Segundo unha enquisa sobre os problemas actuais da nosa sociedade, a primeira preocupación é a do paro seguido da crise económica que soportamos dende hai varios anos. E como síntoma destes graves asuntos aparece a desafección política de sectores moi importantes de cidadáns que, facendo táboa rasa, renegan do sistema que temos lanzando proclamas nas que culpan a todos os representantes, tanto do goberno como da oposición de todos os males que acontecen nesta sociedade. Ben sei que, en grande parte, teñen razón; pois na política actual prima por riba do interese colectivo as promesas incumpridas e o engano para tratar de acadar o voto a calquera prezo. Desta maneira quedan relegados os valores nobres da acción política, e esta pasa a ser un xogo de trileiros.
Non serei eu quen negue que, cando tentas na rúa falar de posibles solucións ós temas que nos afectan como sociedade, axiña aparece a voz dos máis afectados directamente para amosar o seu desacordo con todo aquelo que teña relación con esta actividade. Desta maneira afloran as descualificacións xerais e os exabruptos contra aquelas persoas que traballan denodadamente dende a base polos ideais máis nobres da defensa dos intereses colectivos.
A democracia permite que todos opinemos libremente do que sabemos e do que descoñecemos; permite que nos expresemos libremente mediante o voto, premiando, castigando, ou si iso non nos vale, creando a nosa forza política para baternos nun proceso electoral cos grupos políticos consolidados aos que tanto criticamos e que nos consideramos precarios, deficientes, enganosos mesmo inútiles.
Pero o que máis desmotiva á sociedade no seu conxunto, son as posturas destrutivas que só ven corrupción, ladróns, e nada aportan ao conxunto da cidadanía. E cando digo isto penso en moitos rapaces e rapazas, que cando lle pretendes dar on folleto, torcen a cara ou te miran con desprezo como si ti foras o culpable dos seus problemas ou foras un bicho raro. Percíbente como un elemento perigoso e ate che contestan: yo paso de la política. Son consciente de que a sociedade actual ten unha inmensa bolsa de parados nas idades mozas, pero iso non pode ser o único motivo para tal postura. Pois, nos anos sesenta, cando nada tíñamos, traballamos en condicións moi precarias e tamén se emigraba en condicións moi deficientes cara todas as partes do mundo. Pero todos, mozos e maiores buscabamos a vida e máis tarde loitamos por un réxime como o que agora temos.
Con todo iso, o que máis me desvela, é a postura de renuncia á implicarse nos problemas sociais para, se non valen as actuais estruturas políticas, loitar por modificalas ou crear outras mellores que poñan ilusión onde non a hai. Pois, por moito que nos esforcemos en arredarnos da política, a sociedade sen política non se pode gobernar.
Son consciente de que clase política ten que dar exemplo; ten que optar por unha nova ética da que hoxe carece; que hai que modificar as estruturas do Estado; eliminar organismos como as deputacións, níos dun caciquismo endémico; que hai que eliminar ou darlle unha función distinta ao Senado; Que deputados e senadores teñen que ter unha racionalización do seu salario, que hai que eliminar os seus privilexios; de que hai que controlar o gasto público e obrigar a que a banca nos fale nunha linguaxe que se entenda para que non aparezan outras preferentes; que os órganos do Estado fiscalizadores da banca teñen que actuar e non mirar para outro lado para evitar ladroízos como os das xubilacións dos directivos; e unha longa ringleira máis reivindicacións. Pero con todo o dito a democracia danos moitas posibilidades de vivir na sociedade máis próxima a que todos queremos.
Europa está pasando nunha crise moi importante, e nesta terra camiñamos cara un deserto demográfico do que será moi difícil saír nun tempo; camiñamos no medio de moito sufrimento de familias en paro. Pero, seguindo o camiño da desafección política, non imos a ningures. Si a caso camiñamos na procura dun caudillo como o que xa tivemos durante a ditadura franquista, cuestión que a maioría dos mozos descoñecen e moitos maiores esquecen.