Un ano máis, chega o bo tempo e os camiñantes atópanse por calquera vieiro co seu andar paseniño.
Levan a mochila ás costas e os calcetíns da xornada anterior, colgados , secándose co movemento do andar. Unha barba de varios días e unha cor entre vermella e moura nas partes onde o sol pega duro, delata a súa condición de peregrino. Unha vara de acacia ou un bastón mercado no Bierzo e envellecido con soprete, axuda ós camiñantes a avanzar cara o seu obxectivo. Pero.... ¿ Cal é o obxectivo? ¿ Que é o que move á xente a facer este camiño?
Unha resposta non sería completa se o que a dá, non experimenta en si mesmo .
E así é como un 25 de Xullo do ano 1999 moi de mañanciña saín dende o Cebreiro. Unha néboa cubría os arredores do santuario. Alí é onde dan a cartilla para ir poñendo os selos que acreditan o paso polos puntos estratéxicos do camiño.
A primeira etapa fun acompañado pola miña nai, que gran andadeira ela e con unha forza fóra do normal, facía quilómetros como quen dá un paseo. Moi pronto apareceron outros que coma nós ían cara Santiago. Os personaxes que encontrei o primeiro día foron os que en gran medida continuaron o resto da semana ata chegar a Santiago. A xente é moi aberta, de seguida che contan de onde veñen e as súas experiencias ata o momento. Había de todo, xente que comezaba ese día, outros que viñan dende Roncesvalles, outros que viñan do Sur, pero enganchaban o camiño no Bierzo, en fin, de todo había.
Así terminou o día en Triacastela, despois de disfrutar da paisaxe da montaña de Lugo, Un cámping con tendas de campaña do exército, era o reforzo do albergue para dar cabida a tódolos peregrinos que coma min buscaban o acubillo pola noite. Pero unha tormenta de verán descargou auga con tal intensidade que moi pronto as tendas se viron anegadas e vímonos obrigados a recoller as cousas e buscar por outro lado.
Vendo que a xente se ía cara a igrexa, alí tamén me encamiñei en busca do refuxio que non atopei nas tendas por mor da tromba. Alí tiven o primeiro revés na experiencia camiñante. Resulta que moitos dos que buscaron refuxio na igrexa, pertencían a unha agrupación de xoves relixiosos franciscanos, e para eles estaba reservada. Ocorréuseme preguntar se podía pasar alí a noite a un dos “líderes” de dito grupo, e a resposta foi que debía preguntarlle ó cura, que el me diría. Loxicamente non o fixen e facendo o tolo acocheime nunha esquina da tribuna, intentando durmir entre ronquidos e ruídos.
O día seguinte, antes das 6 da mañá, despois de descansar máis que durmir, levanteime para chegar cedo ó seguinte albergue e optar por unha cama. Era demasiado cedo para poder disfrutar da paisaxe, pero se non facía iso unha noite máis durmiría no chan.
Era unha noite tan pecha, que tiven que botar man da lanterna os primeiros quilómetros ata que as primeiras luces do día permitíronme prescindir dela.
Nesta etapa xa empecei a coñecer máis xente e a entender algo máis das razóns para facer o camiño. Son moitos os momentos nos que se camiña so e illado do exterior. ¡Que boa ocasión para meditar! Xustamente iso é o que se fai parte do camiño. Algo que non é normal na vida diaria e que por si mesmo xustifica a experiencia.
O cansazo e as ampolas, empezan a facer estragos os primeiros días en moita xente. Afortunadamente só experimentei o cansazo, pero puiden ver como outros camiñantes padecían de ampolas tan grandes que ocupaban case toda a parte do pé que apoiaba no chan.
A solidariedade e insolidariedade, tamén se ven. Son moitos os xestos de axuda duns a outros, que fan máis doado o camiño, así como actuacións non propias de compañeiros.
A segunda mala experiencia que puiden vivir foi despois de levar catro días camiñando. A chegada a un albergue en Ribadiso onde un cartel expresaba claramente algo así como: “ Se ruega a las personas que viajen en grupos organizados, de abstenerse de ocupar las camas a otros caminantes”.
E alí estaban facendo cola, esperando que abrise o albergue unhas 40 persoas que viaxaban con “ autobús escoba”, levándolles as mochilas, facéndolles a comida etc. E como non, eran os “Xoves Franciscanos” que xa atopara o primeiro día. Cando lles advertimos sobre o contido do cartel, a reacción non se me esquecerá. Esconderon os crucifixos de madeira que outrora levaban pendurando orgullosos e que os identificaba como grupo e incluso un deles dixo que o cartel claramente rogaba, pero que non prohibía ¡Exemplo de solidariedade!
Foron varios os peregrinos que por mor do grupo tivo que durmir no chan un día máis.
É curiosa a reacción desta xente, que eran capaces de levar a un compañeiro paralítico en cadeira de rodas empuxando por el dende o Bierzo a Santiago, como era este o caso, e non eran capaces de sentir o mínimo respecto polos demais camiñantes que non pertencían ó seu “grupo”. Unha actitude digna de estudio psicolóxico.
Sen pararme en máis detalles que darían para escribir un libro, o tempo acabábase e as conclusións e preguntas plantexadas ó comezo da viaxe, xa ían tendo resposta.
Ante esa gran incógnita de por qué se peregrina a Santiago, a resposta non é doada, habería case tantos motivos como peregrinos, pero eu destacaría:
a) Motivos relixiosos
b) Curiosidade
c) Un xeito barato de facer unhas vacacións
d) Unha forma de turismo e disfrute das paisaxes.
e) Comprobar a experiencia doutros
f) Unha forma de facer deporte
g) Necesidade de reflexión
h) Unha forma de coñecer xente
i) ...
Cada caso terá en maior ou menor medida algo de cada. Particularmente a invitación á reflexión e o camiño paralelo ó interior tería un peso importante nos motivos que impulsan a esta viaxe, e como engadido viría todo o demais.
Realmente existe un paralelismo entre a vida de cotío e o camiño. Igual que na vida , durante o camiño imos atopando xente, plantexamos uns obxectivos e imos atopando dificultades para conquerilos. Pasan os quilómetros ou os anos e vemos o pasado de outro xeito, como se a experiencia do tempo nos fixera ser tan atrevidos como para dar consellos.