Como sabedes, dende hai un tempo, pertenzo ao grupo de
Vellos
Amigos que hai moitos anos fundou Manuel de Dios, ilustre ourensán que
no seu día dirixiu a coral de Ruada á que lle imprimiu unha
personalidade musical e interpretativa que aínda hoxe dura. Pois ben,
resulta que nun dos ensaios semanais apareceu a cantiga titulada A
Noite, baseada na música da película
“Los Chicos del coro”.Esta
cinta francesa que no seu día avivou en min o retrato daquela escola
fría, triste e autoritaria onde con paus e monsergas aprendín as
cantigas que lembraban ao imperio e onde, sen decatarme, deixei de ser
neno, é a melodía que vos presento. Si aquela escola rural mal
equipada, ideoloxizada, manipulada e monopolizada, onde os mestres
castigaban coa vara sen reprimirse e que agora lembro con certa tristura
foi algo que eu vin retratado na película. ¿Cantas historias tería para
contar? ¿Cantas letanías e aventuras para retratar a vida dun neno do
rural? En fin... Cantas cousas por dicir. Pois ben, a partitura que vos
presento foi froito dun arranxo para guitarra que espero sirva para
traer á memoria unha daquelas fermosas melodías que escoitei na
película.
Outra vez a música como fío condutor para lembrar o pasado e reflexionar
sobre o modelo de educación e maxinar o futuro. Como trato de ser
positivo, aínda que ás veces non o consigo, quero pensar que este
arranxo pode aportar algo. Eu fíxeno coa mellor das intencións. Por iso
espero que vos guste.
Unha aperta.
Manuel Herminio Iglesias