Volume 8 Número 3 Ano 2009
Autor:Maria Elena Ases
ÁBRENSE AS PORTAS EN NAVARRA
Autor: Maria Elena Ases
Galego Valenciano
Navarra estaba a un tiro de pedra, cruzando o río Ebro. Entramos pola parte baixa, neste incipiente mes de xullo. A paisaxe era monótona, cereais en pleno proceso de recolección e pobos desprovistos de encanto e moi sobrados dunha especie de po que recubría rúas e casas. Estabamos, segundo o ritmo que traemos, moi lonxe da Navarra pirenaica a onde nos queriamos dirixir.Concretamente a Lakabe, pequeno pobo que leva trinta anos habitado de novo e que constitúe, a nivel estatal, unha das comunidades máis fortes e organizadas. Trátase dunha comunidade non relixiosa, pero si ideolóxica e moito. A principios dos 80 un grupo de xoves urbanos e universitarios, obxectores de conciencia, cando aínda esta conciencia era motivo de prisión, abandonaron Bilbao para vivir un modelo de organización social soñada e revolucionaria.Navarra ten máis de 400 pobos abandonados; na maioría dos casos, os últimos pobos que se crearon- nas partes máis altas, extremas e incomunicadas- foron os primeiros en abandonarse, é o caso de Lakabe. Levan 30 anos, dúas xeracións e un alto grao de autosuficiencia alimentaria a través da súa horta, así como do seu rabaño de vacas que lles proporciona todas clase de subprodutos lácteos. A autosuficiencia económica tamén é unha realidade grazas a un forno que produce pan de alta calidade, e que é distribuído por boa parte da provincia. Ó longo destes 30 anos de resistencia adquiriron gran experiencia en moitos ámbitos coma o da construción, a xeración de enerxía alternativa ou a produción de biodiésel, así coma doutros menesteres esencias nun ámbito rural modernizado. Pese a tantas idas e voltas da xente, pese ós conflitos interpersoais e familiares, pese a épocas de vacas fracas e tantos outros obstáculos, estas 30 persoas seguen practicando unha economía comunitaria, tomando decisións asemblearias e creando modelos de organización interna que permiten esfumar os perfís clásicos dos roles masculinos e femininos. Os mozos de vinte anos saben preparar unha comida a partir dos alimentos da horta dispoñibles na despensa e saben cociñalos para cincuenta comensais. En canto ás mozas, poden cortar e pelar troncos para construír o envigado dun teito da casa, por exemplo.

Esta pequena comunidade colgada ó raso das nubes paréceme un laboratorio no que se segue experimentando outras formas de vivir en sociedade e onde se exploran novas relacións co diñeiro, coa familia nuclear, coa propiedade e co poder xerárquico e incluso coa propia identidade sexual interiorizada.
Fai clic para agrandar...

Lakabe foi o lugar máis ó norte do noso percorrido; estabamos a poucos quilómetros de Francia. Como a idea era a de volver para o pobo pola escolarización de Saül en setembro, emprendemos o retorno cara o sur. A poucas etapas de Lakabe, a necesidade de cambiar as ferraduras dos animais, que se facía máis urxente, faláronnos dun centro, e cara alá nos diriximos. O Centro Hípico “Foz de Arbayún”, que se atopa en Usún, pobo sen saída, enclavado entre campos de cereais, carballeiras e o río Salazar. É o comezo dun pequeno val con forma de embude, a parte estreita é unha gorxa-foz- case intransitable onde ten o seu hábitat, a maior colonia de voitres de Europa. Rapidamente nos daremos conta de que nesa infraestrutura- cuadras, cabalos en semiliberdade, baixo o piñeiral, pequeno bar restaurado- que se asocia normalmente a un deporte tan elitista , respirábanse uns aires abertos, vestíase de forma relaxada, e flotaba algo no ambiente que nos gustou. Chegamos en agosto, en pleno apoxeo de visitantes. A rapaza que axudaba na cociña foise repentinamente dun día para outro, sen avisar; nós levabamos unha semana esperando ó ferreiro que tardaba, ocupado nas festas do seu pobo. Así foi como, de forma natural, entramos na cociña para pelar patacas, preparar pratos combinados, ensaladas ou servir bebidas. Pouco a pouco puxémonos a colaborar no coidado dos cabalos, compartindo as comidas e os acontecementos do día a día. Cando chegou o ferreiro, vinte días máis tarde, xa conectaramos e conxeniaramos de tal maneira que o seu traballo limitouse a quitar as ferraduras, sen volver a repoñer ningunha. Patxi e Lupe, os donos da hípica, ofrecéronnos a súa casa co lema “ debemos compartir a vida e vivir un inverno diferente”.Sen pensármolo demasiado, decidimos escoitar as nosas ganas do momento e aceptar o reto da aventura.

