En maio de 1891 ve a luz a encíclica “Rerum Novarum” de León XIII: o Papa, fai gala da preocupación da Igrexa de Roma ante os estragos causados pola Revolución industrial entre os obreiros. A Igrexa é consciente de que as masas se están a organizar para pór freo a esta situación, pero deixan de lado a vida espiritual, moi lonxe esta dos obxectivos dos seus dirixentes, contrarios ao “espírito cristián e ao ben dos pobos”; desde o seu punto de vista, é evidente que os obreiros católicos non teñen máis saídas que participar deses movementos que se ocupan só do sustento material das clases traballadoras ou ben quedar desprotexidos ou sen traballo. De aí que inste á creación de asociacións obreiras que terán, como fin principal “a perfección relixiosa e moral á que debe encamiñarse toda disciplina social”, porque “de nada serviría ao obreiro a gran abundancia de bens materiais se pon a súa alma en perigo por non proporcionarlle alimento”. Recomenda tamén harmonizar os dereitos e deberes dos patróns cos dos obreiros. Con estas e outras recomendacións “as sociedades católicas exercerán unha grande influenza no progreso da sociedade civil”, ou esa era a intención por parte da Igrexa Vaticana.
O Bispo Carrascosa faise eco das palabras infalibles do Papa e de paso intenta frear a expansión da loita social no agro dirixida por republicanos e socialistas que nalgúns lugares de Ourense está a tomar un cariz subversivo. En 1903 o edificio da actual Delegación de Defensa na rúa do Paseo constituíuse en Sede do Círculo Católico Obreiro. Máis tarde, o seu sucesor o Bispo Illundain dará novos pulos ao sindicalismo obreiro católico.
En Seixalbo o “sindicalismo católico” nace ao mesmo tempo que en toda España, é dicir, de xeito serodio se o comparamos co resto de Europa, seguindo as directrices episcopais, pero sen moitos seguidores. A papelame previa á constitución formal do “Sindicato Agrícola de contrataciones y crédito de San Verísimo de Sejalvo” lévase a cabo ao longo de varios meses do ano 1908; de decembro deste ano data a Acta Constitucional, na que se formaliza a Xunta Directiva e na que figuran á marxe unha corentena de futuros socios.
Vexamos como estaba composta a primeira directiva: foi elixido como Presidente Don Germán Rivera Vázquez e como Vicepresidente Don Bernardino Nóvoa Pazo; para o cargo de Secretario foi nomeado Don José Iglesias Freire e para o de Vicesecretario Don Alejandro Fontaíña Seara. O cargo de Consiliario, que como en todas estas Asociacións vai velar polo fin primordial (é dicir, o relixioso, polo que lle é intrínseco o “ben aconsellar” tal e como queda patente no nome), seguindo as directrices, vai ser ostentado por un crego, neste caso o cura párroco do lugar, Don Manuel Canal. Non é o único que consagra a súa vida á relixión, pois temos tamén nun posto clave, o de caixeiro, a Don Xosé Gutiérrez Guede, crego e residente na Rúa Maior do lugar. O cargo de vicecaixeiro recaerá neste primeiro momento no seu parente Don Manuel Iglesias Guede, casado coa sobriña deste cura. Desempeñan os cargos de vogais Don Fernando Gutiérrez Guede, de obvio parentesco con Don Xosé; Don Vicente Freire Vide, irmán e pai de sacerdotes (Don Constantino e Don Fernando, para ser exactos); Don Antonio Freire González e Don Antonio Rodríguez Outeiriño. Como vogais suplentes, Manuel María Vázquez Nóvoa e Severo Nóvoa Pazo.
Seis días máis tarde, reúnense de novo para nomear presidente de honor a Don Luís Espada. Desde entón e ata maio de 1933 vanse sucedendo distintas directivas que xestionan os depósitos dos socios, así como os ingresos por uso de bens comúns: arado, alquitara, etcétera. Hai que resaltar que no libro de socios hai actualizacións ata o ano 1939, se ben non figuran actas ata tan tarde.
En canto ao número de asociados, a acta inicial recolle a presenza de 42 socios, incluíndo os cargos, e a derradeira alta rexistrada no libro de rexistro de socios, con data de 20 de xullo de 1939, leva o número de orde 42. Como vemos, non foi un número moi significativo para a poboación de Seixalbo.
Os efectivos que movía o sindicato foron, como media, moi baixos, en torno a 2.500 pesetas. Cada ano as partidas máis salientables ían dedicadas á merca de sulfatos e xofre, ademais de centeo, petróleo, etcétera. Así por exemplo, en 1924 mercan 575 quilogramos de xofre e 575 de sulfato (100 arrobas en total, que cos gastos de transporte supuxeron un gasto de 808,75 pesetas). Os socios sacaban a débito o que precisaban e efectuaban logo os pagos, cos intereses correspondentes, unha vez vendida a colleita de viño: esta era unha das medidas máis importantes, permitir que os asociados fuxisen dos intereses desorbitados. Xestionaban tamén a destilación de augardente para os socios.
Se miramos o libro que rexistra os depósitos feitos polos socios veremos que son cantidades ridículas, e que por certo, deberon esquecer anotar a súa liquidación cando as cousas comezaron a ir mal, porque non creo que os asociados esqueceran a súa reclamación por insignificantes que foran.
Como no resto de España, o Sindicato Católico de Seixalbo estaba federado. Como resulta obvio, a pertenza á Federación permitía unha maior solvencia e mellores prezos ao aumentar o volume de compras; pero tampouco debeu ser unha panacea, pois á hora de reducir gastos as dúas medidas que se toman son suprimir a subvención dunha “boa lectura” que facía de contrapeso á vaga de prensa e panfletos subversivos (La Región, por suposto) e, en segundo termo, deciden a baixa da Federación.
Se facemos un estudo dos asociados, botariamos en falla moreas de familias que durante esta etapa da nosa historia traballaban as terras de Seixalbo. Aínda que non queda documentación do Sindicato Agrario, de corte republicano que funcionaba polas mesmas datas en Seixalbo, entendemos que a meirande parte da poboación do lugar estaba ligada a el, e así nolo confirman os veciños máis vellos. Sería bo poder comparar as cantidades de xofre e sulfato mercadas por este sindicato para poder facer unha comparativa das posesións en viñedo dos asociados. Noutros lugares foron os anarquistas os que queimaron a documentación dos sindicatos agrarios católicos; en Seixalbo, cremos que a documentación da “Agraria” foi destruída polos propios socios ante o cariz que tomaba a situación co Levantamento militar. Pero xa van moitas suposicións.