Volume 2 Número 1 Ano 2005
Autor:Jesús Bande Cid
AERONÁUTICA, UNHA INDUSTRIA EMERXENTE
Autor: Jesús Bande Cid
Galego
AERONÁUTICA, UNHA INDUSTRIA EMERXENTE

Hoxe, cando estamos a celebrar o centenario da aeronáutica, facemos unha reflexión da evolución deste novo sector e de como afecta a Galicia en xeral e a Ourense en particular.

A evolución é vertixinosa. Só cen anos separan os primeiros planeadores con ás enleadas e motores de pistón dos modernos reactores e avións comerciais de até seiscentos pasaxeiros.

Galicia, dende o punto de vista industrial, nunca foi de tradición aeronáutica, pero non ocorre o mesmo se analizamos esa tradición a nivel individual, pois son moitas as persoas que dun xeito ou doutro están vinculadas a este mundo dende hai moitos anos, e temos exemplos dende un dos aviadores pioneiros, como Piñeiro, que hoxe se lembra en Sanxenxo nun monumento, até o exemplo de moitos galegos que tendo esa vocación fixeron estudos aeronáuticos fóra da súa terra para posteriormente aplicar estes coñecementos nalgunha das fábricas espallados polo mundo.

Pero, se non atemos a Galicia, até hai pouco máis duns anos, as únicas diferencias industriais que podiamos atopar eran iniciativas individuais de constructores amateurs que no baixo da súa casa e empregando kits prefabricados procedentes dos Estados Unidos, eran capaces de arranxar un verdadeiro avión; ou tamén algún exemplo de pequenas industrias de fabricación de biplazas cunha tirada tan limitada que máis ca un proceso industrial sería máis propio falar de artesanía, como son os de Construcciones aeronáuticas de Galica en Ribadeo ou do avión fabricado en Portonovo chamdo Colyaer .

Pero desde hai un par de anos son moitas as novas que nos chegan a través dos xornais falando dun intento de introducirse na tecnoloxía punteira a través da aeronaútica. ¿Que está a pasar? ¿Por que a aeronaútica nunha rexión sen ningunha tradición neste sector? ¿Por que agora e non antes? Estas e outras son as preguntas que nos facemos e ás que tentarei respostar.

A principios do ano 2000 o mercado aeronáutico en España representaba un porvir brillante. Novos proxectos estaban en portas na súa fase de desenvolvemento como a fabricación do avión de combate Europeo EFA, o superavión AIRBUS-380, o futuro avión de transporte militar A-400M, etc. As horas de traballo e ingresos que isto supón non son nada desprezables e a oportunidade de participar nun sector tecnoloxicamente avanzado é tentadora.

Así estaba o panorama entón e as empresas e os gobernos autónomos comezaban a tomar posicións. Como resulta da situación, a comunidade andaluza axudada polo seu goberno autónomo potencia a creación da chamada “Aerópolis” na que participan novas empresas para afrontar os novos retos. Non é casualidade que se inaugure entón a segunda escola de Enxenñeiros Aeronáuticos de España en Sevilla.

En Galicia a Xunta tamén se decatou da oportunidade que representa participar nestes novos proxectos e comezan a xurdir as primeiras industrias con vocación aeronáutica. O primeiro exemplo témolo en Delta , unha industria adicada aos mecanizados, afincada en Vigo con tradición no mundo do automóbil, pero que grazas ás inquedanzas e miras do seu xerente Francisco Puga, dá o paso ao mundo aeronáutico creando un departamento a tal efecto, e tras diversas xestións, hoxe ten asignados contratos con Airbus para a fabricación de compoñentes do avión de pasaxeiros máis grande do mundo, o A-380 , cunha carga de traballo moi superior ás súas capacidades, o que obriga á subcontratación de varios paquetes.

Outros exemplos témolos ben preto da nosa cidade: “Laddes Works” e “COASA, as dúas situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia.

Laddes Works adícase á fabricación de compoñentes metálicos para clientes coma Airbus , Bombardier , etc. Trátase dunha empresa pequena que aposta pola mecanización, e, como adoita dicir o seu xerente, “prefiero invertir en máquinas, que non dan problemas”.

COASA é unha empresa do grupo Gamesa adicada á fabricación de compoñentes aeronáuticos en materiais compostos (fibras de carbono, vidro, kevlar, etc.). Inaugúrase o sete de setembro do ano 2001, despois de construír unha nave no tempo record dun ano. Os atentados do once de setembro dese mesmo ano supuxeron un freo na política de expasión desta empresa. Noventa e seis traballadores formaban a plantilla a finais dese ano e pouco a pouco foise reducindo o número até quedar cos sesenta e cinco necesarios para axustar a demanda á capacidade productiva. Hoxe pódese dar por superada esta etapa, e dos cen traballadores e traballadoras que alí desenvolven a súa actividade espérase chagar até preto dos dous centos a finais de ano. Día a día saen polas portas de COASA os elementos necesarios para unha montaxe posterior das ás dos avións brasileiros ERJ-170 e até compoñentes para o avión de combate europeo Eurofighter .

Pero ¿que diferencias hai entre este sector e outros sectores xa asentados dende hai tempo? Basicamente o concepto de cualidade vai relacionado coa aeronáutica . Aínda que non é específico deste sector, é unha condición indispensable para a fabricación e montaxe de compoñentes. Os requisitos esixidos polos grandes contratistas (Boeing, Airbus... ) para poder traballar para eles son o estar acreditados con sistemas de cualidade coma ISO 9000 , EN 9100 (específico do mundo da aeronáutica), que tratan de documentar dende os obxectivos de cualidade propostos até a regulamentación da actividade na empresa a travso dos procedementos, instruccións, manuais, etc.

Das preto de cincocentas empresas que poden existir en España adicadas á fabricación aeronáutica de maneira directa ou indirecta, hoxe non hai máis ca vinte certificadas coa acreditación EN 9100 . Dito sexa de paso que, en Ourense, COASA foi a número oito en certificarse en España, acadando o certificado en Xullo do pasado 2003. E isto da cualidade debe dar confianza, porque dende mediados do 2004 o crecemnto dos pedidos nesta empresa duplicouse.

Outra diferencia básica neste sector é o control estricto e seguemento que se fai de cada compoñente. Cada peza que comeza a fabricarse nace cunha documentación na que quedan reflectidos datos coma: cada unha das operacións realizadas, selo identificativo da persoa que executou o traballo, condicións ambientais, materiais empregados indicando lotes e caducidades, documentación aplicada, etc. E coma última operación en todo o proceso productivo, a inspección final da peza tamén neste sector é diferente: mentres que noutros procesos industriais é frecuente a inspección dunha peza cada certo número delas, aquí inspecciónase o cento por cento da producción.

Estas particularidades explican o porqué dos prezos acadados por estes productos e a dificultade de ser un empresario emprededor neste eido.

Hoxe en Ourense temos a oportunidade de vivir esta aventura tecnolóxica nunhas poucas empresas, pero pode ser a semente para que novas ideas e proxectos se sumen aos existentes e configuren o tecido industrial tan necesitado. Pero o éxito ou o fracaso dos proxectos depende de todos e cada un dos participantes e sería bo facer unha reflexión preguntándonos ¿somos mellores cá competencia?, ¿estamos facendo o posible para conseguir unha mellora continua? Sería unha mágoa que sectores emerxentes se visen truncados por non ter en conta o mundo competitivo no que vivimos e da necesidade de revalidar día a día ese compromiso que nos axude a acadar os obxectivos do colectivo industrial do que formamos parte e que en definitiva redundará nunha mellora persoal.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net