Volume 11 Número 3 Ano 2008
Autor:María Bobillo Vázquez-Monjardín
SEIXALBO, TENENCIA DO CABIDO DA CATEDRAL DE OURENSE
Autor: María Bobillo Vázquez-Monjardín
Galego
Poucos lugares coñecemos tan conscientes da súa historia colectiva coma Seixalbo. Entre os feitos históricos desta vila tan cercana á cidade de Ourense, un dos máis perdurables no tempo é a relación que existiu entre Seixalbo e o Cabildo da Catedral de Ourense. Rematada esta relación, persiste no pobo memoria clara dela: no rueiro do pobo atopamos a Praza do Cabildo, subsiste unha Casa da Tenencia e celébrase anualmente a Festa dos Foros, para conmemorar a sentencia favorable que liquidou a supeditación económica das terras de Seixalbo con respecto á institución eclesiástica. Neste pequeno artigo trataremos de dar algún dato que contribúa ao seu coñecemento.

O Cabildo é, consonte ao dereito canónico, un colexio de cregos seculares que se instituiu na Idade Media para axudar ao bispo co seu consello, e que, caso de quedar vacante a sé episcopal, feito moi frecuente na diócese auriense máis por promoción que por morte dos bispos, pode asumir de xeito temporal o goberno diocesano. Ademáis do dito, o Cabildo é o órgano de goberno da catedral, polo que administra todo o referente á sé. Isto inclúe tanto o culto que nela se fai, coma o coidado, administración, conservación e acrecentamento dos bens que foron co tempo asociándose á principal igrexa diocesana para a súa edificación e para o mantemento do edificio, do culto, do persoal subordinado que traballaba alí e dos propios membros do cabido.
Fai clic para agrandar...
Viña na Pedreira, Seixalbo. Ata hai poucos anos as viñas dominaban a paisaxe do lugar.


Estamos a falar dunha institución que se non é a máis antiga, dende logo é unha das máis antigas da diócese e da provincia. A diócese ourensana foi instituída no século VI, e aínda que carezamos de noticias para un período que vai dende ese momento ata o século VIII e que non contemos coa certeza de que a creación da diócese significase a instantánea institución do cabido, temos noticia certa da súa existencia dende o século X.

Tan longo percorrido no tempo ten que traducirse necesariamente en cambios que se sucederon a partir dos primeiros momentos, dos que apenas conservamos documentación. Sabemos que adoitaba ser frecuente que os cabildos catedralicios comezaran funcionando coma comunidade de cregos seculares que habitaban cos seus bispos, compartindo casa, actividades litúrxicas e economía. Era frecuente que se rexiran pola regra de Santo Agostiño. Deste período inicial quedaron costumes, coma o de denominar Mesa á contabilidade xeral do cabido, o que persiste incluso moito tempo despois de que se divida en Mesa Capitular e Mesa Episcopal. A finais da Idade Media, bispo e Cabildo eran independentes un do outro, e abandonárase tamén a regra agostiñana coma principio regulador da vida diaria dos capitulares. A dignidade episcopal e o Cabildo mantiveron dende entón intereses propios e mesmo enfrontados en diversas ocasións, aínda que nesta diócese, onde a residencia dos bispos foi infrecuente ata despois de Trento, o Cabido funcionou moitas veces coma representante do pastor ausente.

A institución estaba composta por un número variable de persoas, con distintos cargos, responsabilidades, recoñecemento e paga ou congrua, que non supuña a mesma cantidade para todos. Era un colexio xerárquico, no cume do cal estaban as Dignidades, cargos dentro do Capítulo catedralicio, que, sendo de antigüidade variable tiñan a meirande precedencia. Isto significaba un lugar privilexiado no Coro, maior recoñecemento social e máis ingresos. Dignidades eran o Deán, que presidía o Cabildo e as súas reunións, ademáis de actuar coma vicario do Bispo en sede vacante; o Chantre, que supervisaba o correcto desenvolvemento do culto; os Arcediagos de Castela, Búbal, Varonceli, Limia, Ourense e Celanova, este último o abade do mosteiro de San Salvador de dita vila; o Tesoureiro, responsable da sacristía e da garda do tesouro e reliquias da catedral; o Mestrescola, que atendía o Estudo de Gramática da catedral; o abade da igrexa da Trinidade da cidade; e o Vicariato, que dende finais da Idade Media quedara reducido a ser unha tenencia anexada á Mesa Capitular.

