PARRAFEO 2015
Asociación Cultural AGROMADAS
Seixalbo
xosé carballido presas
AS AGROMADAS DE SEIXALBO
Parrafeo 2015
Boas noites. Quixera agradecer, en primeiro lugar, á Asociación Cultural As Agromadas, que tivera pensado en min para facer este relatorio, e agradecer tamén a presenza dun público tan culto, selecto e numeroso que nos acompaña.
Xa lles advirto que unicamente vou falar de noticias boas, pois as malas quitoumas o médico.
Agradecer tamén a todo o pobo de Seixalbo o cariño con que a miña familia foi acillida neste lugar: a miña muller, María; o meu fillo Román; e eu mesmo.
Intento adaptarme ao lugar onde vivo Acordamos vir para Seixalbo, onde xa levamos tres anos. E aqui foi onde me din conta que esta sociedade é máis complexa do que pensaba. Incluso para situarme:
- É vostede o que comprou a casa da señora María?
- Non, non. Eu compreilla ao Sebastián
- Xa, pero nós coñecémola pola casa da señora María, que era a dona anterior
- Así que é vostede o que comprou a casa do señor Eladio
- Non, non. Nós mercamos a casa da señora María
- E que a señora María era a muller do señor Eladio
- Ah !!! Vale,vale
- E vostede o que comprou a casa que está despois da casa do Julio?
- Non, a miña, está antes da casa do Julio !!!
- Pois a casa anterior é do Julio. Bueno, a seguinte tamén é do Julio
- E vostede o que comprou a casa pegada á da Julia?
- Non, a miña, está pegada á do Julio !!!
- E que a Julia é a muller do Julio !!!
Conclusión. Estiven a piques de tirar a toalla. Pero dixen: non me rindo. Para comenzar, vou a aprender os nomes de todos os veciños e veciñas de Seixalbo, aínda que me custe dez anos. Así que tede un pouco de paciencia.
Así comecei a coñecer xente: Amelia, María, Roberto, Emilio, Mercedes, Luis, Margarita, Guillermo, Hëctor, Pilar, Adolfo, Eladio, Anselmo, Antonio, Belén, Ignacio, Cristina, Higinio, Manuel ... e así ata un cento deles.
E cando pensaba que xa tiña algo aprendido, resulta que ninguén se chama polo seu nome. Desaparecen as Marías, Margaritas, Antonios e Emilios e comezan:
Lalo, Ros, Cheché, Benchi, Flori, Mela, Eli, Montse, Lilí, Puri, Ans, Higi, Cris, Conchi, Pili, Feli, Marga, Guille, Patri, Chus, Chelo, Paqui, Nila, Toni, Pura, Bea, Tery, Fany, Toño, Marisa, Maxi ... e Milo !!! O de Milo, é moito, por que cada semana presentábanme a un Milo distinto.
Así que cheguei á conclusión de que nin en dez anos nin en vinte serei capaz de aprendelos. Pero non se preocupen, que teño hipoteca para rato.
Repasando a historia deste ano, diremos que en Seixalbo, o ano 2015 comenzou o 28 de decembro, día seguinte do último Parrafeo, no que Manuel Herminio Iglesias foi quen de poñer harmonía nunha improvisada coral, na que a voz de Sara Rodriguez Novoa fixo enmudecer ó auditorio.
Ese ano 2014, foi encargada de facer a crónica anual María Jesús Pazo . Fixo un espléndido repaso da actualidade, no que non quedou títere con cabeza. Sen dúbida, a receita do polbo/pulpo foi a guinda do pastel """ Os cánticos e queimada completaron unha cálida xornada
XANEIRO
O ano natural comenzou en xaneiro. En Ourense, a Cabalgata de Reis case se converte nun fiasco. As carrozas "autopropulsadas" dos Magos de Oriente non foron quen de resistir o peso de tantos regalos, e as rodas de carretilla que levaban os artilugios non resistiron nin ata a Ponte Vella, polo que os reis tiveron que rematar a andaina a patas, con dúas horas de retraso.
Ainda así ningún neno quedou sen regalo. A min mesmo, trouxéronme uns calcetíns moi abrigados.
