VOLVE O TORREVELLA
Manuel Herminio Iglesias
No medio de novas cargadas de incertidume
sobre o que acontece no mundo, e dentro del en Venezuela, co desexo de que haxa eleccións libres e se arranxe o
saunto, escollo o camiño local para falar do que teño máis
perto da casa. Sí, desas cousas pequenas que o acontecer trae e que case
sempre son motivo de ledicia, pero que
pasan sen pena nin gloria.
Foi no ano de 1985 cando a Asociación veciñal
San Breixo de Seixalbo empezou a súa andaina vital. Aínda que nacera anos atrás
pero estivera invernada.
Ate a quela data, eran os chamados pedáneos
nomeados polo alcalde da cidade os que servían de canalización das necesidades
do rural ourensán. Eran homes bos, pero o seren nomeados polo dedo amigo do
rexedor, estaban faltos de apoio reivindicativo, cuestión esta que foi aproveitada polas AA. VV. para
abrirse camiño.
Moito choveu dende aqueles anos. Moitas cousas
trocaron para mellor nesta antiga Vila e Couto. Con todo, cubertas as
reivindicacións máis importantes como era
a sustitución do saneamento e enlousado antigo en todo o coxunto e un
longo etc. naceu un boletín trimestral que bautizamos co nome de Torrevella
en lembranza dunha torre que existiu nun alto entre Zaín e Seixalbo, onde un
tóponimo lle dá nome ó lugar, pois aínda hai vestíxios de tal construcción.
Cabe lembrar que, daquela os medios que
tíñamos para edición daquel folleto de máis de 16 paxinas, non eran os que hai
hoxe. Todo era moito máis artesanal e complexo.
Con todo, co esforzo de Juán
Pérez Ferraz e Maga Pazo entre outros,
nos quince números que se
editaron, aflorou a vida dunha
comunidade vital moi ignorada na cidade. Unha comunidade que tiña vida propia;
unha historia singular e que mantiña unha dinámica interior que aínda hoxe
pervive e funciona.
O boletín tiña unha editorial, unha guía de
contidos, un apartado de novas, outro de
opinión e tamén entrevistas coas persoas maiores que se consideraban sabedores
de moitas das historias por seren a memoria do lugar. Por razóns nunca
aclaradas, dende 2002 cando a
presidencia da asociación muda e aparece
outra directiva, esa publicación e outras
que se fixeron, pasaron ó
esquecemento e quedaron soamente como un
recordo na memoria dalgúns.
Agora, despois de máis de 15 anos, renace esta publicación pola iniciativa de Xoxé Carballido e a directiva que preside. E aínda que, desta vez, sae
cun relatorio das actividades que anualmente fan todos os entes
asociativos en Seixalbo, é un motivo de ledicia. Esperemos que iste boletín
vaia tomando forma e trimestralmente volva a recoller non só os feitos desta
nosa vila, se non que aspire a ampliar o seu contido e tome outra dimensión
neste Ourense tan aterido no cultural e
no reivindicativo. E así poder manter e aumentar as iniciativas que neste
núcleo existen e dás que sempre é bo que quede constancia para o futuro.