Volumen 13 Número 1 ano 2013
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
Voces poéticas
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego

A música sempre está presente nas nosas vidas. Nacemos emitindo un choro que algúns catalogan como o primeiro son musical. Logo, no colo da nai, escoitamos os primeiros cantos. Ela  mentres nos arrola, entoa as primeiras cantigas de berce. E andando no tempo, a música acompaña as nosas vidas ate a morte.

Esta introdución ben a conto pois hoxe recibimos a nova de que o famoso cantautor Georges Moustaki morreu na cidade francesa de Niza. Desaparece unha voz musical e poética. Apágase a voz grave dun home que soubo xunguir música e poesía. E aínda que quedan cantidade de cancións, máis de 300,  e gravacións, a súa ausencia deixa un oco difícil de cubrir no mundo musical, pois poucos artistas souberon xunguir con suma fineza e dozura as palabras  e as notas musicais nunha melodía. Varios acordes, unha guitarra acariñada con suma delicadeza, e a voz, doce voz, dun home que amaba a liberdade e odiaba as fronteiras. Música sinxela  sen máis aditivos que a palabra e un simple acompañamento eran os signo de  gran calidade musical e da súa personalidade. Practicaba, en definitiva, a arte dos trobadores medievais que, andando no tempo, foi a dos cantautores.

Tomen nota os que cantan amparados no decibelio e o artificio da técnica, pois para facer arte con calidade o mellor  é a música en estado puro.

 Moustaki naceu en  Alexandría no ano de 1934. De pais gregos, foi un francés de adopción.  Deixa este artista un legado musical difícil de superar no eido creativo e interpretativo.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net