Volume 8 Número 3 Ano 2007
Autor:Maria Elena Ases
SEN PRÉSAS, SEN PETRÓLEO E COA PAISAXE
Autor: Maria Elena Ases
Galego
Esta, queridos lectores de Solaina, vai ser a crónica dunha viaxe inusitada para os nosos tempos: unha parella, Marilén e Salva, un neno, Saül, un carro de tracción animal, tres burras, e un saco cheo de incógnitas, de espectativas, de carraxe e valentía suficiente para non aceptar o preestablecido. A vida pode ser algo diferente ó que nos teñen preparado, busquémolo. Ese é o motivo da aventura, da viaxe: o desafío ante o destino e a interacción con el.
O camiño é voso, queridos. Mil abrazos, ata pronto e boa viaxe!



Sen présas, sen petróleo e coa paisaxe. Este é o lema dunha viaxe vital, peculiar e iniciática. Iniciática na medida en que os seus protagonistas non han volver igual que cando emprenderon a ruta.
Catro meses, un millar de quilómetros, sete provincias atravesadas tranquilamente, ó paso dunha cabalaría modesta, pero resistente. Un carro, dúas burras, unha mula aboa xa, dous adultos e un neno de cinco anos, saíron do Vall d´ Albaida, en Valencia, o pasado mes de maio.

Os únicos patrocinadores oficiais da viaxe, foron o noso empeño en realizar un soño e a necesidade cada vez máis aguda de distanciarnos do desenvolvemento bulímico que vive o País Valenciá fai máis dunha década.

Trátase dunha viaxe de esencia bohemia, anacrónica e extravagante. Simpática e entrañable segundo algúns, perigosa, para a que fan falla un par “deses”- tamén ovarios- para outros. O que non admite discusión é a loxística que o acompaña. Para unha xeración coma a nosa, que nin medrou nin mamou o mundo dos animais e dos carreteiros, foi un traballo de asimilación intenso que levamos a cabo ó longo de case catro anos.

Comezamos polos burros, mercar, criar, curar, alimentar e adecuarlles un espazo digno. Logo, fómonos introducindo nun ámbito en desuso, case cinguido ó museo: os aparellos.Chegamos a descubrir ós últimos albardeiros da provincia de Ourense, en Maceda, e tanto en Galicia coma en Valencia, fomos recuperando e mercando todo tipo de utensilios que acabamos cosendo e restaurando para equipar ás nosas tres “mosqueteras”.

A primeira é “Ítaca”, a burra coa que nos adestramos, mercándoa ós catro meses despois do destete e que criamos coma un máis da familia.
A “Mora” ten 9 anos, é valente, experimentada no enganche e no trato coas estradas do século XXI. E finalmente “A Raíña”, unha mula vella, unha especia xeneticamente preparada para deixarse o pelexo en cada costa e que nos resultou imprescindible para mover os mil quilos do que ía ser a nosa casa durante todos estes meses.

A construción e planificación do carro tamén nos trouxo de cabeza. Que materiais elixir para conseguir un transporte lixeiro? Que dimensións son as máis adecuadas e como ter uns freos seguros e un manexo cómodo?...

Pouco a pouco fomos disipando dúbidas, grazas ó descubrimento de todo un mundo de afeccionados: o do carreteiro valenciano. Un grupo de persoas que comparte unha paixón común por todo o relacionado coa carro e os animais de tiro, e que, unha vez ó ano, durante 10 días, reúnense para percorrer os pobos na súa particular “Volta en carro”. Coñecemos pois, a moitos carreteiros afeccionados desta e doutras comarcas, cos que compartimos coñecementos, trucos, aparellos e habilidades, chegando a tecer con algúns deles, un verdadeiro compañeirismo.

Este cúmulo de detalles que chamamos loxística, obrigounos a nos introducir en todo un abano de especialidades, algunhas etnográficas, que van dende a albardería ata a mecánica, pasando pola arte de distribuír un espazo moi pequeno, que ten que cubrir todas as nosas necesidades: as de tres persoas e tres animais.

A aventura comezou moito antes do 12 do pasado maio e xa forma parte do noso currículum vital.
O rumbo ía marcado vagamente cara o norte. Nun principio barallabamos a posibilidade de dirixirnos cara Galicia, concretamente a Seixalbo, para atoparnos cos nosos familiares. Pero, ó longo das etapas, percibimos que fixarnos este obxectivo tan afastado, podía acabar agobiándonos, chegando a imporse como o único importante desta expedición... E precisamente, esta viaxe faciámola para desprogramarnos deste tic tan primeiromundista de fixarse metas, que empregan parámetros case sempre cuantitativos para medirse, coma o tempo, a distancia ou o capital , e o día a día foi confirmando este presentimento.

Na oitava etapa, entre “La Portera” e a casa do Río Mijares”, aínda en territorio valenciano, pasando un val case encantado, que debeu ser noutro tempo extremadamente fértil, -hoxe con cultivos abandonados-, veunos á cabeza a palabra “artesanal” para definir a viaxe. E así o temos reflectido no noso caderno de bitácora: “Esta é unha viaxe artesanal”, polo tempo que tardou en xestarse, e polo seu ritmo, que tanto nos regala. Permítenos ver cada greta de cada rocha e recoñecer as plantas que nelas se asoman, apreciar a chopeira varrida polos ventos e aprender a distinguir os diferentes sons do vento, segundo a vexetación que sacude. E ata contar as manchas das papoulas entre as herbas dos campos. Unha viaxe con olores, coas marcas dunha paisaxe atravesada e intensamente disfrutada. Unha viaxe con sabores, o sabor da propia viaxe e non tanto o do seu destino final.

