Volume 12 nº 1 Ano 2012
Autor:Marga Seara Pazo
Novas achegas sobre a microtoponimia de Seixalbo
Autor: Marga Seara Pazo
Galego

Despois da publicación do traballo Seixalbo e os seus nomes de lugar foron aparecendo nos documentos novos datos que aportan luces a algúns nomes da toponimia de Seixalbo; tamén seguimos lendo sobre o tema, no que, dito sexa antes de nada, non somos máis que afeccionados.

Adiantábamos, de xeito máis que nada intuitivo, que resultaba evidente a relación do microtopónimo Riazón co latín riuus; grazas á obra de E. Bascuas Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, podemos agora afondar algo máis neste nome de lugar, que, por certo, non é exclusivo da nosa parroquia. Riazón: provén do “diminutivo romance *Riuaceollum o Riuatiollum, del latín riuus, río”, co paso a Riazolo e Riazoo que daría un Riazó regular podendo aparecer tamén escrito coma Riaçoo; a variante Riazón, presente en Santiso e Seixalbo, pódese explicar por una pronuncia nasalizada  que termina por callar en Riazón, con -n.  Non se trata, polo tanto, dun aumentativo, como podería pensarse a primeira vista, senón dun diminutivo, como no caso de Seixalbo onde Riazón é o nome dun regato e das terras por el bañadas que desemboca no Barbaña, afluente do Miño. Nos documentos diante del atopamos con moita frecuencia o substantivo “regato”, o que é en si mesmo unha tautoloxía, pois é o mesmo que dicir “o regato de regato”, feito bastante frecuente en toponimia explicable cando os falantes deixan de comprender o significado antigo, como no caso do río Guadalquivir, ou da ponte de Alcántara.

Outro topónimo que é preciso revisar é “Lanza Carreira”. O dito popular dinos que estas terras se chaman así porque unha vez que os penitentes eran levados á Picota (lugar próximo a Lanza Carreira) e alí azoutados, lanzábanse á carreira, por aquilo de que non os volvesen coller e de aí o de “Lanza a Carreira e Lanza Carreira” para abreviar. Pero revisando un tomo sobre a Tenencia de Seixalbo puidemos ler como nos transcriben un documento de 1435 “una viña donde llaman la Seara de Lenza Carreira”; na reseña doutro de 1495 lemos de novo “Lenza Carreira” e, finalmente noutro de 1563 lemos “Alende da Carreira” (ACOU. Tenencias. Seixalbo). Cremos, polo tanto que hai que pensar nun “Alén da Carreira”, máis alá do camiño, ao outro lado da carreira. Non ten sentido pensar nunha Alenza, topónimo bastante frecuente en Galicia e que algúns relacionan cos regueiros, porque entón debería ir diante o substantivo Carreira: o feito de que apareza Carreira en segundo lugar fainos pensar nun “alén” con perda a a- que pasa a identificarse co artigo: alén da carreira>a len da carreira; un pouco de imaxinación, e ao facerse o topónimo escuro teríamos o definitivo: A Lanza Carreira.

A deturpación de topónimos escuros é unha constante na nosa toponimia, e iso fixeron os nosos avós cando transformaron Bouzón en Gouzón, Castro Foxo en Castro Floxo, porén, son as formas que se recollen en documentación antiga sen excepción.

Respecto a Amendo, relativamente frecuente, procede de *Amon- raíz que significa auga, río, máis o sufixo -etum, significando lugar onde hai auga. A evolución sería*amon-etum >amenetum>amedo e amendo, segundo perda ou non a nasal. Queda pois, descartado A (herdade de) Mendo. En Seixalbo atopamos nun documento foral de 1236 “Amenedo”. En 1405 varios documentos dannos a forma Amedo; parece que nesa época da nosa historia non era o único lugar chamado Amedo, pois nun apeo de 1563 temos Amedo dos Sotos, suponse que para diferencialo doutro Amedo, forma que debeu alternar coa de Amendo, sendo esta última a que triunfou.

