Volume 10 Número 2 Ano 2010
Autor:José Manuel Álvarez
O si ou non das bolsas de plástico
Autor: José Manuel Álvarez
Galego
Dende sempre houbo a dicotomía de "avanzar a custa de... " ou "conservar renunciando a..." Tendo en conta as novas técnicas de produción e os novos materiais con que se elaboran os produtos de uso e consumo diarios, que son moito máis respectuosos co medio ambiente e natural, permítenos ter bens de consumo diario sen danar o medio,
e gozar da comodidade do seu uso.

Como exemplo, e por ser un produto que coñezo, as bolsas de plástico para o uso diario, tan defenestradas por algunha grande área comercial, que por o seu propio beneficio, tratou de eliminar, aforrándose coa medida, de pagar moitos millóns de euros, en taxas de xestión de residuos e punto verde (esa era a razón e non outra), trasladándolle esta carga ós sufridos consumidores, co pretexto de conservar o medio ambiente.

Debo de recoñecer que fai uns anos, cando o consumo en xeral era desmesurado en todos as ordes, tamén as bolsas de plástico sufriron o mesmo trato, e máis que usar abusábase delas, pois só había que ver as papeleiras á saída dos supermercados, para
comprobar que centos desas bolsas, que uns minutos antes nos deran no propio supermercado e que no momento de saír, xa tirabamos na primeira papeleira que atopabamos.

É verdade que a materia prima coa que se elaboran estas bolsas, provén do petróleo, produto moi contaminante e de produción finita, pois non hai petróleo para sempre, pero tamén é verdade que grazas ás novas técnicas de produción e cos diversos aditivos que se mesturan coa materia prima, estas bolsas elabóranse cada día máis doadamente degradables e con moito menos contaminación para o medio ambiente.

Tamén hai que subliñar, que os propios usuarios, estamos máis concienciados co tema do medio ambiente e reutilizámolas máis.

Outro punto é que o propio "xestor de residuos", (léase administración central, autonómica, ou local), tivera un sistema que favorecera e facilitase o uso sen abuso das mesmas, como se fai noutros países co plástico e co vidro, con resultados francamente envexables.

Tamén inflúe moito o servizo de recollida de lixo, que ate fai uns anos, non era tan eficiente como é hoxe en día, véndose en calquera punto dos camiños ou dos montes, moreas de bolsas que o vento encargábase de esparexer, polas árbores e pola natureza creando cadros verdadeiramente esperpénticos ó ver árbores adornadas con bolsas a xeito de piñeiro de Nadal.

As bolsas de papel, que tanto se ven nas películas, especialmente americanas, hai que dicir que se fan a partires da pasta da madeira, polo que fai falla cortar grandes cantidades de árbores o que fai decrecer os bosques a pasos axigantados, e polo tanto, actuamos dunha forma negativa sobre a conservación do medio ambiente e natural. Árbores que tanto ben fan para eliminar o ozono e contribuír á estabilidade do medio natural, produtores naturais de osíxeno, imprescindible para a vida en xeral (non hai tantos anos que os arredores de Seixalbo, eran verdadeiros bosques de piñeiros, carballos, castiñeiros, bidueiros, etc.), e hoxe para calquera lado que mires, só se ven os montes pelados cos penedos á vista.

Eu creo que, como todo, o uso sen abuso das bolsas de plástico, depende en boa medida de nós, os propios usuarios, e non son nin mellores nin peores que outras, simplemente un pouco de conciencia medio ambiental e usalas con raciocinio, reutilizándoas as veces que poidamos, e ó final dá súa vida útil, tiralas nun colector apropiado, para a súa reciclaxe.

Con esta sinxela medida, por unha banda, faremos un consumo máis razoable das mesmas, e ó mesmo tempo, as que usemos terán o final que lle corresponde e non irán parar á natureza, pois debido ó seu longo período de degradación, supoñen un problema de contaminación importante.

Tamén, e non é un detalle menor, axudamos a manter unha importante industria de produción e elaboración das mesmas, que nin é máis contaminante que outras, nin usa produtos que infecten augas ou terras, mantendo un importante número de postos de traballo directos e outros moitos indirectos, como transporte, comercio de repostos, etc; en definitiva o tecido industrial que hoxe tanto se necesita.

En resumo, avogamos por un uso racional e sen abuso, das bolsas de plástico, en beneficio da non tala de árbores para fabricar as de papel.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net