A salgueira ou salgueiro en galego, pero tamén a
vimieira ou vimbieiro son árbores que enchen os humedais de Galicia,
diferentes, pero ambas da familia das salicáceas.
Sen saber exactamente a qué variedade se refire, en grego o nome para estas árbores era helike e en latín sálix. En inglés a salgueira é willow, e da mesma raíz temos wicker, vimbio. No alfabeto das árbores, reliquia druídica, cada letra ten o nome da árbore de que é a inicial: o “s” é a 5ª letra, a 5ª árbore por saille, (sauce/salgueira e vimbieiro?) e no calendario druídico o mes da salgueira vai dende o 15 de abril ao 12 de maio.
Sexa salgueira ou vimbieiro ou calquera outra variedade, é unha árbore chea de maxia, ligada ás meigas e á morte.
En Grecia esta árbore estaba consagrada a
Circe, “a meiga”, e tamén a Hera e a Perséfone, deusa dos infernos; seguramente
estas tres deusas eran as tres caras da Triple Deusa, virxe, adulta e vella;
dadora da vida e da morte, á mesma que adoraban as meigas na Europa
septentrional: a Lúa e as súas tres fases. O nome en grego de helice ten a mesma raíz que Helicón, río
que bordeaba o Parnaso, monte onde residían as tres Musas, máis tarde nove
(tres veces tres, sempre a maxia), seguramente en principio sacerdotisas orxiásticas
da Deusa Lúa (R. Graves: Los mitos
griegos I, p.225) e á Triple Musa estaba consagrado o quito mes (R. Graves,
I p.200); segundo Pausanias (X 30,30) en Delfos representábase a Orfeo apoiado
contra un sauce e tocando as súas ramas para recibir o don da elocuencia
mística. A sacerdotisa da Triple Musa empregaba a salgueira en toda clase de
feitizos e maxia acuática. Incluso Helice, a salgueira, como deusa acuática e
feiticeira figuraba entre as deusas gregas, casada con Ión, fillo de Apolo.
Posuía, por tanto, unha maxia luar poderosa: a súa corteza utilizábana os
espartanos para paliar o reumatismo; unha variedade de sauce era asociado a
Asclepio, deus da medicina, en Esparta e esparexíase nos leitos das matronas en
Atenas durante as festas das Tesmoforias para afastar as serpes ou as ánimas en
forma de serpes. Os ritos de fertilidade espartanos, que posiblemente en tempos
incluísen sacrificios humanos, debían consistir en atar á vítima con ramas de
salgueira ou vimbieiro a unha árbore e azoutala ata que se producira unha
erección erótica: eiaculaba e fertilizaba a terra co seu seme e o seu sangue.
Domingo de Ramos en Rumanía con ramas de salgueira
Noutros lugares de Grecia a salgueira estaba
consagrada a Hécate a Gran Deusa, coñecedora da maxia, asociada aos cruces de
camiños e á lúa; raíña do ceo, da terra e do mar; representábase ás veces como
unha muller cun triple corpo. É a deusa primitiva presente na meirande parte
das relixións, moitas veces transformada e mesmo masculinizada: é o deus Beli
británico, a Belili mesopotámica, Beliy ya´al, “de onde un non regresa”, dos
xudeos; todas as árbores, pero en especial a salgueira lle pertencen igual ca
os mananciais.
A salgueira tiña unha grande importancia no
culto a Xehová en Xerusalén e ao Gran Día da festa dos Tabernáculos, cerimonias
de lume e auga, era chamado “Día das salgueiras” (Graves: La Diosa Blanca, I, p.73).
Xa vimos como as meigas de Europa do norte
adoraban á triple Deusa: as meigas do norte de Berwick, segundo confesaron ao
rei Xacobo, ían ao mar para celebrar os seus aquelarres en canastras de vimbio
asemade parece clara a relación entre o nome da salgueira en inglés, willow con witch, bruxo. Con ramas de sauce se ataban as vasoiras das meigas
e os sacrificios humanos dos druidas eran ofrecidos durante o plenilunio en
cestos de vimbio; os pedernais funerarios coroábanse en forma de folla de
salgueira.
A salgueira era a árbore sagrada para os
poetas, relacionado coas Musas gregas e tamén con Orfeo. É a árbore do
encantamento e o quinto do ano, como o cinco era o número consagrado a Minerva,
a deusa lúa romana.
Nada mais máxico que ver na nosa terra como um
home busca um manancial situado a vários metros de profundidade sostendo unha
feble ramiña de salgueira em forma de uve e asombrarse ao comprobar como treme
esa vara apuntando o lugar no que hai que cavar para chegar ao manancial: así
era como se buscaba o lugar no que había que cavar o pozo no rural da miña
infância.
Para rematar, quen sabe se o costume de portar
ramas de sauce, en vez de palma en moitos países de Europa o Domingo de Ramos,
que habitualmente cae por estas datas, non sería un ritual ben máis antigo cá celebración
da entrada de Xesús en Xerusalén, como sucedeu con outros moitos ritos do
folclore antigo solapados por celebracións e crenzas cristiás.