Un ano mais, vemos como unha nova edición de Xantar, chega a Ourense.
A publicidade xa nos di que loguiño poderemos degustar os máis exquisitos manxares . Di tamén, que xantar en Ourense, é como xantar en Galicia enteira. Semella que o acontecemento é unha festa popular da exaltación gastronómica rexional; pero nada mais lexos da realidade, ou si, dependendo do senso con que tomemos a palabra “popular”.
Chega o día, e alí están os de sempre, o mellorciño de cada casa. Nada máis chegar, o primeiro que atopamos é de todo menos sitio, unha vez que se consegue, xa achegándonos ó recinto, empeza o espectáculo.
De camiño á entrada, xa podemos ver uns modelos de coches pouco convencionais . As preguntas que xurden á vista de semellantes aparellos son do estilo de:
¿ E de quen serán? . ¿ E logo esta festa para quen é? ¿ Que tipo de xente me vou atopar?. Pronto, moi pronto sairemos de dúbidas.
Xa na mesma entrada, un señor tocado por un don especial, sabe quen debe pasar e quen non. Alí mesmo fai a selección natural, como nas discotecas cutres de fai uns anos. Agardo uns minutos e confirmo o don especial . Pasan un par de señores moi engarabatados sin saudar sequera, e a reacción do garda é case de reverencia, mentres que o máis absoluto desprecio é o que transmite a quen lle facilita a entrada.
N o mesmo trance vense un grupo de persoas, que ven como o mesmo persoeiro que lle facilitou a entrada ós anteriores, páraos en seco e esixe as entradas.
Xa empezo a decatarme de que o acontecemento de popular ten pouco ¿Ou si?
Unha vez dentro, xa vexo como funciona o asunto. Quen se dan cita día tras outro, mentras dura o evento, son os de sempre. O director do banco XXX co constructor da firma YYY e o político do partido ZZZ , en definitiva, o mellor de cada casa. Estes elementos que deberían ser un máis, son os “ ÚNICOS”. A festa está feita para eles e por eles. Non hai máis que ver como van evolucionando os precios tan populares ano tras ano, ata conseguir ese ambiente de elite, que se é o que se pretende, ¡conseguido!.
Noutras partes existen iniciativas gastronómicas, pero doutro xeito. Tiven a oportunidade de participar en Chicago, das xornadas coñecidas como “The taste of Chicago” ( El sabor de Chicago), e podo dicir que son ben diferentres, salvando as distancias. Esa é unha festa popular no máis extenso sentido da palabra. Unha festa na que participa todo o mundo con precios para todo tipo de economías. Unha festa ó aire libre, onde se degustan os productos típicos , mellores ou peores, que gustarán ou darán noxo, pero son os que teñen, e así os mostran. Unha festa na que participan TODOS: nenos, mozos e vellos, como reza a copla do carnaval de Seixalbo.
E volvendo ó Xantar de Ourense, o que imaxinaba coma unha festa de todos, trocouse na duns poucos . Unha exaltación de si mesmos, unha mirada ó embigo e un encher a boca de grandes palabras para realimentar o evento.