Era o ano de 1994 e tíñame que decidir. O próximo ano celebraríase o 50 aniversario da liberación dos campos de concentración nazis e esta era a miña oportunidade: tiña que viaxar a Alemania e coñecer o campo de concentración de Ravensbrück, onde, MERCEDES NÚÑEZ, a miña nai, e miles de mulleres máis sufriran e loitaran por un ideal de xustiza e liberdade e contra a intolerancia. A miña nai nunca quixo volver a un lugar de tanto sufrimento e vexación.
A pesares da miña firme decisión, algo me dicía que non estaba preparado para afrontar tantas emocións. Finalmente a vida truncaría o meu proxecto e a repentina enfermidade do meu pai, que lle provocaría a morte, daría ó traste con todo.
Dez anos despois, no ano 2.005, volvín a retomar a idea de coñecer o escenario do horror nazi. Esta vez estaba máis curtido e máis involucrado na vida da miña nai, por unhas colaboracións que fixera cuns historiadores interesados na represión en España despois da Guerra Civil e no fenómeno das deportacións. Decidinme. Tiña que tomar parte activa na recuperación da memoria histórica deste país que quedou silenciada en aras dunha transición pacífica e democrática.
Teño que confesar que non sabía se podería controlar as miñas emocións ó chegar ó campo.
Por fin chega o día e emprendemos a viaxe. Primeiro Barcelona, logo Berlín.
No aeroporto agardábanos un autobús para trasladarnos ó campo. Durante a hora que durou a viaxe consego manterme sereno. Toni, o guía que nos acompaña, cóntanos como moitos alemáns están fartos de tantas celebracións e non entenden o noso empeño en conservar os vestixios da barbarie nazi. Cren que o facemos por vinganza, como un reproche cara eles, ao pobo alemán en xeral. Nada máis lonxe da realidade.
Por fin chega o momento máis temido. Estamos chegando ás inmediacións do pobo de Fürstenberg. Enfiamos a terrible estrada de adoquíns que conduce a Ravensbrück. Vénme á memoria que esta estrada duns 4 quilómetros, fixérona as presas coas súas propias mans e o seu propio esforzo, arrastrando un pesado rolete de pedra duns 800 quilogramos. Nesta estrada que estabamos pisando, deixarían a vida en condicións infrahumanas centos de mulleres. As que non morrían aplastadas polo rolete tiñan que soportar ós SS cos seus cans e os seus látigos.
Paramos ante un conxunto de estatuas que representan a unhas mulleres cun neno morto nunhas angarillas e outro chorando,agarrado ás faldas da súa nai. Máis adiente atopámonos cun dos tanques do "Exército Roxo", que liberou o campo o 30 de abril de 1945.
A estrada adéntrase nun escuro e lánguido bosque de bidueiros e coníferas que deixan vislumbrar unhas escangalladas e sinistras casas que foroncobixo dos oficiais SS e das súas familias.Vénme de novo á memoria o que me contaba miña nai. Estas casas estaban rodeadas duns xardíns, que debían o seu explendor a que estaban fertilizadas coas cinzas do forno crematorio. Encólleseme o corazón. Xa podo ver os pavillóns amarelos que habitaban as "Aufseherinnen" ( gardas das SS ). O autobús traspasa a porta metálica do recinto e déixanos diante da "Kommandantur" (enorme edificio administrativo do campo, convertido hoxe en museo) Himmler mandou construir o campo de concentración de Ravensbrück ("ponte dos corvos") nuns terreos pantanosos da súa propiedade, situados no Mecklemburg, a uns 80 quilómetros do norte de Berlín, a partires de novembro de 1938 coa axuda de prisioneiros do campo cercano de Sachsenhausen. O clima era tan rigoroso que lle chamaban á zona " a pequena Siberia". Sempre sopla un vento xélido.
Destinado á detención preventiva de mulleres, será inaugurado oficialmente o 18 de maio de 1939. As primeiras presas foron alemanas e algunha austríaca que se opuñan aos dictados nazis.
Ademais das deportadas por motivos políticos, raciais, sociais e relixosos, a partires de outubro de 1941, empezan a chegar as primeiras presas soviéticas, e en 1943 e 1944 chegan as chamadas antifascistas que combaten ao inimigo en Francia, Italia...e outros países ocupados.
O recinto vai ser obxecto de ampliacións e no verán de 1942 complementarase coa construcción dun campo para adolescentes, "Uckermark", a quilómetro e medio do recinto principal.
O campo ampliarase ata acadar 32 barracóns de madeirae tamén con centros de produción, aprobeitando a man de obra fiminina como a Siemens, que contará con 20 talleres, a IG Farben e a a Textil Fabrik.
No transcurso da guerra, uns 70 campos anexos dependentes do campo nai de Ravensbrück, dedicaranse a explotar a man de obra das prisioneiras en proveito da industria de guerra.