Socioloxicamente, o val Romanzano está moi pouco poboado, 9 pobos e uns 170 habitantes, dos cales, a metade son novos poboadores que viñeron das cidades. Están organizados nun grupo de consumidores que se asocian para pedir produtos biolóxicos en máis cantidades e así reducir prezos. Forman un grupo de presión política a través da asociación de veciños do val e parte deles son os iniciadores da ikastola que Saül frecuentou durante oito meses. Saül viviu unha experiencia educativa forte e seguramente indeleble,xa que estivo en inmersión completa dentro dunha escola con liña lingüística en euskera. En poucos meses foi quen de entender esta misteriosa lingua que moitos navarros adultos levan anos estudando sen chegar a ter moita soltura. Hoxe, esta ikastola é un proxecto educativo consolidado que resulta ser unha cooperativa de pais e nais, recoñecida fai pouco polo goberno navarro e hoxe concertado.

Os nosos amigos son gandeiros pouco ortodoxos, que paralelamente ós cabalos, posúen cabras e vacas soltas na serra de propiedade comunal con pouco control e seguimento.Vivimos rocambolescas excursións para situar o rabaño dentro da inmensidade da serra, intentar contar as cabezas, reagrupar as femias para a hora do parto, sen falar das vacas que sempre pasaban ó outro lado da montaña, onde o pasto era máis abundante, pero non lles pertencía. Patxi, nacido no pobo veciño, emigrara á capital navarra para entrar de pleno na produción industrial durante os últimos anos do franquismo.Viviu e militou no incipiente e clandestino movemento sindical que representou unha gran escola, ata que sentiu a chamada do campo. Os seus proxectos, numerosos, sempre estarían abertos nun desexo cooperativista, de socialización dos recursos, porque o campo sen terras, nin herdanza é tan hostil que a súa estratexia e a súa ideoloxía sempre o impulsaron a unha organización máis compartida. El, foi o primeiro poboador de Usún, que polos anos 1980 era un pobo en ruínas e abandonado. Entrou cun proxecto de cooperativa de gandería caprina, que complementou realizando diferentes actividades sempre relacionadas coa terra. Despois de 30 anos posuirá unha hípica hipotecada, máis rabaños e practicamente ningunha terra. A súa fixación dende o abandono do mundo industrial fora vivir dentro e do medio e precisamente ás portas da Foz de Arbayún, que tanta fascinación lle producía. Foi vendendo bens e terras herdadas para construír e manter o seu soño. Cóntanos, que por estas iniciativas pasou moita xente, de moitos lugares, con historias que fixeron a delicia de moitas sobremesas, pero que acabaron índose. Nós percibiamos un certo caos , as dificultades diarias por entrar en números e sobre todo, pese á vontade anunciada de apertura e participación compartida, este é un proxecto moi unipersoal. El é quen o creou, pariu e mantivo; quen estivo dende o comezo ata agora, moitas veces só, coa súa vontade, tenacidade, e capacidade de dobrar o lombo, pero a soas. Era difícil xa que logo, implantar outra forma de organización, suxerir cambios ou esixir planificación, pois este home levaba trinta anos levantándose pola mañá e facendo o que se lla pasaba pola cabeza naquel momento. A nosa autonomía neste sistema creado era imposible, cada día era máis evidente.

A etapa navarra foi rica en encontros, clarificadora da realidade diaria do campo de verdade, cando se pretende vivir nel e del. De todos os novos poboadores do Val de Romanzado, ninguén vivía do campo, por iso a nosa admiración por Patxi. En primavera, coma as andoriñas, decidimos levantar o voo e seguir a nosa viaxe...esta vez na busca consciente dun lugar onde arraigar: Huesca, Zaragoza,Castellón e Teruel serán as próximas provincias atravesadas. Continuará...
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net