade dos seus propietarios. Todos os montes “públicos” estaban comprendidos nesa lei xeral de desamortización de 1855.

Vaise elaborar un informe para determinar que montes deben ser vendidos e os que van ser exceptuados de venda. O ditame baseouse en criterios de tipo ecolóxico, pensando en preservar os de alto valor forestal. As vendas quedaron suspendidas durante dous anos nos que estivo no poder o partido moderado. A aplicación da lei retómase en 1859 pero faise un inventario de todos os montes “públicos”, o primerio na historia de España e que vai servir para discernir cales poderían ser vendidos e cales non. A especie dominante en cada monte sería o criterio empregado. Por regra xeral, os poboados de toxeiras e xesteiras serían “enajenables”.

Este estudo de 1859 faise máis fiable no que se refire a Montes do Estado. Son montes do Estado as antigas devesas reais que tiveran como función esencial fornecer de madeira a construción naval; foran declarados montes nacionais pola R.O. de 24 de febreiro de 1838. A elas sumáronse montes de diversa procedencia, nomeadamente restos de fincas monásticas e de igrexarios convertidos en bens nacionais na etapa de Mendizábal, e tamén fincas provenientes de expropiacións a particulares.

Sabemos que en 1839 en Seixalbo, (segundo figura no Libro de Acuerdos do Concello de Ourense fol.101) existe un monte que ten a denominación de Bosque Nacional, pois un veciño, Andrés de Nóboa, que solicita o cargo de celador ou garda deste bosque, pero non sabemos situalo; pode que se trate do mesmo predio que se vende en 1860. Neste ano foi vendido en pública subhasta “o Bosque”, terreo que lindaba polo leste e oeste co “Campo Común” e polo norte co camiño de Maceda. A súa extensión era de 13.900 m2 e foi adquirido por Secundino González, veciño de Seixalbo (Doc. Part. J. Fdez. Glez. Escritura de 1860: Venta judicial del Bosque).


O decreto de 22 de xaneiro de 1862 deixa sen validez o decreto de 1859: os partidarios das vendas fixeron que a lexislación desamortizadora avanzase. Establecía este decreto dúas novas condicións esenciais para que un monte puidese ser exceptuado de venda: que figurase entre os exceptuados en 1859 en función da masa arbórea e que tivese unha superficie mínima de 100 hectáreas. Supón en Galicia un notorio incremento da superficie declarada vendible. Faise un novo catálogo, do que non conservamos o de Ourense e a Coruña, pero polos outros dous conservados, sabemos que o criterio da superficie non foi moi respectado, aínda que si o da especie; dedúcese que os enxeñeiros fixeron o posible por salvar de venda a meirande parte de superficie posible porque o Estado contraía a obriga de mercar todos os montes públicos exceptuados.

Na lei de presupostos de 1868 autorizouse ó Goberno para proceder á venda dos montes do Estado exceptuados da desamortización, preservando só os de recoñecida importancia: desapareceron todos os montes do Estado das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra; en Ourense quedaron 106 hectáreas seguramente por non ter atopado comprador. (Balboa. Op. cit. p.120)

Coa restauración dos borbóns en 1874 abrirase unha nova etapa que trata de subsanar despropósitos das leis anteriores marcada polas confrontacións entre os montes dos pobos e administración forestal.

No ano de 1861 comezan os primeiros pasos dos que nos quedase refencia escrita por parte dos veciños de Seixalbo para exceptuar de venda os comunais do Carqueixal e do Cumial (AHPOU. Libro nº 1309. Orense 144/4584). Pero vexamos que son os expedientes de exceptuación ou excepción:

A lei de 1855 determinaba que era o goberno o que declaraba a oportunidade ou non da venda “previa declaración de serlo” e que a este respecto estimaba que se debía contar cos informes de concellos e deputacións: “con todos los antecedentes que puedan aclarar su verdadera naturaleza, circunstancias del predio, época u origen de su posesión y en virtud de que título. Este expediente contendrá el informe del Ayuntamiento manifestando si se ha aprovachado de veinte años acá por el común de los vecinos”. Pero son os Concellos os que teñen que instruír e cursar os expedientes pois é agora esta a mínima entidade xurídica recoñecida. Os retrasos foron constantes, ampliándose constantemente os prazos. A meirande parte dos concellos mobilizáronse só despois de 1862 e a lei das 100 ha. na que quedaba xa cerrada a súa catalogación, podendo só alegar o seu aproveitamento común.
O proceso seguido será o seguinte: os pedáneos remitían ós concellos as relacións de montes existentes en cada parroquia, xunto co testemuño dos veciños sobre a necesidade dos montes e o común aproveitamento neles exercido; posteriormente adxuntábase o informe do concello e a certificación de que nas contas municipais non figuraba cantidade ningunha percibida en concepto de arbitrio dende 1835, condición esta que os abocaría a ser vendibles.(Balboa. Op. cit.127)

Todos os veciños argumentan sen excepción que os montes son un integrante necesario do sistema agrario, imprescindible para a supervivencia da “clase labradora”. Tamén se argumenta con frecuencia a titularidade dos mesmos, fronte á errada apreciación da administración, que consideraba os montes galegos como comunais típicos. Deféndese así o carácter privado da propiedade veciñal, que non pode ser demostrada documentalmente, salientando a diferenza con outros montes comunais administrados polos concellos.

