Volume 9 Número 1 Ano 2008
Autor:José Manuel Álvarez
A Festa dos Foros
Autor: José Manuel Álvarez
Galego
Din as enciclopedias de Dereito e Historia que “FORO” é un contrato, usado en especial en Galicia, Asturias e León, polo que o dono dunha cousa inmoble (aforante), reservándose o dominio directo, cede ó foreiro os dereitos que sobre a mesma lle corresponden, comprometéndose este ó pago dunha pensión anual, e a conservar a cousa, mellorala e devolvela no seu caso.

Tamén se lle chama así á carga ou pensión que o foreiro paga ó aforante en virtude do contrato de foro.

En España, nos anos 1835-1837, promúlganse unha serie de disposicións que teñen que ver coa desamortización e que son coñecidas como Leis “Mendizabal”, (aínda que xa se comezara moito antes, ben é certo que dunha forma moi tímida) que poñen a base para a eliminación dos sistemas forais, aínda que terían que pasar moitos anos para irse consolidando e surtindo efecto directo no pobo.

No caso de Seixalbo, o aforante era, como é sabido, o Bispo de Ourense, que tiña nesta vila grandes posesións en viñas e terras de laboura, e mesmo a propia Igrexa, que entre outras menudencias levaba cincocentos moios do bo viño que se colleitaba e se producía dunha forma totalmante artesanal no pobo, e que os foreiros lle entregaban despois de recoller a colleita.

Desta pesada carga, veu a liberarnos con moito esforzo, e non exento de penurias e incomprensiós, aínda que apoiado ó principio por un bo número de veciños, o tal Fernando Freire Carril, que nun xuízo, que durou a lo menos vinte anos, gañoulle o pleito ó bispado e redimiu ó pobo de pagar estas cargas ou pensións en virtude dos contratos de foro ós que antes nos referiamos.

O recordatorio deste feito, que permaneceu esquecido e mesmo ignorado por moitos veciños, que por falta de información nen sequera o coñecían, e gracias a algunhas persoas con inquedanzas de cultura e boa predisposición para interpretar e expoñer os feitos históricos do pobo, diu pé á celebración, dende ai dous anos, dunha festa única e singular, que eu saiba, en toda Galizia, a chamada Festa dos Foros.

Debo confesar que o primeiro ano que asistín á representación do xuízo dos foros na praza do Cabildo, aínda que como tal representación foi unha cousa moi sinxela feita polos propios veciños, emocioneime enormemente, pola participación dos mesmos como actores e actrices, polo interese que despertou entre a xuventude así como polo alto grao de participación e implicación da mesma na propia festa, e en definitiva, pola ledicia contaxiosa que se apoderou de todos os que alí estabamos disfrutando do acto.

Ó mesmo tempo que empezaba a saber, como foi o xuízo dos foros, permitíame afondar na historia do meu pobo, dunha forma amena e sinxela, e da maneira máis fermosa que se pode coñecer; explicada polos meus propios veciños. Certamente emocionante.

Felicitei ós promotores da festa, ós “actores, actrices e músicos” que participaron nela, e pensei para min, e así llo espuxen a eles que “oxalá que esta festa teña continuidade en anos vindeiros”, unha festa que une a nosa historia medieval co presente, as raíces coa actualidade, os veciños de maior idade coa xuventude e cos nenos, pois de todos se nutre para a súa escenificación e a todos acolle como participantes.

Cúmprense así dúas motivacións fundamentais: cultura e diversión sa ó mesmo tempo que se lle rinde unha pequena homenaxe á persoa á que baixo a súa batuta, se alcanzou tan importante meta.

Esta idea de festa total para tódolos veciños, quedou reafirmada na celebración deste último ano, cousa que me enche de ledicia e ó mesmo tempo de envexa, por non estar máis implicado nela persoalmente, ó aumentar a participación, a asistencia, a calidade e incluso se cabe, a implicación da xuventude na mesma, con todo o elenco teatral de “bispos xuíces, alguacís, xoglares e pobo labrego”, que coa súa escenificación, fan máis comprensibles os feitos que se están a celebrar.

Tamén ó incluir unha taberna ambientada (máis ou menos de época), onde se despachaban produtos de horta típicos de Seixalbo, cociñados á propia vista da clientela e que lle daba un certo parecido ós mercados medievais, contribuíndo tamén ó resultado a vestimenta dos propios taberneiros.

Creo que os obxectivos e as espectativas, empezan a cumprirse, estamos no bo camiño, a festa empeza a ser coñecida, e en diferentes sitios, xa se comenta “....esa festa que fan en Seixalbo, e que lle chaman festa dos foros....”

Debemos axudar, implicarnos e participar nesta idea de, por un lado, rememorar, o feito da redención dos foros, que por si só e un feito singular e de moita trascendencia para os veciños, e por outro lado promover a celebración deste tipo de festas onde a participación veciñal, sen límites de idade nen condición, se suma sen outra pretensión que pasalo ben e divertirse sa e culturalmente.

Certamente esta festa é especial, ó aunar diversión, historia e a difusión dos abatares que sufriu o pobo para que as xeracións novas saiban do noso pasado. Non debemos ter medo á difusión ou engrandecemento que a mesma poda xerar do noso lugar.

Seixalbo é coñecido por moitas cousas boas, pois agora será coñecido por unha máis; a Festa dos Foros, que se seguirá celebrando cara ó final do verán, ano tras ano, e que indudablemente será cada ano máis concurrida por veciños e foráneos, pero ¿quen pode frear o vento?.

Existen outras iniciativas noutros pobos, e noutras provincias, que eu persoalmente coñezo, pero con outros medios e outros patrocinios que non teñen nada que ver co que nós celebramos aquí.

O que se está a facer en Seixalbo é singular e referido a un caso concreto dos foros en Galicia, aínda que as axudas con que se conta son moi cativas, o resultado é moi digno, e seguro que entre todos imos melloralo ano tras ano.

Coñezo a inquedanza dos organizadores xa para a próxima edición, e sei que a participación vai a ser masiva, en número de participantes e de asistentes; é de agradecer o traballo e o empeño que pon o equipo de persoas que están a fronte do evento, polo que todos temos que arrimar o ombreiro e comprometernos tanto na organización como na participación.

Sería moi importante, en primeiro lugar: engalanar os balcóns e as fachadas con estandartes e bandeiras ó modo medieval, do que nos poden dar ideas as propias personas da organización, para que ó tempo que se lle dá máis realce á festa tamén axude a dar esa imaxe de Seixalbo que todos queremos.

Eu vou participar, ¿e ti...?


Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net