Eran pouco máis das doce da mañá cando cheguei á Benposta. A cita era para celebrar o cabodano da morte do pai Silva e os máis 50 anos do nacemento da noutrora chamada “Nación dos Muchachos”. Aparquei o coche baixo os grandes eucaliptos e púxenme a divisar Seixalbo e as vellas e ruinosas instalacións do centro educativo. A partires dese momento os recordos e as imaxes bulían na miña mente. E lembraba o que fora aquil lugar e o que é a día de hoxe. Primeiro acordeime dos caseiros daquela gran finca chamada Benposta (ben situada, ben ordenada,etc) Así acordeime do Sr. Lisardo, do Sr. José e posteriormente do nacemento do proxecto educativo de Jeús Silva Méndez. Acordeime dunha participación, creo que polos anos 76, na televisión que alí tiñan onde mantiven certa polémica co fundador, pois eu defendía que aquil proxecto tiña que abrirse cara ós veciños máis próximos.Máis adiante tamén rememorei o intento de colaborar nunha aula de música xunto co meu irmán Anselmo. E lembrei aquelas músicas que dende os altofalantes poñían e que se escoitaban dende Seixalbo. Logo, xa máis adiante, lembrei cando alí ía ás conferencias que daban persoeiros que noutros foros non podían falar e da oposición ó franquismo. Tamén revivín aquelas misas espectáculo e moi distintas ás de Seixalbo, que presidía o Pai Silva. Igualmente acordei o paso pola televisión naqueles programas tertulia que dirixía a Magdalena del Amo e Víctor. O certo era que, cada paso que daba, un recordo abordábame e con el unha saudade.
E agora no ano 2013, canto todo está case derruído e cun aspecto de certo abandono, ou se se quere rozando a marxinalidade, percibo o paso do tempo e a ausencia daquiles rapaces que lle daban vida a iste lugar. A vida continúa e agora cos compañeiros do grupo Vellos Amigos fomos convidados a cantar unha a misa e un pequeno concerto. Misa, na que o oficiante, un crego novo, lembra a figura do pai Silva, e pechamos nós con cantos da terra.
Rematado o acto, despídome dos compañeiros e volvín a Seixalbo con certo aire de nostalxia pois, con todos os defectos que tivera Benposta; con todos os anacronismos nos que estaba sumida e a pesares de todos os personalismos cargados de narcisismo que tiña quen soñou con esta obra, sentín moita pena. E voltei á casa pensando na fraxilidade que temos os humanos; pensei nas nosas debilidades, pois non nos decatamos de que o tempo pasa axiña e hai que prever para que a obra continúe máis alá da figura e da persoa.
En fin, foi a mañá do 15 de setembro, unha mañá chea de nostalxia. Foi para min unha mañá un tanto triste pois sen querer asistín ó aniversario da saudade.