Aquí na vila, o Centro Dramático de Seixalbo, representou a súa tradicional obra de Reis. Desta volta atrevérose cunha adaptación do "Estebiño", recreándose nas aventuras e desventuras dun "paxaro" coñecido como "El pequeño Nicolás" que andou polo mundo adiante arrodeándose dos máis altos dirixentes populares, incluso con escolta policial, sen que sequera na súa casa souberan das súas andanzas. O públco agradecido, votou as primeiras risas do ano.
O día 7 de xaneiro coincidía co 65 cabodano de Castelao. Convén recordar o teletipo que a Dirección Xeral da Policía enviou a todos os periódicos e radios (aínda non había televisión) naquel xaneiro de 1950:
"Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodriguez Castelao se advierte lo siguiente: La noticia de su muerte se dará en páginas interiores. Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fué errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados (....) No se hará mención alguna del libro "SEMPRE EN GALIZA" Tempos aqueles !!!
A mediados de xaneiro recibimos unha boa nova: Un estudo realizado pola Universidade de Canadá afirma que "unha copa de viño tinto pode equivaler a unha hora no ximnasio, pois aumenta a frecuencia cardíaca e amplia o rendemento muscular"
Moitos dos que estamos aquí levamos centos de horas de xmnasio, practicamente sen decatarnos. Pola miña parte, vou seguir practicando.
Hai outra boa noticia que nos alegra a todos: Barcenas sae do cárcere de Soto del Real tras 19 meses en prisión e depositar unha fianza de 200.000 euros. "He sido fuerte, siguiendo el consejo de Mariano Rajoy" dixo ao saír.
FEBREIRO
En febreiro inauguraron o novo Edificio Xudicial. Seguramente levará un premio de arquitectura, polo que non direi que me parece horripilante, para que non me tachen de ignorante.
Pero, o certo é que xa desde o primeiro día foi motivo de queixa de parte do persoal sobre as súas condicións, e pídenlle á Xunta que elabore un plan de mellora e reordenación de espazos para tratar de frear algunhas dás carencias e deficiencias coas que se atoparon.
Con dous ou tres millóns de euros quedará todo arranxado. Tampouco hai por que preocuparse.
Pero o máis importante de febreiro foi o Entroido. Nesta ocasión, habendo rumores de que Paquita e Nicanor estaban a piques de divorciarse, Marisol Delgado e Gloria Viana, como comisionadas de Festas e Festexos, trataron de reconducir a situación, e covocaron unha manifestación de apoio desde a Praza Maior de Seixalbo, onde estivo todo o pobo así como xente dos arredores.
Finalmente o divorcio non se consumou, e agora viven felices en casa da Señora María, entre a casa do Julio e a casa da Julia, que foi onde as autoridades competentes ordenaron acollelos. Mantidos, un mes de vacacións, e asegurados. Xa o primeiro día, chego de traballar e atopo media botella de Peza do Rei chimpada. E a poda sen facer. Fixemos un negocio de carallo !!!
Recoñezo que quedei impresionado por que a infanta Cristina e Iñaki Undangarín escolleran Seixalbo para pasar o martes de Entrido. Seica querían acollerse a "sagrado" para librar da xustiza, pero o xuiz Castro foi implacable !!!
O certo e que foron sometidos a xuízo na Picota da Praza Maior, co Roberto panadeiro como oficiante, e o pobo declarounos inocentes, logo de ser embadurnados con miles de euros que repartiu o tal Iñaki, que resultaron ser falsos. En fín, unha semana de troula.
MARZO
En marzo, a candidata socialista Susana Díaz, celebra a súa victoria nas eleccións andaluzas. Tamén aquí na Pedreira, o galego de Andújar, Rosendo, celebrou o acontecemento abrindo un par de botellas de viño da Serra Sur de Jaén.
Neste frío marzo, unha forte nevarada en Turquía, retivo a un grupo de ourensáns no aeroporto de Istambul durante tres días, convertendo a ledicia pola volta a casa e as experiencias vividas na cidade máis poboada de Europa nun interminable pesadelo.
Algúns amigos (varios de Seixalbo) inmersos neste desatino aínda están esperando hoxe que algún representante do consulado se poña en contacto con eles para darlles unha explicación pola situación de desamparo. A boa noticia é que seica recibiron unha indemnización de 30.000 euros por pasaxeiro, e xa teñen o próximo viaxe na cabeza.
