Volume 14 Número 2 Ano 2013
Autor:Emilio A. Quintana Fontaíña
A quen lle dedicaría unha rúa en Seixalbo
Autor: Emilio A. Quintana Fontaíña
Galego
Unha vía debe levar o nome polo que a xente sempre lle chamou desde antigo. De non poder ser debería levar o dalgún personaxe que destacara dentro da colectividade, dun persoeiro.
En Seixalbo temos un personaxe que ben merecería esta distinción entre outras, mais aínda non ten ningunha. Trátase do mestre escultor nado nestas terras Francisco Ochogavia, artista do que habería que estudar a fondo a súa obra. Un fillo del, dos cinco que tivo, seguiu a súa carreira e prometía chegar moi alto na escultura pero morreu moi novo.
Outra posibilidade a ter en conta á hora de nomear unha nova rúa sería a do ano 1845, ano moi importante non só para Seixalbo, senón para toda a parroquia, pois foi o ano no que botou a andar a primeira Escola Pública que tivemos, e, con todos os problemas e limitacións que tivo hai que recoñecerlle que supuxo un paso moi importante para a alfabetización de todas as xentes do lugar.
Tamén serían merecentes, ao meu parecer, de dar nome a unha rúa do lugar os alcaldes pedáneos, que inicialmente eran de toda a parroquia: traballaban polo benestar dos veciños asumindo grandes responsabilidades tendo que asumir mesmo labores policiais, sen soldada. Naqueles tempos tan precarios cando viña unha orde do Concello ou do Gobernador Civil tiñan que contestala e levala de novo a Ourense nun breve espazo de tres ou catro días.
En fin, se queremos, sempre teremos motivos para homenaxear ás nosas xentes, e, de paso, facermos historia.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net