Para ver realmente a orixe, teriámonos que remontar ó ano 1983. Unha mañá dun domingo de entroido, paseando pola praza maior de Madrid, chamoume a atención un globo de papel duns 2 metros de altura que estaban preparando para o despegue. Alí quedei mirando todo canto facían ata que o globo saíu voando maxestuosamente. Dende aquel momento a cabeza empezoume a bulir e ese mesmo verán, xunto con outros amigos nas horas da sesta, no local que noutros tempos fora a tenda da miña avoa Roxelia, empezaba a coller forma a fabricación do primeiro globo.
Os materiais non podían ser máis simples: bolsas de plástico do lixo ou doutro tipo que traiamos da casa ou pediamos nas tendas de Seixalbo. O primeiro que fixemos foi abrilas e unilas con cinta adhesiva, ata conseguir uns tamaños máis axeitados.
Utilizando un rolo de papel de empapelar (moi de moda fai 30 anos), fixemos o patrón para cortar os plásticos todos iguais, e unilos despois para darlle forma ó globo. Este non era moi grande, a altura non pasada dos dous metros, pero estaba ben feitiño.
O día que rematamos de pegar todos os anacos, non resistimos a tentación de probalo alí mesmo. Empregando un secador de pelo, o globo empezou a inchar, e nun momento, sen a forza do secador, o globo mantíñase no aire e incluso subía lixeiramente só polo efecto do aire quente. Aquilo animounos moito e foi o principio para a fabricación doutros cada vez máis grandes e mellor feitos.
Chegamos a facer entre o ano 1983 e 1984 uns 5 globos diferentes que disfrutabamos soltándoo ata que o perdiamos ou o recuperabamos. Foron moitos os bos momentos de diversión e algún que outro susto como o que pasamos cando un día, despois de soltar un dos aparellos, veu unha raxada de vento que o espetou contra o chan dunha leira veciña, provocando un pequeno inicio de lume que non pasou de aí, grazas á rápida intervención dos que estabamos vendo o despegue.
Xa, unha vez de volta de Madrid no 2001, e por mor da empresa onde traballo, dotada de máquinas de corte de última tecnoloxía, acordeime dos globos e o rápido que se farían dispondo desas máquinas. Pero era só unha idea que non chegaba a nada, ata este ano, no que na festa do socio, Marga deume o empuxón final cando me dixo: “Para o entroido hai que facer un globo”. E así foi; dende ese día un grupo de rapaces de Seixalbo empezamos a traballar sobre o tema.
Na primeira xuntanza que tivemos no local da asociación, presentei o que inicialmente ía ser o globo. Tería unha forza ascensional duns 12 Kg e estaba previsto que levara uns colgarexos cos nomes de Paquita e Nicanor, así como sobre o propio globo as letras de Seixalbo e Entroido 08.
Utilizando as máquinas de corte das que falaba antes e materiais de desfeito, nunha hora xa estaban cortados os anacos de plástico que necesitabamos. Faltaba selar uns cos outros ata darlle forma ó globo. Nun par de sábados pola mañá quedou rematado.
É de destacar o empeño e ilusión que todos os participantes puxeron no asunto. Non vou a dicir aquí todos os nomes porque seguro que algún se me esquecería e quedaría mal, pero eles ben saben os que son e o bo traballo que fixeron. O primeiro sábado estarían unhas 10 persoas, e para todas había algo que facer, un selaba os plásticos, outro axudaba a mover os anacos, outro facía letras, outro recortaba e pegaba, outro facía o aro . Era un bulir de xente e de actividade.
O segundo sábado xa estaba practicamente rematado e non resistimos a tentación de probalo. ¡Un desastre! O soprete de fontaneiro de que dispoñiamos non daba a calor suficiente para quentalo e nin sequera chegou a levantarse do chan. Quedamos emprazados para outro sábado cun soprete dos empregados na matanza para queimar os porcos.
O segundo intento foi un pouco mellor, pero pouco. Cando xa tiñamos o globo inchado a base de darlle aire cunha especie de abano feito con cartón, comezamos a quentalo co soprete, pero eran tantas as lapas de lume e a forza, que se empezou a derreter o plástico por un lateral. Rapidamente apagamos o soprete e reparamos o globo cun remendo como puidemos. Cando xa estaba todo disposto para o seguinte intento, aprendemos dos erros, e esta vez xa non concentrabamos as lapas no mesmo sitio nin con tanta forza, e así foi como o globo empezou a endereitarse ata poñerse teso e a coller forza. O problema era que cando deixabamos de quentar co soprete o globo víñase abaixo.
A idea inicial era que unha vez o globo estivese ergueito, quentalo con alcohol para manter a calor e que conseguise subir, pero resultou que o alcohol daba tan pouca calor que aquilo víñase abaixo en canto quitabamos o soprete. Aquel día xurdiron ideas de todo tipo, dende utilizar fachucos ata gasolina, pasando por pequenas bombonas de cámping-gas, pero quedamos en pensalo, consultar en Internet e decidiriamos a seguinte vez.
A consulta en Internet foi a clave. A nosa referencia era o globo de Betanzos, e descubrimos que eles empregaban fías de taller empapadas en gasolina con aceite. Isto deunos novos ánimos. Se dese xeito eran capaces de quentar un globo de papel que pesaba mais de 100 Kg o noso, que non pasaba dos 5 Kg, seguro que non tería problemas.
A seguinte proba fíxose desexar, pois cos días de chuvia que tivemos, non encontrabamos o momento axeitado para a proba no exterior, así que, grazas a que nos deixaron unha nave industrial, alí probamos o globo na súa penúltima versión: aro ríxido de ferro, e unha cazoleta no centro para por os trapos coa gasolina e o aceite. Esta vez si funcionou. O globo subía con pouca forza, pero mantíñase por si mesmo cos trapos acendidos. Por fin estaba o problema principal resolto. Outra cousa que tivemos que arranxar era que as letras que pegaramos no globo, con tantas probas despegábanse e fixéronnos optar por pintalas.
Xa non faltaba nada para o día previsto e os últimos preparativos fixéronse rapidamente. No último momento cambiamos o aro de ferro que nos parecía pesado por un de carbono, para garantir que o globo subira. Isto foi un erro, como se demostraría máis tarde.
Chegou o día e o no campo da Infesta preparamos o aparello. Un ventilador de aire permitiunos inchar o globo para que fora collendo forma e que se mostrasen as letras de “ENTROIDO 08” e “ SEIXALBO”. No momento do despegue, e para garantir que o globo subise sen problemas, quentámolo máis do necesario, e se engadimos que se cambiara o aro de ferro por un de carbono, o resultado era un globo sen contrapeso que nada máis despegar, desequilibrouse como se puido ver.
Por momentos, debido a esa falta de contrapeso e a forza de subida, houbo risco de que prendera lume no plástico, pero non foi así e despois dun par de tombos no aire e a caída dunhas cantas fías ardendo, estabilizouse e seguiu collendo altura e desprazándose en dirección Noroeste cara Ourense. Cada vez facíase máis pequeno no aire , ata que non era máis ca un punto e rematou desaparecendo para sempre.
Hoxe aínda non sabemos do seu paradoiro, pero o que é seguro é que atravesou Ourense e continuou o seu camiño dirección Vigo. Seguro que non volveremos a saber nada do globo, pero o seu substituto, máis grande e mellor, estará con nós no seguinte entroido.