Volume 17 Número 1 Ano 2015
Autor:Xosé Carballido Presas
AGROMADAS asina a carta de Consumo Responsable e Solidario
Autor: Xosé Carballido Presas
Galego

Na cita anual da IRMANDADE GALEGA DE AGROALIMENTARIOS E ADEGUEIROS (IRGADE) houbo vinte e cinco novas incorporación de empresas que tomaron a decisión de etiquetar os seus produtos en galego. Ademais, outras tantas entidades , entre elas, As AGROMADAS asinaron a Carta de Consumo Responsable e Solidario da que destaco:

Foto José Paz (La Región)

“… cando eliximos os produtos a consumir, temos a opción de escoller aqueles que están a manter unha economía sostible e que xeran riqueza, valor engadido e emprego de proximidade, ao tempo que axudan a manter viva unha cultura, unha  lingua e unha forma de ser …”

Temos un deber responsable á hora de decidir por que produtos optamos, coa conciencia de que os produtos galegos contribúen ao noso desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país.

Temos un deber solidario con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso arriscado de etiquetaren en galego as súas elaboracións ou utilizan o noso idioma na súas campañas de promoción e comunicación, colaborando no mantemento dos nosos valores identitarios..."

Teño expresado noutras ocasións que defendo probar de todo, pero consumir do noso, por tres razóns fundamentais: Por rebeldía, por racionalidade e por pragmatismo intelixente.

Por rebeldía, diante do costume de agasallar con viños e viandas de produtos foráneos cando temos a oportunidade de poñer en valor o noso. Quero consumir leite galego, pagando un prezo digno. Por que estou convencido que cando alguén merca un litro de leite por baixo dos 60 céntimos, neste país desaparece unha vaca. E por cada vaca que desaparece, hai unha hectárea máis de abandono. E por cada hectárea de abandono, hai un mozo ou unha moza que emigra.

Tamén por racionalidade, na defensa do que podemos definir como os circuítos curtos de comercialización: si consumo alimentos de aquí, producidos aquí, os inputs e os outputs, as materias primas e os produtos terminados, circularán polas canles de proximidade, para satisfación do sector primario local, do comercio local e, en definitiva, da economía local.

Foto José Paz (La Región)

E por pragmatismo intelixente. Logo de probar viños, queixos, leite, carne, pan e outros alimentos de aquí e de acolá, cheguei á conclusión de que temos uns produtos que poden competir de igual a igual cos mellores do mundo.

Pero voulles dar unha cuarta razón: a autoestima. Por autoestima, certamente, pero tamén como garantía de orixe. Quero seguir sendo rebelde, racional, intelixentemente pragmático e manter alta a autoestima.

Por iso escollo alimentos galegos etiquetados en galego. Se podo escoller, escollo.

Foto Román Carballido


Texto íntegro da Carta de Consumo Responsable e Solidario


O sector agroalimentario galego ten demostrado estar ao máis alto nivel respecto da calidade e seguridade alimentaria dos produtos que ofrece no mercado, podendo competir de igual a igual con calquera outro país da nosa contorna.

Neste compromiso coa calidade, ten feito unha aposta decidida polo aproveitamento sostible dos recursos naturais e pola recuperación de especies, razas e variedades tradicionais  adaptadas ao noso hábitat, que permiten dar ós nosos produtos e ás nosas elaboracións una personalidade propia, ligada ao noso clima e territorio, por tanto inimitable.

Como garantía de orixe e singularidade, moitas das nosas explotacións agrarias, pequenos negocios artesanais e distintas industrias transformadoras  e elaboradoras teñen dado un paso máis, etiquetando os seus produtos en galego. Tamén algunhas empresas de comercialización e distribución optaron por rotular os seus negocios e facer as súas campañas de publicidade en galego.

A iniciativa privada que busca a excelencia nas súas elaboracións ao tempo que desenvolve as súas actividades en sintonía coa nosa singularidade e incorpora outros valores inmateriais aos seus produtos, precisa de persoas consumidoras responsables e solidarias.

As xentes deste país somos herdeiros dunha historia, dunha cultura e dunha tradición, que significa para nós un gran privilexio pola riqueza herdada dos nosos devanceiros, máis unha grande responsabilidade pola herdanza que debemos deixarlles aos nosos descendentes.

Por iso, cando eliximos os produtos a consumir, temos a opción de escoller aqueles que están a manter unha economía sostible e que xeran riqueza, valor engadido e emprego de proximidade, ao tempo que axudan a manter viva unha cultura, unha  lingua e unha forma de ser.

Temos un deber responsable á hora de decidir por que produtos optamos, coa conciencia de que os produtos galegos contribúen ao noso desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país.

Temos un deber solidario con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso arriscado de etiquetaren en galego as súas elaboracións ou utilizan o noso idioma na súas campañas de promoción e comunicación, colaborando no mantemento dos nosos valores identitarios.

Por todo isto, asinamos esta Carta de CONSUMO RESPONSABLE E SOLIDARIO, co compromiso de optar por aqueles produtos galegos, etiquetados e comercializados na lingua que herdamos dos nosos antepasados, e que queremos manter viva e transmitir aos nosos descendentes. 

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net