Entre 1939 e 1945, 132.000 mulleres e nenos ( das cales unhas cen serían españolas republicanas , procedentes da Resistencia francesa contra o ocupante nazi), 20.000 homes e 1.000 adolescentesde 23 nacionalidades distintas van ser internados neste campo. A fame, as enfermidades e as execucións acabaron coa vida de 92.000 mulleres. As que saíron con vida daquel inferno arrastrarían graves secuelas de por vida. Practicáronse experimentos atroces con 74 xoves polacas ás que se lles extirparon nervios, músculos, ósos... dos seus membros. Coas súas horribles mutilacións deambulaban polo campo. Logo serían eliminadas con inxeccións de fenol para non deixar rastro dos crimes comitidos contra elas. En España, o psiquiatra Antonio Vallejo-Nagera, xefe do servicio de Psiquiatría do Exército, ampliou os seus coñecementos na Alemania nazi e cos experimentos que fixo coas mulleres da Prisión de Málaga. Alimentaba a idea de que a única solución que había para os fillos dos "roxos" era separalos dos pais.
O 39 de abril de 1943 poñeranse en funcionamento os fornos crematorios e a finais do ano 1944 montarase unha cámara de gas que acabará coa vida dunhas 6.000 detidas. Os últimos días da guerra, a media diaria de mulleres mortas era de 300 , por tuberculosis, tifus, disentería...Os seus cadáveres eran incinerados e as súas cinzas esparcidas no Lago Schdwedt, contiguo ao campo, cunha extensión que chegaba ao pobo cercano de Fürstenberg. Tantas eran as cinsas, que o lago chegaríase a cubrir dun manto grisáceo baixo do autobús e a emoción embárgame. Son incapaz de traspasar a porta de entrada do campo. Déixoo para o día seguinte. Prefiro facelo so, cos meus pensamentos, de madrugada.
Ó día seguinte franqueo a porta orixinal ( que inda se conserva) pola que pasaron miles de deportadas e chego ó "Appelplatz". É unha explanada inmensa onde tiña lugar o "Appel" unhas dúas veces ao día. Tratábase dun reconto que podía durar como mínimo unha hora ou doce horas, á intemperie con temperaturas que podían acadar ata os 25 ou 30 graos baixo cero. As presas tiñan que permanecer en posición de firmes e ensilencio. Non podían moverse, nin sequera achegarse á compañeira que non aguantaba e caía ó chan, so pena de castigo. Os nazis perseguían degradar á persoa ata anular a súa personalidade e a súa dignidade. O único que se oían eran berros de: "schnell, schnell" das gardas e os ladridos dos seus cans de presa. Logo diríxome cara un edificio tétrico e enreixado : o "bunker", onde estaban as celas de castigo e onde incomunicaban ás presas castigadas. Nunha desas celas aínda se conserva o potro de tortura e o látigo que servía para torturar ás detidas.
Cando vou cara os fornos crematorios, atópome cunha comitiva na que se encontra Neus Catalá, supervivinte de Ravensbrück, que estivo deportada coa miña nai na fronte. Saudámonos e voume en silencio cara os fornos crematorios. Son 2 fornos grandes de ladrillo refractario e outro máis pequeno metálico. As visitas depositan coroas de flores. Só cabe o silencio como homenaxe ás víctimas.
Ao saír do crematorio atópome cun corredor estreito e escuro que resulta ser o corredor dos fusilamentos. É unha visión dantesca. Pecho os ollos e maxino o silbido das balas e os xemidos das víctimas, todo mesturado co fume e o olor a carne queimada dos crematorios máis próximos. Non aguanto máis, a presión é demasiado forte e teño que abrir os ollos e tragar unha bocalada de aire, ó mesmo tempo que escoito como cantan os paxaros, alleos a canto aconteceu ó seu redor.
A tarde dedicámola ás cerimonias de homenaxe en compaña dos compañeiros da "Amical de Mauthausen e outros campos" de Barcelona, que nos acompañaron nesta viaxe. Primeiro será no Muro das Nacións, muro de peche do campo do que aínda colgan parte das alambradas electrificadas. Cada tramo serve de homenaxe a cada unha das 23 nacionalidades das deportadas. A continuación virá a cerimonia do lago, nomeando a cada unha das presas, ó tempo que se tira un caravel á auga ata chegalo a cubrir en parte. Podo ver no fondo do lago a Torre da igrexa do pobo de Fürstenberg e lembro quea miña nai dicíame que podía vela dende o campo e que representaba para ela o exterior, e , polo tanto, a liberdade.
O campo será liberado polo "Exército Roxo" o 30 de abril de 1945 cando quedaban 3.000 mulleres enfermas e 400 homes. Os Comandos anexos serán liberados pouco a pouco. Moitas mulleres seguirán morrendo nas semanas seguintes á liberación.
Os barracóns de madeira xa non existen porque os habitantes dos pobos colindantes, cando acabou a guerra, colléronnos, destruíronnos e empregáronnos para refacer as súas casas, e así, desta maneira, tamén evitaban que quedaran sinais do que socedeu alí.
Entrei no campo de concentración de Ravensbrück pensando na miña nai e saín pensando nas miles de mulleres que, sen distinción de raza, de nacionalidade, de crencias rellixiosas, de ideas políticasou de condición social, souberon loitar unidas e solidarias contra a bestia nazi, aínda a costa da súa vida en moitas ocasións.
É unha lección que temos que aprender todos. A miña nai, nas charlas que lles daba ós rapaces nos Institutos, non se cansaba de repetirlles que un pobo que vive de costas ó seu pasado está condenado a repetilo. Como ben dicía Bertolt Brecht: "o ventre que pariu a besta inmunda aínda está fecundo".
Galicia non podo permanecer ao marxe da deportación, porque 220 galegos morreron nos campos de concentración nazis de Mauthausen e Gusen e 14 deles eran nattural da provincia de Ourense.