Parrafeo 2019
Por Nate Borrajo
Que fan aquí? Non teñen casa, ouh? Xa pasou o Apalpador, xa pasou o Santa, menos mal que as avoas e os avós quedan… que se non… Vivan as avoas e os avós de Seixalbo! Tamén quedamos os inocentes, tan inocentes que aquí estamos, no lugar de andar moceando, aquí me teñen, disposta a falar!
Non sabía ben por onde comezar… así que decidín facer un zoom xeral, dende o planeta Terra ata Seixalbo. Alá vai! San Nolete de todos os parrafeos, dáme forzas e dáme palabras!
Son a muller de hai cen anos, deixei o mundo cambiando… pero non pensei que velo como está agora, coas súas cousas boas, con cousas aínda sen aquelar e as súas cousas malas…
Este ano coñecemos os buratos negros do espazo… porque dos outros, dos da terra ou da casa, eses xa os coñeciamos ben! E temos unha estrela para nós, a estrela Rosalía de Castro, a nosa poeta social, muller das bravas, que non deixou cacique sen avergoñar e inxustiza sen denunciar! Esa será a nosa estrela, a que busquemos nas noites do verán polo San Lourenzo.
Vin que as grandes nacións, non por grandes, se non por metros cadrados ocupados nos xornais, están gobernadas por xentiña cuns peiteados e costumes raros! O Trump do diñeiro , o Kim Jong-un das bombas, o Putín que pasea en oso… Deixei de mirar, que me deu medo seguir! Ás veces, a ignorancia é un paraíso, dígovolo eu! Dorme mellor o que non sabe ou o que non quere saber!
As xentes buscan lugares mellores para vivir, porque non hai comida, non hai futuro… e seguen a estrela equivocada… Meus pobres! Viron que na bandeira europea había unha chea de estrelas e colleron camiño polo mar para vir á terra prometida! Vaia promesa! Quedaron coas esperanzas no fondo mariño, entre cascallos e plástico! Nós entedémolos ben, que somos fillas, netas de emigrantes e mesmo algunhas emigrantes do século XXI. Dígoo porque hai xente que pensa que veñen por vicio ou por pasar as vacacións… e nós sabemos o duro que é deixar a terra na procura dun futuro mellor!
Falei do plástico… pois agora falarei máis! Mira que as galegas e os galegos somos teimudos co novo… tardamos séculos en probar as patacas, mirabámolas mal mentre rillabamos castañas cocidas… O mesmo os escribas dos mosteiros galegos cando chegou a imprenta. Ou teimamos en cambiar as leis, como a constitución… Co plástico sería igual… pero unha vez que entrou, usámolo para todo! E o que foi o noso aliado converteuse nun poderoso inimigo pola sen cabeza da humanidade! Que entre o de antes e o de agora, ten que haber un carreiro, digo eu! Que entre salgar o xamón e entre mercar xamón en plástico con plástico entre cada torada haberá un medio! Que andar por camiños e correidoiras sen deixar de ver botellas, bolsas, envases… estase a converter nunha tradición! E esa, non nos convén, non! O novo, a tecnoloxía ten que axudar a vivir, non desfacer a vida! Co bonito que é un “Bos días, veciña, que tal a noite?” en directo! Sen streaming nin farrapos de gaitas!
Acabaremos por non falar en
directo, só wappear! E co que presta falar, en vivo e en directo! Anda a nena
Greta a facer xiras para espertar conciencias, mentres os que mandan miran para
o outro lado! E nós, habitantes do planeta, facemos colas no Everest! É o nunca
visto!
Claro que, nós, os de Seixalbo, subimos ao Castro Floxo e sentamos a mirar como medra a vila. Para que andar a facer colas e morrer conxelados no cume do mundo se temos o noso cume? Non lle fagades publicidade, porque son capaces de vir para aquí e chántannos un burguer na cima! Peto calado!
Mirade que a min Europa non me chistaba… iso da Unión Europea proíame un pouco por aquí e por acolá… E agora estou encantada! O que vos dicía da ignorancia miña! Que se Europa tira das orellas, tremen os políticos! E no mes de Nadal, tirou das orellas pola nosa lingua e tirou das orellas polo encarceramento dos eurodeputados! Que decidir ou falar non é delicto nestes tempos… Non?