Unha boa noticia para Ourense, nestas datas. A Universidade de Vigo anuncia a implantación no Campus de Ourense de Enxeñería Aeroespacial. Un logro da movilización da xente de Ourense e da Plataforma pro Campus, que logo de reivindicar a carreira de Enxeñería Física na cidade, considera satisfactoria esta opción- Esperemos que vaia para adiante e non nos tomen o pelo outra vez, que está o aeroporto de Trasmiras esperando por unha chea de licenciados.
Nesta primavera, tamén acabou o mandato Carlos Varela como Fiscal Superior de Galicia. Nun fermoso discurso de despedida mostrou o seu agradecemento As Agromadas de Seixalbo pola distinción recibida, o Premio Freire Carril, e mandou un saudo a todo o pobo. Queda dito.
ABRIL
Este mes de abril tamén trouxo imaxes sorprendentes, coma a de aquel axente de Vixilancia Aduaneira introducindo no coche a Rodrigo Rato durante a súa detención, que durou varias horas.
As imaxes de Rodrigo Rato meténdose no coche policial e Rodrigo Rato tocando a campanilla na bolsa coa chanchullada de Bankia serían repetidas durante meses en todos os telediarios
Tamén neste mes se producia a dimisión de Monedero, un dos dirixentes de Podemos. Algúns recordaban o vello dito de que "en todas partes cocen fabas", pero Pablo Iglesias, fixo unha rolda de prensa na que dixo que "Monedero non é un home de partido". Seica non tiveron nada que ver os cobros de máis de 400.000 euros por traballos de asesoría aos gobernos de Venezuela, Bolibia, Ecuador, e Nicaragua. Xa vedes. Neste pais cadaquén navega como pode. E o máis tonto, arranxa reloxos.
Aquí en Ourense, a noticia que máis me impactou foi a que publicaba La Región "Un hombre muere aplastado por la lápida de su suegra". O certo e que o suceso ocorreu en Pensilvania, nos Estados Unidos. pero xa sabes, "cando las barbas de tu vecino veas cortar, pon las tuyas a remojar". Ao fin e ao cabo, o medo é libre.
Neste mes producíase un dos imnumerables episodios de atasco no Complexo Hospitalario de Ourense, con camas polos pasillos, xente correndo de alá para acá, enfermeiras asfixiadas, pacientes desesperados e familias agobiadas.
Etelvino Blanco, o secretario comarcal da CIG describía así a situación:
"Hoxe Urxencias do CHOU parecía un campo de guerra con pacientes amontonados nos Boxes e os pasillos ateigados de camas que facian imposible unha boa atención sanitaria.
Os traballadores-as do servizo esforzándose ao máximo para cubrir a carencia de persoal e os pacientes e familiares resignados durante horas a esperar que os atenderan"
Diante do balbordo que se montou, a Xerencia de Xestión "reconoció la situación de "sobreaforo" de Urgencias". Sobreaforo !!! Hai que joderse. Estaba COLAPSADO.
MAIO
A noticia que máis destacaron todos os periódicos españoles e incluso os cataláns, e que o Barcelona gañou a Liga. Un gol de Messi no Calderón, permite que o BarÇa quede campeón de Liga xa neste mes de maio.
E falando de fútbol, logo de tres décadas sabáticas, renace o Club Deprotivo Seixalbo. Aínda que a miña afición futbolística é escasa, fíxeme socio, para apoiar tanta xente moza ilusionada. Creo que son o socio tres mil e pico. Paga a pena; sempre che poden botar unha man para dar o sulfato !!!
Por certo, que o Club Deportivo Seixalbo remata o ano imbatible, como campión de inverno.
Aquí, en Seixalbo, con Higinio Novoa reinterpretando a Xosé Filgueira Valverde, e todo o pobo atento, celebramos o Día das Letras Galegas. Cheo ata a bandeira !!! Un acto fermoso e sentido.
O polifacético Higinio, que o mesmo vale para un roto que para un descosido, foi uns días despois xunto con algúns membros da Asociación Veciñal a levar á Consellería de Obras Públicas varios centos de signaturas recollidas polos propios veciños, tralo último repintado da OU-105, que prioriza aos coches e esquece ás persoas. !asinosvai.
