Volume 6 Número 1 Ano 2007
Autor:J. D. Laranjo
PRISIONEIRO DE ROSAS E COITELO
Autor: J. D. Laranjo
Galego
Estes versos que seguen forman parte dun poemario inédito que o seu autor J.D. Laranjo titulou “Prisionero de rosas y cuchillo” e que me foi entregado en depósito para facer del o que mellor me parecese. Despois de tantos anos pareceume esta a ocasión idónea para dar a coñecer unha mínima parte. Para min que non merecen estar por máis tempo acochados. Se algo hai que non acaia ben, acháquenmo a min mesma, que ousei magoalos cunha mala traducción. (Marga Seara)


Permanecen a rosa e o pranto,
como malditos amantes
que entregan o seu amor á terra.

No hime da luz
eu penetrei no teu feitizo inmutable
-ambiguos apousentos-
desafiando a túa lei misterio a misterio.

Medrei na alma da rosa
por un inmenso caudal de casualidades,
sen alento, libre
e fortalecido polo néctar de fel
das túas mans.

Non é estraño que nun amencer
de doce rosas,
alleado, entregue puñal por puñal
o po que cobre os meus ósos.

Rosa por rosa, pranto por pranto.

Vou ao ar
que me agarda na intriga
de brutos e lúa.
Arfante tras os cans
prisioneiro de follas,
anceio chegar -camiño de medo-
ao canto da sombra.
Silencio como pedra amordazada,
vou ao ar
do minuto disgregado
e do misterio. Vou
co peito dividido en rosa,
en coitelo.
Silencio! Silencio, silencio
que chega o ar.


Pintada de lúa
a túa mollada nudez
abriu no meu ventre
un remanso de murmurios.
E o meu corpo alleado
medraba en desexo de lúa
-amante-
escuma silenciosa de vida,
brisa e pétalo para o recordo.

Multiplícase o minuto
-xordo- en universo de auga
aquí, co monótono
berro do inverno virxe,
místico de alacráns áureos.
Permanece respectado o sino
guía de sabios á alba
acochada entre os tambores
da bruma –solitaria e intrépida-
engarzada a pel de vento.
No minuto –estación de inmensidades-
mergullados,
sen posible nome, esperan
como se pode esperar a mañá.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net