Sen lugar a erros, a cerdeira de acios é unha das árbores menos coñecidas pola xente, debido a que escasea moito: posiblemente en España o seu número non supere os cincuenta exemplares. Pero, aínda que en Iberia sexa escasa, en Europa esténdese por unha ampla área que polo Norte chega ata Siberia, vexetando sempre en zonas próximas a cursos de auga, onde non é raro atopala asociada ó bosque de ribeira.
A cerdeira de acios é un arbusto ou árbore que pode chegar ós 15/20 metros de altura. As follas, que xa saen en febreiro, son do tamaño das dunha cerdeira común, de sete a trece centímetros de lonxitude, pero de cor verde máis clara e delicadamente aserrada, rematando nun ápice pouco aguzado e peciolo curto duns dous centímetros de longo; a nervazón é densa e con releve polo envés. Na fotografía podemos observar as diferencias entre unha folla de cerdeira de acios á esquerda e a da cerdeira común á dereita.
Na floración, dende primeiros de Marzo presenta unha vistosa inflorescencia de entre doce a vinte centímetros de longo formado por pequenas flores de cinco pétalos brancos que bordean o cálice e parte central de cor amarelo laranxa. De cada unha nace unha cereixiña do tamaño dun guisante que vai pasando da cor verde á vermella para rematar negra ó final da maduración; o sabor é amargo e azucrado. A corteza é de cor castaña con motas ocres con cheiro a améndoas amargas.
Curiosamente, nun pequeño bosque do Ribeiro de Avia, existente no Concello de Beade, coñecido por Ridimoas sobrevive un pé adulto. Está no fondo dunha vaguada central exposta ó Norte, moi sombriza e con moita materia orgánica no solo. Esta vagauada foi desmontada e cultivada de millo e patacas a principios do s. XX; mentres que a ladeira exposta ó Leste foi plantada de vides, sobrevivindo algúns viñedos nos socalcos máis accesibles. Por tanto, a dinámica de avance e retroceso da agricultura modelou Ridimoas a través dos distintos usos do solo, volvendo o bosque a recuperar os seus dominios cando as actividades humanas cesaron ou reduciron o seu ritmo.
Con certeza non sabemos se a parcela na que vexeta a cerdeira de acio adulta foi con anterioridade cultivada; o que si sabemos é que cinco metros antes do seu tronco, en dirección Norte, houbo unha viña, aínda se apreceian postes de pedra e algunhas cepas de Vitis vinifera, mentres que no linde leste a fisonomía do terreo nivelado e a testemuña de xente de idade avanzada, dinnos que alí colleitábanse patacas. Fose como fose, o certo é que un Prunus padus, de porte considerable, sobreviviu ata a fundación da Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas que actualmente xestiona este ecosistema. Polo tanto, e dado que a cerdeira de acios se erixiu como a estrela botánica do Bosque, había que aumentar o número de individuos a partir do único pé existente. Como non se aprecia reproducción por semente, houbo que buscar outros métodos de multiplicación vexetal.
Inicialmente tentouse enxertar Prunus padus sobre o patrón cultivado de cerdeira común (Prunus avium), pero ó non haber coincidencia vexetativa entre ambas especies, o experimento fracasou xa que Prunus padus comeza a botar as follas moi cedo, florecendo en marzo, mentres que Prunus avium é máis tardía e florece antes de botar as follas.
O segundo intento consistiu en multiplicación por retoños, logrando extraer nove vástagos con raiciñas da planta nai que foron transplantados a un terreo ben abonado. Neste terreo provisional as pequenas cerdeiras foron regadas diariamente en primavera e verán, desenvolvendo así un bo sistema radical. Con todo, por culpa das toupas, só tres vástagos lograron superar o verán. Estes tres retoños foron transplantados a un habitat de Ridimoas, zona da Barbaña en 1996, e alí dous medran vigorosos e un terceiro foi arrincado por un porco bravo. A principios de 1998 transplantáronse para outro habitat específico de Ridimoas cinco novos retoños extraídos en 1997. Estes medraron tan ben que xa deron froitos no ano 2000, correspondendo a foto á floración dun destes exemplares.
En febreiro de 1999, extraémoslle a unha das anteriores catro ramiñas para experimentar co método de multiplicación por estaca de ramo calzado e puxémolas a enraizar nun terreo abonado. Os resultados foron esperanzadores, pois as catro estaquiñas emitiron raíces poderosas polo que puideron ser transplatadas ó habitat definitivo no seguinte ano. Este método é o que actualmente empregamos dada a alta porcentaxe de éxito; ademais non supón ningún dano á planta nai.
Como conclusión, podemos dicir que a cerdeira de acios en Ridimoas pódese multiplicar indefinidamente a partir de estaquiñas de ramo calzado. Sen embargo, agora enfrontámonos á procura de atopar habitats específicos. Estes hábitats están ocupados por terras de cultivo (hortas) que no Ribeiro acadan alto precio por metro cadrado, o que dificulta a adquisición dos mesmos por parte da Asociación; por tanto, a opción máis viable para salvar da extinción a especie é a de trasplantar pés a espacios naturais protexidos tales como o Parque Natural da Serra do Invernadeiro. Mentres, o labor máis importante a cargo de Ridimoas é velar para que os pés existentes acaden unha idade lonxeva e rematen reproducíndose por semente,o que lle daría unha maior capacidade de adaptación fronte ó cambio climático.