Domingo 10 de maio de 2014. A mañá prometía un día fermoso, e non defraudou. Ás 8,30h. á caron do local de Agromadas xuntámonos 15 persoas para marchar camiñando cara a Santa Mariña de Augas Santas. Entre bromas e saúdos arrincamos un cuarto de hora máis tarde. Subimos a modiño ó Cumial polo camiño dos Campos e seguimos pola estrada de Salgueiros; pasamos o polígono de San Cibrao das Viñas e chegamos á Castellana para ir camiño de Pereiras. Ó chegar a esta localidade collemos a estrada que vai cara a Taboadela, estrada rodeada por unha vexetación de carballos, castiñeiros, amieiros e outras árbores frondosas. Logo de andar case tres quilómetros apartámonos da mesma e cruzamos o pobo de Outeiro de Laxe para seguir un camiño que nos levaría ate os Fornos e a meta marcada. Pero ó deixar Outeiro de Laxe e a medida que íamos cara o monte, o camiño estaba máis pecho e cheo de maleza. Emilio González, exercía de guía da expedición amosando unha forma física fenomenal, pois ía e viña para indicarnos a ruta. E desta maneira adentrámonos nun bosque de castiñeiros e carballos e unha frouma que sentíamos baixo os nosos pés como unha alfombra moi mulida. A medida que a costa se empinaba e o camiño era máis pecho e angosto, o cansazo, as bromas e as suores aumentaban. Chegou un momento no que o camiño desapareceu e seguindo a Emilio camiñamos costa arriba pero un chisco ó chou. Nese camiñar palpamos a natureza no seu estado máis puro. Carballos e castiñeiros moi grandes, cremos que de moitos, moitos anos. E no medio de aquel verxel natural dous eucaliptos grandes e dereitos buscaban a luz do ceo rodeados doutras especies vexetais.
Logo dos saúdos, anécdotas e de beber auga
fresca da fonte, seguindo a ruta marcada, Marga Seara, ilustrounos empezando
polo exterior da igrexa. Baixamos ós fornos e visitamos o castro de Armea. E Marga
amosando moito coñecemento do lugar explicou lendas e historias sobre as ruínas
que iamos vendo. Así dicía: iste é un castro romanizado, pois xa ten as casas
rectangulares. Mirade a vía principal. Ate tiñan desaugue para as augas. Esta
debeu ser a cociña, etc.
Rematada a visita subimos de novo a Santa
Mariña e ó pe do vello e centenario carballo e da fonte xantamos. Ate cantamos
unha cantiga. Logo na pousada tomamos café e paseniñamente volvemos para
Seixalbo pola estrada que sae a Taboadela.
Foi unha visita sumamente agradable e interesante: gozamos da natureza, divisamos paisaxes sumamente fermosas e falamos de moitas cousas do pasado que axudan a fomentar as relación entre todos nós.