Mascábase a traxedia en
Seixalbo, e
así aconteceu: dous mortos enriba do escenario. Afortunadamente, os
aplausos dun público agradecido, fixo revivir a estes mozos vítimas
de amores e desamores imposibles, na máis desgarradora traxedia
lorquiana.
Da man dun ilusionado grupo formado
na Universidade Laboral, entre eles varios estudantes do Curso de
Iniciación ao Arte Dramático, baixo a dirección de
Matilde
Vázquez, o teatro de Lorca chegou ao Auditorio de Penouzos, nun
Seixalbo sempre disposto a gozar de calquera manifestación cultural.
VODAS DE SANGUE, representada nos mellores escenarios e
levada en varias ocasións ao cine, foi bendicida tamén na nosa
vila.
O pai da noiva, maxistralmente
interpretado polo noso conveciño
Héctor González Pereira, sabedor
de que a súa filla suspiraba por outro mozo, preferiu entregala ao
noivo “rico” na procura de xuntar as facendas e garantir
descendencia para traballalas, o que acabaría en traxedia. Mal
pensaría don Federico que sería ovacionado polos descendentes de
aqueles que cen anos antes estaban enfrontados á Curia para facerse
donos da terra que traballaban e redimir uns inxustos foros. A terra,
tantas veces causa de litixio, amor e morte.
Simpático o baile de tablao
aínda que, sendo sincero, algo distante daquela coreografía do
mestre Antonio Gades na versión cinematográfica da obra dirixida
por Carlos Saura.
Nun escenario sinxelo e un atrezzo
versátil, unhas simples telas e o xogo de luces, serían suficientes
para crear os distintos ambientes que o publico, entregado, imaxinaba
sen problema. Tampouco faltaron na voda os entremeses, esta vez
“auténticos” a xulgar coa avidez coa que eran devorados pola
chavalada de figurantes convidados á cerimonia.
Apunta táboas Héctor nesto da
interpretación, e algún día verémolo na gran pantalla, a pesares
que na súa humildade, define ao equipo como “un grupo de
aficionados que lles encanta o teatro e transmitirllo á xente
dunha forma coloquial e única”. Pois, conseguido.