Ía o Higinio acompañado de Juan Cid, Rosendo Prieto e o Carballido. Presentamos as sinaturas, fixemos unha foto para todos os periódicos, saimos en todas as televisiós, e como podedes comprobar, non valeu absolutamente para nada.!asinosfoi!.
Neste mes houbo Eleccións Municipais. Consegue a alcaldía o Partido Popular, aínda que en minoría. O máis sorprendente, a subida do Partido Jacomiano. Aquí, en Seixalbo, sacou máis de cen votos. O curioso é que preguntei polas rúas, e non foi ninguén. Pois eu tampouco fun.
De todos xeitos, non pasa nada, por que dixo que se non era alcalde, que dimitía. Supoño que estará preparando os papeis, xa que é un home de palabra.
XUÑO
Neste mes o Barcelona culminaba o segundo triplete da súa historia: Liga, Copa do Rei e Chamions. Para compensar, na mesma semana, a Infanta Cristina perde o título de Duquesa. Non digo nada máis por se molesto.
A principios de Xuño, a casa de Rosa e Miguel en Reza foi derrubada. Ademais dunha casa, derrubaron un fogar. Derrubaron unha vida.
Manuel Herminio máis eu (e moita xente máis) tentamos evitar esta sinrazón, e estivemos alí. Tivemos que subir por unha escada e chimparnos desde unha árbore para evitar o inevitable. Seguramente estamos equivocados. Pero chimpámonos.
A noticia en sí é mala, pero ten a súa parte positiva: parece que empezan a derrubar as construccións ilegais: seguirán polo Carrefur, os edificios da Praza de San Antonio, etcétera, etcétera.... Seguramente.
Na noite de San Xoán foron esconxurados todos os meigallos de Seixalbo, cunha queimada onde se ventilaron dúas olas de agardente. A verdade é que máis que unha queimada, parecía un cocido, pois o Mestre Maior, Hixinio, non paraba de votarlle ingredientes: que sí café, que si laranxa, que sí limón, que sí mazá....algúns falan de que lle viron botar un costillar.... vamos, un cocido en toda regra !!!
Desta volta, o esconxuro correu a cargo dun Druida de Seixalbo, apoiado por varias meigas do lugar, e foi especialmente elaborado para que non quedara absolutamente ningún recuncho da vila sen esconxurar. A pesar deso, o Ignacio insistía que quedaran os da Santa Águeda sen o meigallo, ata que se aclarou o tema colgando o exconxuro no taboleiro da Asociación.
Comenza a Semana dos Foros cunha colorida mostra da pintura de Juan Galache introducida pola música de Manuel Herminio Iglesias Vazquez e Antonio Feijoo no local das Agromadas. Desta volta, a representación teatral "Tempo de Foros" fíxose o venres na Praza do Cabildo, o que parece que mellorou a audición, a audiencia e o auditorio.
O sábado houbo xogos de mesa, artesanía e fiadeiro, e un percorrido polas adegas da vila e, finalmente fíxose entrega do premio Freire Carril a "Amigos da Terra" rematando a festa cun Concerto do grupo "Liviao de Marrau".
Que un pobo de escasamente mil habitantes reciba coas portas abertas a unha morea de xente, obsequiándolles con música, xogos, teatro, viño, empanadas, chourizos... ten mérito. Moito mérito. Hai que darlle os parabéns ás xentes das Agromadas que, con moito esforzo e moito traballo, fixeron posible isto. E a toda a xente de Seixalbo. Boa terra e boa xente.
XULLO
A principios de xullo, as xentes das Agromadas collemos o autobús, e fomos a Padrón. Alí, visitamos a Casa Museo de Rosalía, visitamos a feira do domingo de Padrón, con máis de quilómetro e medio de tenderetes, toneladas de bragas e calzoncillos a 50 céntimos... e logo estivemos nas Torres de Catoira, onde sacamos centos de fotos ás torres e ao fermoso viaduto novo do AVE que cruza á ría.
Despois dun estupendo xantar, cabezada, paseo por Vilagarcía, para rematar na fermosa Vila de Cambados, onde María Novoa aproveitou para facerse cunha botelle de albariño Paco&Lola tras quedar prendada pola fermosura da súa etiqueta.
