Volume 11 Número 3 Ano 2010
Autor:Amelia González Iglesias
O ser humano
Autor: Amelia González Iglesias
Galego
Con frecuencia ocorren feitos que fan reflexionar sobre a condición humana: tan imprevisible, tan incontrolable, tan contraditoria, tan extraordinaria, tan capaz, tan domesticable, tan mezquina… Os humanos somos capaces de sentir amor, paixón, tenrura, solidariedade, pena… e á vez, cometer verdadeiras atrocidades que contradín estes e outros sentimentos.
Hai actitudes colectivas de todo tipo, positivas e negativas. Pero o que me impresiona moi especialmente é o comportamento individual.
Que complexos somos!
Incomprensible parece que existan violacións de todo tipo protagonizadas por persoas ás que se lle supoñen bos sentimentos e que en moitas ocasións, non parecen sospeitosas. O maior inimigo dos humanos son os propios humanos.
Fai pouco oín unha frase que vou permitirme facela miña: “Crecer é unha soidade crónica”. Creo que cada quen marca e dirixe a súa propia vida, aínda que sexa loitando coas influencias. O xerme dos defectos e virtudes do ser humano son comúns. Todos temos medos, temos sentimentos racistas, sentimos celos, somos egoístas... Ninguén é tan, tan perfecto, nin tan, tan ruín.
Custa asumir a propia responsabilidade, sempre buscamos xustificación ós nosos actos. É duro asumir a culpa. Pero cada persoa dirixe a súa conduta, segundo a escala de valores que vai forxando ó longo da vida, incluso a pesares das circunstancias que o rodean e debe asumir as consecuencias.
Nas mans de cada quen está facer esta sociedade máis ilusionada, máis relaxada, máis feliz, máis humana...
En cada un de nós está a esperanza.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net