Levamos dous nadais sen goberno estatal e nin tan mal… Aínda non chegou a anarquía!! Somos ben educadas! Noutros lugares, xa che estaban movendo o marco aproveitando que a veciñanza mira para outro lado! E non quedaba verza nin nabiza! Para nabiza ou nabizo, a do ditador! Que mira que manterlle unha fundación a estas alturas do século XXI!
A momia saíu do mausoleo do Valle, deu un paseo polo aire e pousou no Pardo. E digo eu que xa o podían entrerrar nunha gabia ou nunha carballeira, así, cando o fosen buscar os seus familiares, ben podían desenterrar os homes e mulleres que levou por diante! Que todas necesitamos repousar con dignidade! E se queres repousar no monte, que sexa por escolla, non por esquecemento!
Sen memoria non somos nada! Outro barco encallado nas costas galegas e seguimos sen protección! Como hai dezaseis anos. E as mulleres do rural que non poden ter as súas criaturas na aldea porque lle pechan os paritorios! Iso é o nunca visto! Como vai quedar xente no campo se nos botan de alí!! Como non vai haber escolas baleiras se non poden nacer as crianzas? E xa se sabe… un é de onde nace, non de onde pace! Aínda que o refrán diga o contrario! Refágoo eu e punto! Claro que as mulleres que viñeron despois ca min son bravas! Loitan polo seu e non se deixan amilanar! Dá gusto velas pedindo xustiza! Porque se unha moza nestes días non pode facer o que queira é inxusto! No meu tempo aínda, pero hoxe, unha nena, unha moza, unha muller ou unha anciá deberían andar tranquilas pola vida e orgullosas! Eu non, que non servía e ía coas vacas, pero as mulleres sempre levamos o mundo na cabeza e xa se nos podía respectar!
Deixo isto… que me entra un lume dende aquí abaixo ata aquí arriba… e non son dona de min
Seica estades contentas e contentos? Fostes votar e quedastes coronando? Pois vaia fantoche tedes de alcalde. Eu non, que pedín asilo na Pedreira. Aínda menos mal que nos quedan un agocho seguro! Que se parque acuático, que se beléns, que se licor café e veña risas!!! Medo dá que unha cabeciña como a súa leve as contas da cidade, e durante catro anos!!! Que si, que o tempo pasa voando… pero medo dá, ou? Iso si, xa temos biblioteca e moi ben acaída! Agora só falta o museo arqueolóxico e o balneario…
E a cultura? Á cultura quérena matar para que non pensemos! Falamos do belén da Alameda, pero non da falta de espazos para o teatro, a música, a reflexión, o debate… Menos mal que aquí en Agromadas saben ben iso de que a cultura hai que facela con cariño todos os días, gromo a gromo, para que non morra. Protexendo os gromiños novos da cultura da xeada das institucións. Coidándoa como un inxerto novo. Podándoa como unha árbore vella. Recolectando os froitos do traballo duro. Mágoa non haxa máis agromadas polo país! Mágoa que non agromen nas cabezas pensantes a idea da cultura como ben de interese! Como dicía o poeta que adoraba a chuvia, a cultura é de todos e todas! Nace na aldea e a ela ten que volver! Non conservamos a lingua na aldea? Non cantamos na aldea? Non sabemos ler nas nubes na aldea? Queremos cultura, porque ela mata a mentira! E aquí tedes quen a coida gromiño a gromiño…
Seixalbo si que está bonito! Iso saivos ben! Cando eu o deixei alá polo… que máis ten! Hai anos! Cando eu o deixei, había vacas, lamazais e casiñas vellas. Agora dá gloria pasealo, aínda que sen mirar moito para as anduriñas, non vaias tropezar nun deses coches que aparecen parados en calquera recuncho! Seica nas bodegas fixestes comedores, pois agora a amolarse! Podiades conservar o coche xunto co viño e comer arriba! Que bonito! Púxose de moda comer nas cortes! Outra cousa bonita: o teatro, e os foros!! Ver á rapazada e aos menos rapaces xuntos iso non ten prezo!
