O seguinte relato desenvolveuse nun hospital da cidade de Barcelona.Contoumo un amigo que é celador, pero que alí lles chaman camilleiros.
Coincidindo coa chegada dunha nova recepcionista ao hospital, un grupo de camilleiros decidiron poñela a proba. Chamaron por teléfono, facéndose pasar por médicos do Centro de Transplantes, cunha voz imperativa e falando dun xeito tan rápido que cáseque non daba lugar a comprender o que dicían. A mensaxe era: “Dentro de media hora imos pasar a buscar un corazón nunha neveira verde, teña todo preparado e os papeis en regra”. Sen dar lugar a preguntas cortaron a chamada de súpeto.
A recepcionista, que non estaba nin moi segura de ter entendido ben, quedou literalmente coa palabra na boca, afogada de medo, paralizada e sen saber que facer para solucionar semellante problema que lle caera enriba. Decidiu entón chamar á Unidade de Coidados Intensivos (UCI), pensando que podía atopar alí o corazón na neveira verde cos papeis. Descolgou o teléfono e, chea de medo, coa inseguridade de non saber para onde tirar, marcou o número. Do outro lado respostoulle unha enfermeira que non lograba entender de que lle estaba a falar. A recepcionista trataba de explicarlle que buscaba un corazón vermello nunha neveira verde con papeis, ou algo así. O das cores xa non o tiña moi claro e nin sequera se estaría facendo ben de chamar alí.
Pensando que estaba a enredar moito, e que non tiña pintas o receptor de entenderlle nada, colgoulle o teléfono. A enfermeira non daba créto, pero tranquilamente seguiu co seu traballo.
A recepcionista ía chamar a quirófano, pensou que alí podía estar a caixiña co corazón que buscaba. Descolgou o teléfono, chamou a quirófano. Pero nisto que se presentou diante do seu mostrador un señor cunha carpeta e aires de moita présa:
-“Desculpe, vimos buscar o corazón que lle dixemos, temos moita présa, onde está?, que comprobamos todo e nos imos”.
Ela, a punto de rebentar de angustia, balbucea: “é... é... que inda non o atopei...”.
Entón o home mostrouse moi cabreado e agresivo, recriminándolle que como era posible que non entendera que se trataba dunha urxencia vital. O home cada vez berraba máis e dicía: “Mire, señora, se non atopa o corazón é o seu problema. Por min como se me dá o seu, pero eu non marcho de aquí sen un corazón nunha neveira verde cos papeis en regra”.
Ela quería morrer, non sabía que facer, totalmente bloqueada polo medo. E, de súpeto, aparecen dous camilleiros cunha neveira verde e uns papeis. Ela viu o ceo aberto,” aquí aquí!!”, empezou a berrar, “aquí esta o seu corazón señor!!”.
El respostou: “moi ben, agora só queda comprobalo. Por favor, abra a neveira para confirmar que está todo ben”. Ela, definitivamente quería rematar a xornada de traballo e abandonar a profesión. Isto era un senvivir, non gañaba para barbaridades. Botoulle valor e abriu a neveira. Dentro había un cartel moi grande que dicía: ¡INOCENTE!.