Por baixo das dignidades, existían un número variable de canonxías. Estas eran vintedous no século XVIII e tamén estaban xerarquizadas: oito delas considerábanse cardenalicias, ou principais, unha denominación e rango que existía tamén en Compostela e outras dióceses. Na nosa catedral esta xerarquía era máis honorífica ca real, xa que cobraban o mesmo do que se chamaban Planas, ou reparto dos ingresos catedralicios, ca os catorce restantes. Entre os coengos ordinarios existían catro que tiñan encargos especiais dentro do funcionamento da catedral e que se nomeaban por oposición, xa que os seus cargos ou Oficios esixían unha preparación universitaria e a demostración das capacidades do candidato. Eran o Maxistral, o Doutoral, o Penitenciario e o Lectoral, que se repartían as funcións de ensinanza de teoloxía, predicación de sermóns en datas importantes, penitencia e confesión e asesoramento en leis ao Cabildo.


A tendencia foi a ir reducindo o número de canonxías pola vía da agregación, é dicir, fundindo dúas ou máis nunha soa, porque Ourense era unha diócese pobre, clasificada coma “de entrada”, e ás veces era imposible cubrir vacantes polo pouco atractivo económico que tiñan. Tamén en moitos casos as dignidades e oficios capitulares foron unidas ás canonxias para poder acadar unha retribución rendible para os coengos que as detentaban.
Fai clic para agrandar...
Antiga adega en Seixalbo. As adegas foron as construccións máis importantes en Seixalbo. Co abandono do viñedo moitas quedaron en desuso.


Por último, a catedral albergaba doce racións, cada unha das cales equivalía á metade do importe dunha prebenda capitular. Ademáis, había unha nómina, longa pero variable, de capeláns, sancristáns, pertigueiros, nenos de coro, campaneiros, músicos, porteiros e outros dependentes do cabido que atendían ás necesidades da igrexa, aaínda que non pertencían ao Cabido.

Non nos estenderemos máis falando do capítulo catedralicio, porque da ecuación Cabildo-Seixalbo, interésanos máis o segundo termo. A relación entre ambos elementos era principalmente, pero non só, económica. O cabildo posuía no lugar terras que se organizaban nunha tenencia, é dicir, unha das unidades de xestión nas que se agrupaban os bens da catedral para a súa explotación. As tenencias administrábanse de maneira directa, distribuíndo os bens, neste caso as rendas da terra, cun criterio de organización que adoitaba ser territorial. Os bens inmobiliarios quedaban así dispostos para a xestión directa e a percepción das rendas por parte de coengos e racioneiros.

O percibido por razón das tenencias supuña máis do noventa e cinco por cento do total dos ingresos da Mesa Capitular, polo que pódese entender facilmente o empeño que a institución capitular mantivo sempre por conservalo. Aos veciños de Seixalbo non lles sorprenderá a pertinacia que a catedral demostrou no longo preito polos foros.

O produto de cada tenencia non ía directamente e en bruto ás arcas capitulares. Polo menos durante o período que estudamos, a Idade Moderna e en especial o século XVIII, o que se facía era arrendar cada tenencia a un membro do capítulo. O período de arrendamento habitualmente quedaba fixado en seis anos, cunha revisión pasados os tres primeiros, sobre todo no caso das tenencias máis rendibles. Facíase por medio dun sistema de poxas entre os prebendados, que eran os que detentaban prebendas ben de dignidades, de canonxías ou ben de racións. O que percibía a Mesa Capitular era a estimación que do rendemento anual de cada tenencia facían coengos e racioneiros, e o percibía xa en diñeiro. Isto presentaba diversas ventaxas para a precaria economía do Cabildo, como eran dispoñer de liquidez de xeito permanente e os poucos gastos de xestión, ao evitar tamén os derivados do transporte e almacenamento. Pero tamén tiña graves inconvintes, sobre todo ao analizar o sistema con criterios económicos actuais, xa que deste xeito non se podían aproveitar tácticas comerciais que sabemos que outras institucións eclesiásticas si practicaba, coma reter o grao esperando unha suba de prezos, por exemplo. Unha das causas que explicarían este feito, era que a nosa catedral percibía rendas sobre todo sobre o viño que se producía no Ribeiro de Ourense e no Ribeiro de Avia, un produto que daquela era de primeira necesidade e ampla demanda, pero que adoitaba manter prezos máis estables ca o trigo e o centeo.