Dous bares, ben! Un ulturamarinos, ben! Unha panadaría, ben! Unha comisión de festas, ben! Fibra óptica, como non sei o que é, que será ciencia ficción… ben! Asociación de Veciñas e Veciños, ben! Con corenta anos e un mes de festa polo aniversario!!! Non, se para bailar e cantar sempre houbo tempo nesta vila!! Non hai demo ao que non lle guste o inferno! Un magosto, ben! Alfombras polo Corpus, ben! Un clube de lectura con bica e herbas, ben! Zumba, menos mal que mo explicaron, ben! Ioga, outra vaca no millo, ben! Excursións para ver mundo, ben! Pero… o kiosko? E o carril bici intermitente, e moitas raias pintadas de branco no medio da estrada. Serán para os helicópteros? Porque as beirarrúas seguen sendo ben cativas, iso ou queren que a veciñanza se poña a rexime para pasear do ganchete a dúas! Porque como queiran ir tres, un carro dun neno e un can… xa parecen máis unha procesión que un paseo! E o do carril bici… explicádeme: chegan coa bici ata a Santa Agueda e despois que fan? Porque baixar non poden baixar… Tamén poden collela ao lombo ata porteiro e volver subir… Iso é vicio! Case lles era mellor aos biciclistas andar aos cogomelos! E tiraban máis proveito!
E que lle pasou á fonte das Améndoas?? E a présa grande? Como pode ser que no lugar de ir a mellor, perdamos encanto!! Non se vos pode deixar encargado nada. Tiñades unha zona para presumir de praia fluvial e para encher nos veráns e que… nada! E por certo, eu, de vós, iría encargando unha chave, que nos están sitiando. Claro! Están tan de moda os muros, que Seixalbo non podía ser doutro xeito. Que xa ten reviravolta que para que veña o AVE haxa que cerrar o monte! Eu faría copia da chave do muro e non deixaría Seixalbo sen xente, que se saídes todas, igual non volvedes entrar!!!
Eu o que si boto de menos
son árbores… antes, no verán, non che caía o sol a cachón como agora. E toda a
estrada estaba harmoniada cos chíos dos paxaros. Baixabamos ao rianxo ou á
feira de Ourense sempre con sombra. Agora nin imaxino o que terá que ser andar
pola estrada en xullo ou agosto, sen sombra ou mesmo esperar o bus ás catro… E
como non plantamos unhas arboriñas? Que xa o Souto Bravo nin souto nin bravo,
que o coutaron por todas partes e nós sen sombra. Seica lle tedes medo aos
estorniños? Non lle fagades caso ao alcalde. Os estorniños son bos. Cagan, pero
tamén vós! E avisan que saen en bandada
ás horas dos mosquitos: pola mañanciña e polo serán. O estorniño voa en compaña
e fai formas de paxaros grandes. Dá xenio velos! Unidos e compenetrados
cruzando o ceo! Se estiveramos nós así, outro galo nos cantaría!
UI!! Que tarde se fixo! Hai que ir rematando, que xa a inocentanda foi grande. E vós ben sei polo que estades aquí: por min? Non. Polo parrafeo? Non! Polas viandas e o viño! Que xa se vos ve a cara de lapotes!
Quedemos co bo e miremos para o 20 con ilusión, con traballo e con ansia! Celebremos os e as que veñan! Levemos nos nosos corazóns aos que xa non están! Aprendamos do pasado para que os erros non se volvan repetir e fagamos do pequeno unha cousa grande!! Como Agromadas, que xa se coñece pola terra adiante!
Sacudide o romeu e repetide comigo:
Xebriña, xebra, xebra,
xebra!!!
Arreda de nós todas as tebras!!!
Seixalbo, craro río, verde
val! Que nos dure a auga das fontes e dos regatos, que é unha alegría
escoitalas cantar cando pasan entre as pedras! Que nos dure a ledicia de estar
xuntas, de compartir un pemento, un viño e un saúdo! Que a estrela Rosalía mire
tamén por nós, galegas e galegos que levamos, como ela, unha estrela na fronte!
Que recibamos o ano apertando un carballo, que nos dan tanto e nós non os
coidamos nadiña! Que as hortas e as searas agromen con forza! Que as maceiras e
froiteiras nos dean zume de vida! Feliz ano e feliz inocentada!! Que facedes
movendo o romeu? Que era brincadeira! A vós danvos unha mosca e xa pensades que
podedes voar? Veña! A cantar e a papar!!
Vila de Seixalbo.- Nadal
2019