Sempre é un motivo de ledicia que un amigo e veciño chegue a ser nomeado bispo, aínda que sexa en terras moi lonxanas. Este é o caso, de Adolfo Zon Pereira natural de Seixalbo ao que coñecin de neno e que xugou con nós polas rúas desta anterga Vila e Couto do Bispo de Ourense, integrada definitivamente no concello da cidade das Burgas dende 1839.
Adolfito, para os máis maiores, sempre foi un rapaz aberto, dado as conversas e animoso da música, pois tocaba, e supoño que seguirá a tocar, o laúde con moita destreza. O fillo do Zon, represaliado no franquismo, naceu en Seixalbo nunha familia de catro irmáns; dende neno parece que tivo moi claro que a súa vida xiraría tratando de servir ós demais. Estudou no seminario de Ourense e ordenado crego ingresou na orde dos misioneiros Javerianos desenvolvendo a súa vida maiormente no estado do Pará en Abaitetúa durante vinte anos. Pero Adolfo o misioneiro no seu percorrido vital nunca esqueceu Seixalbo, pois periodicamente viña e amosaba sumo interese polas cousas e as persoas do seu pobo natal.
Na último visita, hai un par de meses, foi agasallado co premio Freire Carril 2014 que recolleu con suma ledicia compartindo unhas xornadas con todo nós moi fermosas e inesquecibles.
Agora, accede a un cargo de relevancia na freguesía de Alto Solimoes Brasil, área xeográfica de máis de 220.000 habitantes e dende Agromadas queremos felicitalo publicamente, desexarlle moitos éxitos nesta nova etapa pastoral, pedirlle que siga a ser aquel raparigo ledo e dinámico que traballaba polos máis desfavorecidos, pouco dogmático que soamente ten amigos por onde anda e que sempre levou a Seixalbo no corazón.
Como dato curioso para a historia de Seixalbo, Adolfo é o quinto crego que houbo neste pobo dende o ano de 1800. O primeiro foi Constantino Freire Vide, fillo de Fernando Freire Carril loitador contra os foros, (1840-1901); o segundo foi Fernando Freire González, sobriño do anterior (1869-1931); o terceiro José Gutiérrez e o cuarto Juan Raúl Rodríguez Pazo (1931-1996) e cuarto o noso amigo Adolfo.