Nas últimas
escavacións na parte baixa do castro de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz),
nunha casa do período galaico-romano apareceu en xullo de 2012 unha pequena
raedeira duns seis centímetros, un instrumento en cuarcita para esfolar animais.
Nela chama a atención a gravura con buril dunha figura colocada diante dunha árbore
acompañada duns signos que nós interpretamos como grafías, cousa que sería unha
novidade polo mesmo feito de encontrar algo escrito no ámbito do mundo castrexo
ou galaico-romano, e por dar nome á figura, un deus claramente céltico, cousa
que tamén daría a volta a moitas teorías. Vexamos unha imaxe, unha fotogradía
tirada sobre o painel informativo colocado na zona.
A imaxe é de moi má
calidade, con todo é a única de que dispoñemos. A esquerda logo se observan
tres signos que, cuando comparados con outros semellantes da escritura ibérica,
escritura de orixe grega que combina signos silábicos e fonéticos, é fácil ler
o seu significado.
O primeiro signo
representa /l/, o segundo representa a sílaba /ki/ ou /gi/, e o terceiro é o
fonema /s/. Polo tanto, concluímos como primeira apoximación, que estamos ante
a teónimo: L-GI-S, ou sexa, LUGIS, forma local do teónimo xeral céltico LUGH, cuxo
nome aparece espallado pola toponimia europea: Lugo, Lyon, Leiden ou Ligüerre,
e mesmo conservado na épica medieval galesa baixo a forma do heroe Lleu Law Gyffes, ou sexa Lleu (= Lugh) o da man hábil, clara
alusión, pensamos nós, á súa capacidade para o manexo da funda. Trátase dunha divindade
solar (observamos raios de sol na cabeza), asociada aos bosques sagrados (a
árbore simbolizaría un bosque) e armado de lanza e funda. Isto é todo polo
momento, unha simples e rápida aproximación a un descubrimento na nosa opinión
mal interpretado, pois os arqueólogos queren
ver nesta imaxe un guerreiro, que é o que figura no painel informativo do
lugar.