Non
pretendo culpar nin censurar a maneira de divertirse dunha parte importante da
xuventude actual. Persoalmente non a comparto. E darei dous
argumentos para elo.
O
primeiro é que para divertirse non vale todo. Sempre hai límites que non se
poden sobrepasar. Pois, ao buscar soamente a diversión pola
diversión xogando cos experimentos para probar novas sensacións sen
saber cara onde te levan, poden aparecer consecuencias imprevisibles que
afecten a terceiros que, sen ser partícipes ou por ser meros espectadores,
sufran as consecuencias dos excesos doutros que naquel intre transgriden
todo ou andan flotando inconscientes sen saber o que fan.
O
segundo, está referido a creación de ídolos e iconas que son hoxe modelo dunha
xuventude preparada nas cuestións técnicas, pero un tanto pobre na
valoración das capacidades artísticas e que camiña un tanto despistada ou
carente de normas éticas e incluso morais. E que, “endiosando” a
calidade dos seus ídolos, coa crenza de que estes os levan a paraísos momentáneos
onde todo é diferente e sumamente fermoso, actúan como masas manipuladas
que danzan ao son do decibelio festivo ate que soltan toda a adrenalina
acumulada nunha sociedade na que lle faltan obxectivos, ideais e metas polas
que traballar.
A
xuventude é basicamente o froito da vida familiar, da educación e en
consecuencia dos problemas que ten a sociedade na que vive. Pero á vista
de quen foi mozo anos atrás, as formas, os medios e as modas vixentes
sobre a maneira de pasar o tempo asistindo á “macrofestas” e
botellóns poñen de manifesto que a manipulación das masas, nunha sociedade como
a nosa, é algo real que se pode comprobar.
A
época da mocidade é consubstancial co nacemento da rebeldía contra toda norma;
é o tempo de querer ser autónomo sen ser manipulado. Pero tamén é a época na
que, inconscientemente, se é máis manipulable.
Non
oculto que eu son da xeración dos “guateques” e das festas dos
arredores de Ourense que tiñan a súa máxima expresión de asistencia nas
verbenas do Xardín do Posío. E que tamén daquela todos queríamos estar
presentes nos concertos das estrelas do momento. Pero aquelas “macrofestas” sen
botellón, si así se podían chamar, eran nun recinto aberto no que
sobraban portas e no que non se enlouquecía berrando e bailando como malditos.
As imaxes mostradas nos medios de comunicación sobre a maneira de divertirse
actuais son unha boa mostra.
Por
iso, o caso acontecido no recinto madrileño pon aos descuberto que a
valoración do risco por parte de todos e sobre todo das administracións
públicas, a diversión sen límites e o afán desmesurado de empresarios que
soamente buscan beneficios económicos, son elementos que aliándose crean a
traxedia e traen a morte.
Sei
que é sumamente difícil facerlle comprender a un adolescente ou a moitos mozos
que en todos estes asuntos hai que aplicar o sentidiño. Pois, non é a
primeira vez que as consecuencias tráxicas páganas os que xa non lles
interesaba o espectáculo e saían. Pero así son as cousas da vida.
Non
pretendo censurar a maneira de divertirse, pero non podo compartila. O triste é
que todos temos algo de culpa neste asunto.