Como sempre, o 25 de xullo celebrouse o Día da Patria. Alá fomos, coma sempre, unha morea de xente. Antes a cousa era máis divertida, pois corríamos diante dos grises, e aínda que levaras unha labazada, tiña o seu "aquel". Marchábamos en vinte autobuses, e para a volta chegaban con dezaoito, pois o resto quedaba trincado no caldeiro ata o día seguinte.
Agora, para levar a labazada, teslle que pegar ti primeiro ao guardia, pois volvéronse moi educados. Pois alá estivemos.
AGOSTO
En agosto, a directiva da Asociación de veciños foi recibida polo Alcalde. Entre os temas para tratar destacou a petición para que se aprobe canto antes o Plan Especial de Reforma Interior, PERI. Tamén quedou patente a preocupación da xente de Seixalbo polo borrador do PXOM - Plan Xeral de Ordenación Municipal, que case non deixa construir e deixa fora de ordenación a unha chea de vivendas.
Tamén lle pedimos os técnicos do concello controlen as obras do AVE que poidan afectar á zona e produzcan así o menor dano posible.
Evidentemente, estivo presente nas reivindicacións a Estrada OU-105, pedindo que sexa catalogada como tramo urbano e que se estableza na zona un maior número de pasos de peóns. Tamén se falou de iluminación e asfaltados e de outros problemas de competencia municipal.
Saimos todos contentos de que nos recibiran, e plenamente convencidos de que non íamos conseguir absolutamente nada do que lle pedimos.
Xa que estábamos alí, acordamos poñer unha vela á Santa Rita, avogada dos imposibles e tomarnos unha caña na Coruñesa, por conta da Asociación. Finalmente, pagou Ros, xaque a presidenta non levaba cuartos (ou así dixo).
SETEMBRO
Agosto e septembro foron meses de lume. Outra vez. Desta volta, chegou o lume ás casas. Temos a estopa á porta da casa, e parece que a solución non está en encher o ceo de aeroplanos tirando auga, nin centos de brigadas e motobombas. Temos que acabar coa estopa. Poñer a terra a producir.
Un dos incendios máis terribles foi o de Cualedro no que arderon 3.200 hectáreas. Empezan as autoridades a falar de terroristas e aparatos incendiarios. O 4 de septiembre salta a noticia: "Detido o presunto autor do incendio: un home de 83 anos". Sería ese o xefe da trama que movilizou 108 brigadas, 47 motobombas, 8 palas, 11 helicóteros e 9 avións, tres técnicos, 49 axentes forestais e a Unidade Militar de Emerxencias?. E os veciños, claro. Pois si que temos un problema.
E falando do medio rural, a finais de septembro, sataba a noticia: Tráfico multa a un gandeiro de Becerreá por non levar as vacas en fila india pola estrada. Xa en septembro do ano pasado multaron con 750 euros a un gandeiro polos excrementos das súas vacas nas pistas de concentración parcelaria na Sionlla, en Santiago. Parece que as pistas da parcelaria son para pasear os señoritos. O mun ao revés.
En septembro tivemos en Seixalbo a Semana Cultural. Foi inaugurada cun fermosísimo introito coa voz de Nila, con Daniel Alexandre Iglesias á guitarra. Unha sobria e virtuosa interpretación que nos deixou a todos con esa sensación de que en Seixalbo hai boa cultura. No mesmo acto de inauguración, Noa, a filla de Marta e Anselmo, interpretou unha improvisada coreografía para delicia dos asistentes.
Gozamos coa exposición ALIXO DE ESPERANZA da autora Esperanza Gonzalez Doniz. Unhas fermosas obras feitas con materiais recuperados do lixo, que estiveron expostas nos locais de San Breixo e Agrmadas, das que puidemos gozar os maiores e os máis pequenos, pois foron varios os colexios que se achegaron a contemplalas, e tomar nota de que coas cousas que tiramos pódese crear beleza.
Tamén na Semana Cultural de Seixalbo tivemos un sinxelo pero emotivo acto de recoñecemento a tres "ex-concelleiros" que, non sendo de Seixalbo, mostraron un cariño especial pola vila. María Devesa, Fernando Varela e Odilo Masid, representado polo seu fillo. De ben nacidos é ser agrdecidos.
