Volume 16 Número 2 Ano 2014
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
UNHA DISTINCIÓN MERECIDA
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego

Con moita frecuencia acontece que somentes nos decatamos das cousas boas que temos cando desaparecen.  Desta maneira laiámonos da perda dalgún dereito, dun servizo ou mesmo da  perda de  persoas salientables cando chega a morte, aínda que  sabedores das súas obras e do seu bo facer,  esquecémolas  durante a súa existencia. Algo semellante acontece co traballo que lle prestan institucións ou asociacións culturais á nosa sociedade. Servizos que, por mor da rutina, pasan desapercibidos sen que ninguén os recoñeza.

O reseñado  ven a conto pois, o pasado venres no Liceo, nun acto  sinxelo e  emotivo,  esta entidade entregoulle a medalla de ouro á banda de música da cidade. Agrupación musical que naceu no 1897 e que dende aquela data presta servizos ó concello e leva o nome da nosa cidade en actos institucionais e culturais por moitos lugares.Así, co salón nobre cheo de xente, o presidente da entidade Sr. Martínez-Pedrayo, lembrou que o Liceo, dende a súa existencia, sempre tivo unha relación moi importante  coa cultura,  coa música e coa cidade de Ourense, pois nas súas instalacións fixéronse e séguense facendo cantidade de actividades relacionadas coa cultura e a música. E recordou persoas, e efemérides nas que a colaboración da entidade coa banda de música  tivo un papel importante.

Logo, o director actual director Francisco Pérez subliñou a boa acollida que tivo a única  agrupación musical  estable da cidade na entidade cultural,  para realizar, no patio interior do edificio, os concertos nas épocas de inverno. A continuación os presentes  gozamos dun concerto ameno e distendido no que cabería resaltar a programación diversa que abranguía obras  de autores que van dende Giuseppe  Verdi, Soutullo atá Astor Piazzolla e arranxos de cantigas populares de cantantes de música lixeira coñecidos. Obras nas que destacarei o papel dos tres solistas  participantes, clarinete, trompeta e bombardino, pois deron unha mostra de dominio instrumental  e un bo gusto interpretativo.

O concerto rematou coa interpretación como propina de Ourense no solpor, de Manuel de Dios  cantiga  que  está proposta para ser a melodía   identificativa, ou se o prefiren, o himno da nosa cidade. En fin, un acto sinxelo,  emotivo e cheo de recordos, no que unha  banda de música que toca sumamente ben, que interpreta con gusto,  e que nos fai vibrar de emoción,  recibiu unha distinción  moi merecida.

Parabéns para o Liceo, entidade emblemática que tivo esta  feliz iniciativa; noraboa para todos os profesores que forman hoxe esta gran agrupación musical que é a nosa banda; parabéns para o seu director e, un recordo para todas as persas  que no pasado foron cimentando o bo facer desta entidade musical centenaria insignia da cidade das Burgas.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net