Fontecada é tamén un nome frecuente en Galica que pode agochar unha fonte canada en moitos casos, pero non cremos que serva para Seixalbo, pois atopamos documentación de 1459 na que se menciona unha cortiña en Fontearcada (ACOU. Tenencias. Seixalbo p. 292) e noutro documento de 1431 fálanos da congostra que vai para Fonte Crada, forma na que aínda se conservaba o –r-. Agora ben, non sabemos exactamente onde quedaba esa fonte arcada que deu lugar a unha ampla extensión de terras.

Falabamos tamén de Fonte de Mouro e de como, no noso parecer non ten nada que ver cos mouros pois non quedou tradición oral de ningunha lenda como adoita suceder cos lugares onde houbo algún vestixio megalítico ou castrexo. Pensamos que Fonte de Mouro é a fonte de/do penedo, pois mur/maur é unha antiga raíz que significaba penedo. Curiosamente, lemos nun documento de 1341 que nesa época había un topónimo, hoxe perdido, próximo a Peilón chamado souto dos mures, o que é o mesmo que dicir souto dos penedos. Pensamos tamén que o lugar da parroquia chamado hoxe Cruxeiras debeu significar para aqueles que así lle comezaron a chamar algo así como “onde hai moitos penedos”, pois a raíz cor-/corn- viña sendo penedo.

Temos un lugar en Seixalbo chamado Peilón, que nos parece rastrexar nun Payrón e nun Peixón, probablemente chamado así polo seu posuidor, pero faltan datos.

En Beade teñen un río que se chama A Barbaña. Sempre me chamou a atención que levara o xénero feminino, como en francés, e ao contrario do noso maltratado Barbaña. Pero, o baile de xéneros debeu ser xeneralizado, porque en1393 cítase o noso río como a Barbaña,ou así o copiaron séculos máis tarde, porque tamén hai que contar coas malas lecturas e transcricións.

Un topónimo que nos trae a mal traer é o que hoxe a xente pronuncia algo así como Saldrusxaos. As formas de 1438 Saloruxao, 1563 Salduxao non acaban de aclarar gran cousa, polo menos a nós. O mesmo nos sucede con Montoscos, existente en Italia; a variante que atopamos para este lugar noutrora poboada de casas aparece nun documento de 1255 que di: “do Dominico Petri capellano quondam filio Petri Pelagii de Montoousgos duas leyras uinearum...” Na restante documentación que pasou polas nosas mans figura sempre coma Montoscos.

Finalmente, e volvendo ás lendas, dísenos que o cruceiro da Praza estaba antes na Picota, e que foron os veciños os que por propia vontade o trasladaron á Praza Maior. Xa nun documento foral do século XIII se menciona un “iuxta crucem” que se sitúa precisamente no alto da Picota, pero que interpretamos coma a cruz/ o cruce dos camiños. En documentación que referencia documentos forais de1495 lemos “foro en la fuente y cuz da Verea” e “Fuente da Verea y Cruz da Verea”. Supomos que segue a referirse a un cruce de camiños; pode que co paso do tempo os seixalbeses deixaron de referirse aos cruces como a cruz e de aí pode xurdir a lenda da existencia dunha cruz de pedra nese lugar. Desde logo, non podería tratarse do cruceiro da Praza Maior, sobre todo se arrincamos do documento do XIII, data anterior á da cruz de pedra situada na Praza e estudada por Castelao. Por certo, a Praza Maior de Seixalbo foi durante séculos “a Aira Vella”.

Coma sempre, e con toda humildade, deixamos aberto o debate para aqueles que posúan máis coñecementos e datos, pero sen perder de vista que para un estudo serio da toponimia, ademais de partir da documentación e saber algo de lingüística, cómpre un estudo sobre o terreo.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net