Realizouse un gran Asalto Baile na Praza do Cabildo, amenizado pola Gran Orquesta Internacional "VAI DE BAILE".
Houbo concurso de pamelas, que case acaba en trifulca, pois catro das cinco finalistas eran familiares do xurado. Finalmente, o premio, un tetrabrik de Don Simón foi para Marisol Delgado, a pesar de lucir unha das pamelas máis horripilantes.
Rematou a semana cunha Viaxe Cultural. Visitamos Puebla de Sanabria, e o Castelo dos Condes de Benavente, e rematamos á xornada cunha paparota e chapuzón no Lago de Sanabria, que rematou cunha espetacular treboada armada de coloridos raios e centellas.
No Auditorio ao aire libre de Penouzos, o Centro de Arte Dramático de Seixalbo (máis coñecido como cuadrilla de tolos) xunto co Grupo de Danza de Seixalbo, puxeron en escena a súa obra clásica de outono. Nesta ocasión, representouse PRISCILLA, un "remake" do famoso musical, versionado pola xente de Seixalbo. A destacar a decoración e vestiario sorprendente (incluso un autobús).
Trinfou PRISCILLA en Seixalbo cun Auditorio entregado e cheo ata a bandeira. En clve de humor, pero con moito transfondo !!!. A pesar da violencia de algunhas escenas, ningunha persoa resultou ferida durante a representación.
Tamén neste mes de septembro comenzan os problemas do novo hospital de Vigo. Xa non sei a quen se lle ocorreu poñerlle a un hospital o nome dun restaurante:Álvaro Cunqueiro.
Moitos pacientes de Ourense, algúns de Seixalbo, tiveron que sufrir a ansiedade de aprazar dúas ou tres veces, no último minuto, operacións por falta de material esterilizado.
A boa noticia é que Feijoo, O Noso Presidente, cesou á conselleira, polo que xa está todo arranxado.
E rremata septembro cunha gran noticia. Rajoy, un español muy español y mucho español, resolvía o enigma da súa vida: "Un vaso es un vaso y un plato es un plato". A partir de aquí, xa nada sería igual.
OUTUBRO
Na cita anual da IRMANDADE GALEGA DE AGROALIMENTARIOS E ADEGUEIROS (IRGADE) tivemos vinte e cinco novas incorporacións de empresas que tomaron a decisión de etiquetar os seus productos en galego. Ademais, outras tantas entidades, entre elas, As AGROMADAS asinaron a carta de Consumo Responsable e Solidario, animando á xente a que consuma productos galegos, para favorecer á economía de proximidade, optando tamén por aqueles productos etiquetados en galego, que contribúen a conservar e potenciar a nosa lingua.
Neste mes de Outubro, da man dun ilusionado grupo formado na Universidade Laboral, o teatro de Lorca chegou ao Auditorio de Penouzos. VODAS DE SANGUE, representada nos mellores escenarios e levada en varias ocasións ao cine, foi bendecida tamén na nosa vila.
O pai da noiva foi maxistralmente interpretada polo noso conveciño Héctor Gonzalez Pereira. A terra, tantas veces causa de litixio, amor e morte, como aconteceu nesta tráxica pero fermosa obra teatral.
Alá por estas datas, salta a noticia: Unha muller denuncia diante do fiscal que o actual presidente da Diputación lle ofrecera traballo a cambio de sexo. Ao fiscal debeulle parecer unha cousa menor, por que nin sequera chamou a declarar ao denunciado, e mandou arquivar o caso. A señora acordou entón denunciar directamente diante do xuiz, e veremos a ver que pasa. De momento, como decía un amigo meu, "aqui no pasa nada, sigue todo tan perenne".
A boa noticia é que a reacción inmediata foi que Feijoo, "O Noso Presidente" anunciou o Cheque Bebé. Esta medida xa a anunciara Zapatero no ano 2007 pero daquela era unha cuestión "electoralista". Desta volta, seica non.
Pois si. Un "cheque bebé de 100 euros/mes para os nacidos en 2016. Resulta que no Bar Deportivo correuse a voz de que os 100 euros mensuais era ata que o rapaz cumprira os 15 anos. Pola súa banda, Radio Macuto, digo... no Bar Macuto falaban de que era ata cumprir 24.
