Eran máis ou menos as tres da tarde, cando na casa dos González escoitaron a noticia no parte das tres, unha empresa americana topara en augas atlánticas os restos dun barco afundido. Pasou para todos desapercibida a noticia, agás para Pablo, que apurou os últimos tragos do leite e levantouse a correr cara a súa alcoba, algo bulía na súa cabeciña:
- Pablo, non esquezas recoller o teu prato- reprochoulle a súa nai.
Volveu correndo á mesa e levou o seu prato ó vertedoiro.
- Teño moitas tarefas do cole, mamá.
Cando chegou á súa alcoba acendeu o ordenador e meteuse a navegar en internet, buscando máis información sobre a noticia do barco. Atopou cousas interesantes: o goberno español estaría tomando medidas para reclamar os restos, pero a campaña estranxeira non o ía poñer nada fácil.O navío viña cargado de ouro, unha verdadeira fortuna, o barco era español e viña de volta cara España, as datas tamén coincidían, a principios do século pasado... Para Pablo había máis ca unha posibilidade de que ese barco fose o do seu tataravó, esa historia que tantas veces escoitara dos beizos do seu avó e que o tiña fascinado. “O seu avó Alejandro Fontaiña fixo unha fortuna nas Américas, estivo vivindo cos indios e fixo negocios con eles; vendíalle espellos que os deixaban abraiados e a cambio dábanlle todo o ouro e prata que quixera, e cando considerou que estaba abondo rico para manter a súa familia e que endexamais pasaran fame, cargou o navío e puxo rumbo a España... Pero nalgún punto do Atlántico, unha forte tormenta fixo naufragar o barco. O meu avó foi o único supervivente, pero a carga perdeuse para sempre nas escuras augas do océano e con ela as ilusións dunha vida mellor”.
Esa noite Pablo case non puido pechar ollo, precisaba buscar máis información sobre o barco afundido, algunha conexión co do seu tataravó, cumpría falar coa bisavoa, ela seguro que ten máis datos, pensaba.
Pasaban os días e non se volveu falar do tema nos telexornais, Pablo seguira interrogando á súa familia sobre o tema disimuladamente, pero non sacara nada en limpo, unhas cartas nas que se falaba do barco, que Alejandro ía voltar a España e na que se falaba dunha gran fortuna e pouco máis. O que se sabía era por boca do tataravó, pero a el cumpríanlle papeis que certificaran a posibilidade de ser os herdeiros dese tesouro aparecido no Atlántico, aínda que só fose o recoñecemento de que ese barco era o do seu tataravó, xa se sentiría orgulloso.
Seguía navegando en Internet acerca da noticia, pero os datos que atopou non o alentaban nada. A compañía que atopou o barco ía levando as de gañar na batalla xudicial, quedaríanse con algo que non era deles porque fora ou non fora o barco que Pablo buscaba, polo menos era claro que era dun español que voltaba ó seu país, pero o problema era que non había datos no barco, nomes, nada gravado, nin unhas iniciais. O barco atopábase ademais moi deteriorado como para sacar datos concluíntes, cada día íanse desvanecendo as súas ilusións ata que chegou a esquecer o tema.
Varios días despois, Pablo atopábase ceando cos seus pais; mentres falaban, o son da televisión chegaba baixiño dende o fondo da sala, a familia ría coas historias que lle pasaran ese día na escola a Pablo e non se percataron do que a moza do telexornal estaba a dicir. “O goberno español gañou a batalla contra a empresa americana que reclamaba os dereitos do navío afundido no Atlántico no século pasado, os restos pasarán a disposición dos especialistas españois que estudarán o mellor modo de trasladar e estudar todo nas mellores condicións posibles, hai datos aínda non confirmados de que o barco pertencía a un emigrante galego que voltaba á casa cunha fortuna, pero insistimos, seguirase investigando, mentres o tesouro pasará a custodia española”.