Si que nos fixamos coma unha especie de fío condutor: as visitas a experiencias colectivas ou individuais cunha proxección sostible e disidente na ruralidade: pobos abandonados e reocupados, pequenas empresas de produción ecolóxica, de turismo responsable, actividades de educación ambiental, exemplos de artesanía minuciosa curada, formas de vivir máis respectuosas que practiquen a arquitectura bioclimática...

Pola provincia de Valencia

Exceptuando unha estreita franxa costeira onde se concentran as tres capitais de provincia e a maioría das noticias emitidas polos medios de comunicación, coma as cifras anuais de ocupación hoteleira, Terra Mítica, Fernando Alonso polas rúas de Valencia, a Copa América ou a visita papal; exceptuando pois esta tan mediática e superpoboada franxa costeira, o resto do territorio valenciano é montañoso e rural, ou sexa, invisible.

Despois dunhas poucas etapas, comezamos a relaxarnos e a confiar no potencial do noso motor que lle ía gañando o pulso ós portos, algúns de certo nivel, cos que nos atopabamos. Sorprendeunos “Ayora” unha diminuta capital dun val que leva o mesmo nome, un val interior de pobos colgados e paisaxes esculpidas pola historia. Atravesando a súa rúa principal, contamos seis inmobiliarias, todas con anuncios exclusivamente en inglés: o val estaba en venda.

Zara, Jarafuel, Jalance, Teresa de Cofrentes e a propia Ayora decoran as súa prazas con grandes murais de cerámica que narran episodios locais da expulsión dos moriscos no 1609. Unha expulsión violenta e traumática que deixou ós pobos anulados, sen xente habilidosa en tantos ámbitos da artesanía, da ciencia, da agricultura e outros focos de produción propios do século XVII. Case catrocentos anos despois, podían facerse novos encargos para decorar novas prazas que retratasen outros episodios tan significativos no contorno local: o éxodo rural e o abandono da cultura da terra iniciado nos anos 60 do pasado século, a despoboación progresiva e a mingua dos servizos públicos e, como non, a conseguinte colonización que, no caso valenciano, soe vir do norte de Europa.

A pesares desta tónica que describimos, topámonos neste invisible interior valenciano, con tres iniciativas, tres proxectos de vida que teñen como denominador común vivir dentro e dende o territorio, con mimo, moderación, sinxeleza, harmonía e sen unha fixación obsesiva pola plusvalía.

Carlos e Inma levan dez anos arrendando o axuntamento, unha antiga casona do Val do Río Mijares, levantando un albergue e casa rural a golpe de ilusión e de xoves voluntarios que veñen de toda Europa para aprender e compartir. Restauraron e ampliaron a casona con criterios ecolóxicos no deseño e nos materiais, recuperaron 3.000 metros de horta fértil, regada polo río que pasa diante da finca, planificando un contorno de autosuficiencia alimentaria con galiñas, forno, e pan caseiro, para facer uns produtos de estación libres de todo pesticida e abono de síntese. Transforman todo o que recollen en conservas que se consomen logo no pequeno restaurante vexetariano de fin de semana que o boca a boca foi promocionando durante os últimos anos. Completan a infraestrutura de turismo con actividades de educación ambiental que se centran nos recursos creados e nos do propio contorno. Así como dunha memoria histórica delicadamente recuperada e enxeñosamente transmitida.

Carme e Diego, levan trinta anos na Serra de Enguera, no medio da nada dunha inmensa extensión de piñeiral que se recupera lentamente do último e tremendo incendio. Trinta anos levantando e consolidando, coas súas mans, un espazo libre, un cámping naturista a 850 metros de altura. É un espazo orixinal na súa forma e no seu espírito. Alí celebrouse a primeira voda naturista de Valencia. Resulta ser dende a boca dos seus ocupantes reincidentes, moito máis ca un cámping nudista. Os seus promotores son como nos gustaría que fose a maioría : sans de corpo e de mente, sobrios, xenerosos, hospitalarios e a pesar do tempo transcorrido, perseguen, a un ritmo sosegado, un soño vital, en contacto estreito coas cousas esenciais.

Gavi é un xove viticultor cunha forza pouco común que sacou,fai sete anos, o primeiro viño biodinámico do estado español, á vez que foi enxendrando e criando, xunto con Ioli, a súa dona, catro nenos. Despois de poñer en produción os seus viñedos, de mercar e poñer en funcionamento unha gran casa-adega, foise cansando do snobismo que envolve a venda do viño. En poucos anos, pasou de ser un pioneiro, á saturación dun mercado, onde quen hoxe se lanza á produción vinícola biodinámica leva garabata e ten responsables de comunicación... Saturación das regras do mercado dominante, que segundo as súas palabras, non lles deixaba nin ser libres, nin ser dignos; dous dos valores que os impulsaron a unha elección minoritaria: a terra.

A súa desbordante enerxía e confianza en si mesmo, impúlsao a unha nova alternativa: a pataca. Quérea cultivar dunha forma biodinámica, promocionándoa el mesmo, en contacto directo coa xente, nas prazas dos mercados, sen intermediarios e sen a urxencia burocrática dos selos de certificación.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net