Alá ves que todas as parellas mozas de Seixalbo se puxeron a facer os encargos. Por todo o pobo tremaban vigas e pontós, día e noite. Alguns, non tan mozos tamén se apuntaron á faena. A ver en que acaba todo isto.
De momento, María, a alcaldesa de Seixalbo, está mirando de ampliar o parque infantil do lavadoiro. Hai que comprar o solar de atrás, pero xa está medio falado. Pola súa banda, Don Manuel xa encargou outro libro de bautizos e media ola de auga bendita, polo que poda pasar. Estaremos atentos.
NOVEMBRO
Comenza o mes de novembro cun sinxelo Acto no Cemiterio de Seixalbo, no que se colocou unha placa na memoria de todas as persoas que xacen alí, porque tamén grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu. Un acto de reencontro entre a Asociación de Veciños, a Asociación Agromadas e a Curia Parroquial, rompendo as distantes relacións que mantiñan desde a Guerra Fría.
Novembro foi mes de magostos. Primeiro fixemos o Magosto das Agromadas en Penouzos. Facía un sol impresionante e a xente estaba en manga corta, ataviada con sombreiros de palla, gorras do sulfato e incluso sombrillas. O prato que máis aceptación tivo foron as aceitunas da Pedreira, polo que ao final, en vez de Magosto, parece que estábamos na Feira de Sevilla.
Logo veu o Magosto da Asociación. Como era de balde, miles de persoas de Seixalbo e arredores celebraron o Magosto na Praza Maior de Seixalbo, onde se consumiron toneladas de castañas regadas con varios moios de viño, nunha auténtica bacanal. A verdade é que o pasamos ben, e a xente botou tres días sen probar bocado.
Neste mes de novembro houbo unha noticia sobrecolledora en París, Coa desculpa da relixion, uns mataron en nome de Deus e outros morreron pregando a Deus
A boa noticia é que, aparte de franceses, rusos e americanos, xa lles mandou aviso ao Exército Islámico o Chapo Guzmán. Ese que escapou do cárcere mexicano por un túnel subido nunha moto. Parece ser que os do exército islámico lle destruiron varios cargamentos de droga e o Chapo xa lles dixo que lles vai sacar "el corazón y la lengua". Estes non se andan con coñas.
Lembro aquel profesor de Álxebra que tiña eu na Universidade que era malo malísimo, e fixemos entre todos un escote para pagarlle a uns tipos que o chimparan ao mar no porto de Vigo. Non arreglamos nada, pois despois aínda foi máis cabrón que antes. Pero chimpar, chimpámolo.
Sempre haberá nas nosas cabezas un alguén a quen encomendarse cando estamos fastidiados, e está ben que lle chamemos Deus, Alá, Buda ou Jehová. Pero xa está ben de utilizar o nome de Deus para matar xente.
Os deuses son para outras cousas. Teño comprobado que as xentes de Seixalbo teñen certa advocación a Dionisio e Baco, deuses do Viño. Tamén os amantes da cervexa teñen unha deusa, a romana Ceres, pero con menos seguidores.
Nós somos máis de viño pois, como dicia Aristóteles, a cervexa é unha bebida de bárbaros: "aquellos que se han emborrachado con vino caen boca abajo, mientras que los que han bebido cerveza lo hacen boca arriba; porque el vino produce pesadez de cabeza, pero la ceveza adormece"
Xa rematando o mes, celebrouse a Asamblea anual da Asociación de Veciños San Breixo, que trascorreu sen problemas. Algún desalmado publicou unha falsa noticia no internet que decía:
"La asamblea de San Breixo, a punto de acabar como el rosario de la aurora. La villa de Seixalbo casi se convierte en un polvorín por la ineficacia de la junta vecinal". No texto da noticia, indicaba: "...la merkeliana María Novoa y la thatcheriana Gloria Viana han dirigido con mano de hierro una apasionante asamblea, apoyados por Nieves. Los hombres de la directiva han permanecido agazapados"
O certo é que Higinio, Toni e Rosendo estiveron caladiños como beatas. O Carballido marchou antes do remate. O Paco, nin apareceu. O Juan, que libraba, cambiou o turno para non asistir. O César e o Maxi andan a outras festas. Manda carallo na Habana !!!