No tocante ás formas de cesión das tenencias, é notable ver como o Cabido incumpría os seus propios estatutos, xa que as Constitucións dadas polo bispo Zúñiga y Sotomayor en 1634 estipulaban que as sesenta tenencias que daquela existían tiñan que ser cedidas a un prebendado ou capelán da catedral durante o tempo que estivese en posesión do seu beneficio eclesiástico, co que se convertían en cesións de longa duración. Así se facía na catedral de Santiago, pero non temos constancia polo momento de que o cabildo ourensán obedecera nunca dita disposición estatutaria. Se tal fixo, foi durante moi pouco tempo, pois a finais do XVII subhastábanse as tenencias nun capítulo que se convocaba cada ano a título extraordinario e que recibía o nome de Cabildo de tenencias ou Cabildo económico. O sistemático incumprimento do estatuído vén da necesidade e das permañentes carencias económicas da Mesa Capitular, que provocaban tamén que as tenencias se vaian fundindo unhas con outras para que resulten rendibles. Pero tampouco sería de estrañar que respondese tamén aos costumes tradicionais do cabido, que era moi celoso deles, e que o levaban en múltiples ocasións a desafiar á autoridade episcopal.

Os tenencieiros ou arrendadores das tenencias actuaban coma axentes do cabido, e a autonomía de xestión da que gozaban era mínima, non podendo tomar decisión algunha pola súa conta, nin efectuar obras aínda que foran de mellora. Estas, por outra banda, eran obriga do tenencieiro, que debía manter as edificacións e dependencias da tenencia en bo estado, pero non podía inicialas sen o visto bo do capítulo, con acordo recollido en actas.

Polo xeral, as tenencias contaban con instalacións abondas para soster unha explotación agrícola completa. Adoitaban ser unha casa de habitación, na que se cumprían tamén as funcións de xestión e de recepción das rendas dos habitantes das terras da tenencia, e máis un terreo de horta, lagar e adega, moitas veces de considerable cubaxe. As tullas, pola contra, eran infrecuentes, e de feito só nos consta que existiran en tres tenencias máis centradas na producción de cereal. Non era o caso da de Seixalbo. As tenencias moitas veces comprendían viñas e outros terreos de cultivo, pero o máis frecuente era que ditas terras estiveran todas cedidas en foro.

A partir do ano 1751 o Cabildo toma a decisión, despois dunha longa serie de problemas coa administración e con diversos tenencieiros, de permitir a laicos o arrendamento de tenencias para o caso de que os capitulares non se quixeran facer cargo dalgunha delas. Foi unha decisión polémica que, sen embargo, supuxo para a Mesa Capitular un incremento constante dos ingresos nominais polas tenencias.