Neste contexto, como quedou dito, os veciños de Seixalbo, no ano de 1861, opóñense á decisión do Concello de vender os comunais. As alegacións que se fan son as mesmas que noutros lugares: que desde sempre estas terras foran da colectividade e que eran explotadas por eles de forma proporcional para extraer delas estrume. (Ignoramos que tipo de canon ou proporcionalidade se seguía). O gobernador apoiou a postura dos seixalbeses en contra do Concello, que alegaba que os veciños non tiñan documentación que os confirmase como propietarios. Os veciños deteñen o proceso deica o ano 1895.

En toda Galicia os trámites administrativos esténdese ó longo duns dez anos de media. Os expedientes e as declaracións como vendibles ou exceptuables retrasábanse ou perdíanse en instancias superiores quedando sen resolución, e no caso de que esta se producise, poucas veces é publicada nos boletíns da Provincia.

A lei de 8 de maio de 1888 confirma o dereito dos pobos a solicitar as exceptuacións que estimaran pertinentes, establecendo prazos par o efecto.
Pero a novidade desta lei radica no artigo 9, establecendo que se concederán as exceptuacións sempre e cando os Concellos respectivos satisfagan ó Estado a cantidade que a este correspondería en caso de que a finca fose desamortizada conforme a lei de 1855. Trátase de garantir que Facenda perciba o 20% de todos os montes, tanto vendidos como exceptuados, de xeito que os pobos terían que pagar parte do valor dos montes pola súa exceptuación, polo prexuízo que esta causaba a Facenda. Así, moitos concellos renuncian á exceptuación perseguida ou conseguida por non poder convencer ós veciños deste pago.

Á hora de pór en venda estes montes, o Estado atopou moitos atrancos debido a diversidade deles: algúns de varas, outros veciñais, o pagamento de foros ou non, o descoñecemento que deles tiña e a resistencia dos veciños: moitos dos montes vendibles nunca chegaron a subhasta. Son poucas as ordes de venda que chegan desde Madrid. A modo de excepción, dicir que se envía desde Madrid unha relación a Ourense en 1889 que afecta á práctica totalidade da provincia e a 247 montes, algúns de grande extensión. As comisións provinciais de vendas deben ademais proceder ó seu deslinde, negándose ás veces os veciños a declarar os lindes.

Unha vez que chega a subhasta, en moitas ocasións queda esta deserta. Os mesmos grupos que mercaran rendas na desamortización de Mendiábal non poxan agora polos comunais conscientes da importancia destes para a supervivencia das fincas que producen as rendas.

As compras colectivas como último recurso son frecuentes, tratando os veciños de impedir un novo tipo de explotación particular. En Seixalbo, no ano de 1895 véndese o comunal máis importante, o da Serra do Cumial, que extremaba co Bosque; pensamos que se tratou dunha poxa perfectamente pactada e colectiva pois repártense os 601.225 m2 en doce "cupos" ou cotas que serán á súa vez divididos en oito, polo que lemos nas partillas posteriores. Algúns destes lotes foron moi pronto revendidos. Deste xeito a explotación comunal queda eliminada pasando o monte a unha presa de familias. Está por determinar en que medida esta venda afectaría ás economías máis precarias, a de aqueles que a penas teñen terras para sobrevivir; o feito de ser mercado en lotes garantiu un reparto entre veciños que non tiñan a capacidade adquisitiva suficiente para facerse con parcelas de maior extensión.Posteriormente ao deslinde de parcelas trázanse os camiños que dan acceso a todas elas e procédese a cerralo.

Queda de momento exceptuado de venda o Carqueixal ao ser clasificado de mala calidade e ter unha escasa extensión.
Este monte foi por tanto de patrimonio municipal, e dado a natureza do solo, supoñemos, non foi obxecto de ningunha repoboación na época franquista. De todos os xeitos, o abandono progresivo do agro en Seixalbo, sobre todo a partires dos anos sesenta, fixo que medraran nel sobre todo piñeiros.
Desde antes da guerra civil existía un campo de fútbol nestes terreos do Carqueixal; primeiramente con peonadas de veciños e despois con investimento municipal o campo e as instalacións foron mellorando. Foi tamén o Concello de Ourense o que facilitou os terreos no Carqueixal para que Educación edificase o “Grupo escolar da zona”, de 16 unidades, a carón do Campo de fútbol. Daquela, o comunal mudou o seu aspecto.
Paralelamente ás primeiras leis de montes veciñais o monte comeza a arder a ritmos asombrosos, e Seixalbo non foi unha excepción.

No ano de 1989 apróbase no Parlamento de Galiza a lei reguladora dos montes veciñais. En Seixalbo teriamos que esperar aínda uns anos máis para que a Asociacións de Veciños de San Breixo, nese momento presidida por M. Herminio Iglesias, dese os primeiros pasos para conseguir que o Carqueixal e uns cantos miles de metros do Chao da Moa pasasen de mans municipais a mans veciñais.

Actualmente ambos montes están cruzados de tendidos de alta tensión. Os dereitos a pasar as liñas e establecer as pertinentes columnas reportaron a cambio algúns beneficios para a mancomunidade. O campo de fútbol segue a ser explotado polo Concello, facéndose a cambio cargo dos gastos de mantemento.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net