Con pechar o galiñeiro chega
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
Con pechar o galiñeiro chega
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego

CON PECHAR O GALIÑEIRO CHEGA

Manuel Herminio Iglesias

Na nosa sociedade acontecen feitos que día a día non deixan de sorprendernos. Feitos que amosan ás claras que os humanos somos uns seres depredadores e que maiormente actuamos por instintos primarios que nos dan certo pracer e amosan que temos poder.

Hai uns anos lembro que celebrouse, pola comarca do carballiño, un concurso que tiña como obxectivo cazar raposos. Recordo que daquela houbo protestas, pero pasaron os anos e non se soupo nada máis desa absurda competición.  Mais, como a mente humana non para, de novo outra competición semellante nas terras de Forcarei volve a facernos reflexionar sobre iste macabro asunto.

O Raposo, animal fermoso e listo onde os haxa, sempre gozou de certa simpatía entre as xentes. Pois actúa dominando un territorio e vivindo da caza doutras especies e tamén de dar o golpe ó menor descuido nos galiñeiros que tanto existen na nosa terra.

Mais o raposo  é un animal astuto pero moi listo que hoxe está a sofrir, ao meu ver, dúas calamidades para a súa existencia como especie. A primeira ven dada pola grande superficie queimada  polos milleiros de incendios e a perda de espazo para cazar. Pois as queimas eliminaron e estragaron  especies das que se alimentaba este  animal. A segunda e a política da Xunta de Galicia incentivando campionatos de caza con fins seica educativos.  E isto que afirmo dedúcese que se permitan máis  campionatos destinen 13.000 euros para fomentar istes mal chamados concursos. Ou que se den 25.000 euros da Concellería de Medioambiente  para potenciar a vida do rural á Federación Galega de Caza, forma indirecta de potenciar estas polémicas e salvaxes citas.

A caza tivo e ten a súa xustificación cando a precisas para comer ou en casos concretos para facer batidas de poboacións que medran de maneira desmesurada. En Galicia isto acontece co Xabarín.  Pero fomentar campionatos baixo o nome de deportivos para cazar a un animal que non destroza, e sobor de todo,  do  que non hai datos contrastados  sobre o número que existe nos nosos montes, parece unha frivolidade. Igualmente acontece cando se fala de fomentar a vida no rural. Polo que a pregunta está servida: pero alguén cunha pouca de cabeciñá pensa  que con potenciar concursos de caza se vai incentivar  a vida no rural?

A verdade é que non entendo nada do que acontece nesta nosa terra. Pensar que matar por pracer é un deporte, ou que  estas competicións  teñen un obxectivo  educativo, lévame  a conclusión de que non recoñezo a estas xentes que cazan e que  nos gobernan. Non sei se viñeron doutro planeta, pois resúltame dificil crer que saíron desta terra.

O Golpe, Raposo ou Zorro non merece ser obxecto destas cacerías, pois  se algúen lle entra no galiñeiro,  con pechalo ben, asunto está arranxado. O demais son lerías para xustificar a diversión de matar a un animal indefenso. Ou sexa: MATAR POLO PRACER DE MATAR.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net