Se agora voltamos a vista á tenencia de Seixalbo, o que máis chama a atención é a separación que aquí existiu entre a tenencia e a xurisdicción. A primeira, que é o mesmo que dicir as terras e as rendas que estas xeraban, xa vimos que pertencía ao Cabildo. A segunda, sen embargo, pertencía ao bispo. Trátase de dúas cousas esencialemente distintas na mentalidade e no dereito do Antigo Réxime. O señorío xurisdiccional non implicaba a posesión das terras sobre as que se establecía, pero sí a obriga de poñer xuiz e o dereito de cobrar rendas por ofrecer tal servizo. A orixe desta separación en concreto escápasenos, pero hai que pensar que durante a Idade Media, a separación entre Mesa Capitular e Mesa do Bispo causaran moita confusión nos bens que correspondían a cada unha delas. Dita confusión orixinara diversos preitos, sentenzas e avinzas que se prolongaran mesmo avanzada a Idade Moderna, e que se complicaran coa longuísima demanda da propia cidade para convertirse, de cidade de señorío eclesiástico exercido polo bispo, a cidade de realengo, é dicir, de señorío real. En 1628 asinouse un acordo entre Bispo e Concello pola dita xurisdiccióon, que tivo como consecuencia unha serie de reaxustes dos bens eclesiásticos de Cabildo e Bispo dentro da diócese. Non sería estraño que a separación entre rendas pola terra e rendas pola xurisdicción de Seixalbo fose consecuencia do reparto que a raíz desa concordia se fixera das diversas xurisdiccións do bispo e do cabildo, ou dunha situación similar. As partixas de bens coa dignidade episcopal eran bastante frecuentes, pois, aínda que son dúas institucións que gardan e conservan con celo toda a documentación que xeneran ou que lles afecta, noon é infrecuente que exista confusión encol do dominio eminente dos bens, tanto porque en orixe foran concedidas solidariamente ás dúas institucións nun legado, coma porque a forma de xestión e a cesión foral a longo prazo tende a facer opaco o propietario do dominio eminente, coma demostra a cantidade de apeos que os propietarios das terras, civís pero sobre todo eclesiásticos, tiveron que mover na Real Audiencia do Reino de Galicia dende finais do século XVII. No momento do preito polos foros de Seixalbo, cabido e bispo aportan escrituras de doazón destas terras feitas por Afonso III O Magno, o que retrotraería esta propiedade ao século X. Tampouco é imposible que este documento fose unha falsificación. Sería de esperar que futuras investigacións nos riquísimos arquivos da cidade deparasen unha solución a esta incógnita.

No proceso de disolución da propiedade eclesiástica que se dá na diócese, coma no resto de España, a principios do século XIX, hai que circunscribir o preito que pola redención dos seus foros incoaron os veciños de Seixalbo a partir de 1839. Os feitos están ben documentados no libro de Margarita Seara, Elena González e Manuel Herminio Iglesias Seixalbo, anacos do pasado, polo que remitiremos a este para o seu coñecemento. Houbo moitos outros preitos da mesma natureza en Galicia dende principios do século XIX ata a entrada en vigor da Lei de redención de foros. Pero no noso conocemento non consta ningún outro lugar que manteña memoria tan viva del que celebre cada ano unha festa por motivo de ter gañado dito preito, o que seguramente se debe á extraordinaria cohesión que este pobo ten demostrado ao longo da súa historia, como queda recollido na publicación arriba mencionada.

Habería que analizar este preito inseríndoo nun proceso de adquisición do pleno dereito da propiedade, tal como era entendido pola incipiente sociedade burguesa e liberal. Para esta, a división que durante oAntigo Réxime se facía entre dominio útil e dominio eminente era absurda, e o foro, como forma de cesión da terra a longo prazo, resultaba anticuada e antieconómica. Pero ao mesmo tempo, a contradicción propia da burguesía española do século XIX, que substitúe á Igrexa como grande terratenente durante as desamortizacións, dificulta a conversión da propiedade da terra en propiedade plena. Para o campesiñado galego, as desamortizacións liberais non tiveron coma consecuencia máis ca un cambio de percepción das rendas dos foros. Nin sequera iso sucedeu para os habitantes de Seixalbo, o que, co recruamento das rendas -as institucións eclesiásticas tiveron que compensar perdas, polo que revisaban os foros á alza- motivou a incoación do preito. Tamén aquí observamos un cambio con respecto ao que sucedera durante o século XVIII, cando se ventilara un número progresivamente crecente ante a Real Audiencia movidos polas institucións eclesiásticas ante o impago das rendas por parte dos labregos asentados nas súas terras. O preito de Seixalbo xa non é un caso de resistencia campesiña, senon que revela un paso adiante cara á adquisición da propiedade plena da terra. A revisión dos efectos do proceso de desamortización na provincia de Ourense permitiríanos situar os feitos que vimos de analizar brevemente nun contexto máis amplo, que nos proporcionaría a súa verdadeira dimensión.

Remataremos este achegamento á cuestión da tenencia catedralicia de Seixalbo admitindo que non é máis que un primeiro tento e que a análise requeriría de máis profundidade, xa que o tema pide unha exploración de carácter cuantitativo e evolutivo da producción e das rendas da tenencia, así coma unha comparación co resto das tenencias capitulares. Pero iso, como remataba Mark Twain as súas narracións sobre Tom Sawyer, é outra historia...
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net