O 17 de marzo de 1916 toma posesión como alcalde de Ourense o veciño de Seixalbo Don José Pereira Rodríguez, «lamentando que as súas condicións non sexan correlativas á importancia do cargo, e para o seu desempeño solicita a colaboración de todos os señores concelleiros, e termina dicindo que o seu programa é administración e xustiza» segundo manifesta e consta na Acta da sesión plenaria.
Foi nomeado por Real Orden do Ministerio de Gobernación, pola que se acorda nomear unha nova Corporación formada por concelleiros de bienios anteriores e presidida por José Pereira, xa que contaba con experiencia municipal, prestixio e recoñecemento social e institucional. En efecto, xa tivera acta de concelleiro desde 1911 e pertencería posteriormente a distintas corporacións municipais.
Un século despois do seu paso pola alcaldía, as xentes de Seixalbo réndenlle sinxela homenaxe, descubrindo unha placa na casa onde naceu, viviu e morreu tan ilustre veciño. Pode facerse un extenso relatorio da súa intensa actividade política, pero eu quero quedarme cunha das facetas seguramente menos coñecidas.
Nos tempos en que José Pereira inicia a súa actividade política, sobre 1911, so unha muller de cada cinco sabía ler e escribir. Tamén é significativa a semialfabetización feminina, pois por cada dez mulleres que sabían ler e escribir, había tres que so sabían ler. O proceso de alfabetización de principios do século XX aínda arrastraba modelos pasados, orientados na aprendizaxe da lectura pero non da escritura, especialmente en determinados segmentos de poboación feminina, en que o dominio da lectura constituía a súa meta instrutiva final (Narciso de Gabriel et al.)
Seguramente influenciado pola súa esposa, Rosa Amado Sas, tanto na súa etapa de concelleiro, como no seu mandato como alcalde, foi peza chave para a creación da primeira Escola de Nenas de Seixalbo, unha iniciativa novidosa e case revolucionaria no mundo rural, nunha época en que o modelo educativo era aínda unha rémora do Antigo Réxime.
Grazas a isto, o proceso de alfabetización das mulleres de Seixalbo superou con moito os ratios do rural galego, e moitas bisavoas, avoas e nais das xentes que hoxe viven na vila, aprenderon a ler e escribir cando a norma era precisamente a excepción.
Quizais sexa isto motivo máis que sobrado para que este recoñecemento veciñal poida algún día ser elevado a rango institucional, e que unha rúa da fermosa vila de Seixalbo leve o nome de quen fixo posible que fose normal o que hoxe nos parece normal.