Pois nada, armouse á marimorena: O Manuel Herminio chamou inmediatamente para que retiraran á noticia.
José Manuel, amenazou directamente co xulgado e presentar un "interdicto", María, a alcaldesa, empezou a recibir chamadas de todas partes do mundo, preguntando que pasara.
Algúns correron a trola dicindo que viran varias unidades de antidisturbios pola Infesta e o Cabildo. Outros que escoitaran ás sirenas da policía e se cruzaran co Maxi e o Guillermo cos chalecos antibala ... un caos !!!
Total, que non houbo máis remedio que emitir o seguinte comunicado:
"La asmblea de San Breixo de Seixalbo ha transcurrido en un ambiente de gran cordialidad. La directiva ha sido recibida entre vítores y aplausos, y las intervenciones han rozado la más completa galantería. Al final de la reunión, los asistentes se fundieron en un abrazo colectivo"
Ao final, todo quedou calmado. Haiche xente ben irresponsable no pobo.
DECEMBRO
Chegamos a decembro. A primeiros de mes prodúcense dúas noticias importantes de alcance mundial. Por un lado, asínase en París un histórico acordo para loitar contra o cambio climático.
A segunda noticia de alcance é que o Real Madrid queda eliminado da Copa do Rei por aliñación indebida no partido contra o Cadiz. Non vou seguir falando do tema.
Neste mes houbo eleccións xerais. Como na Campaña electoral ninguén falaba do importante, estiven analizando os programas dos partidos. En síntese
PP : Baixar os impostos, crear miles de postos de traballo, mellorar a sanidade e subir as pensións.
PSOE : Baixar os impostos, crear miles de postos de traballo, mellorar a sanidade e subir as pensións.
CIUDADANOS : Baixar os imposyos, crear miles de postos de traballo, mellorar a sanidade, subir as pensións e baixar o IVE ás Orquestas.
PODEMOS : Baixar os impostos, crear miles de postos de traballo. mellorar a sanidade e subir as pensións. Non fala nada das orquestas.
MAREA GALEGA : Igual que podemos
BLOQUE E COMPAÑIA : Baixar os impostos en Galiza, crear miles de postos de traballo en Galiza, mellorar a sanidade en Galiza e subir as pensións en Galiza.
O resultado electoral foi o esperado. Podémolo ver no caso de Paquita e Nicanor. Votaron na mesa da Infesta. O Nicanor tiña pensado votar polo Bloque, pero non atopou as papeletas. Entón, votou por Ciudadanos, polo tema de baixarlle o IVE das orquestas. A Paquita ía votar polo PSOE, por que o Pedro Sánchez é o máis guapo, pero na misa díxolle o cura que deixaran de caralladas, e ao final votou polo PP, coma sempre.
O fillo, Vicentito, votou na mesa da Pedreira, seica polas Mareas. Estes mozos, xa se sabe !!!
Agora quedan un par de meses de tira e afloxa. Seguramente subirán os impostos, aumentará o paro, a sanidade cada vez irá a peor e as pensións subirán menos que o IPC. Non teño nin idea de que pasará coas orquestas.
E neste mes, non podíamos esquecernos do Nadal. En Ourense puxeron as luminarias con tempo, non como o ano pasado, que colgaron as luces case que a finais de xaneiro.
En Seixalbo tamén puxeron ás luces, pero os da Asociación encargaron unhas lamparillas cunha árbore verde, en vez do angelito tocando a trompeta, por que di o Juan que así sae máis barato, por que non hai persoal. Ao angelito seica o mandaron ó paro cun ERE moi traballado.
E falando de árbores, tamén o abeto da praza maior quedou moi bonito, e a pesares de ser de plástico, parece que ten dúas medras respeto do ano pasado. Moitos igual non o miráchedes. Tedes que ir por alí, e mirar detras dos coches.
A lotería do Nadal debeu tocar en Seixalbo, coma sempre, a xulgar polas caras de felicidade que vexo neste auditorio.
Para este luns, está previsto que veña un mago ilusionista e o Apalpador, para facer as delicias da chavalada. Pero iso é outra historia, que vos contarán no parrafeo do ano que ven, por que este, rematou.
Gracias pola vosa paciencia. Feliz 2016. E moitos bicos
Xosé Carballido, 26 de decembro de 2015