Volume 9 Número 1 Ano 2008
Autor:Amelia González Iglesias
O ENTROIDO
Autor: Amelia González Iglesias
Galego
Chega o Entroido. É unha obriga unirse á troula, por convencemento ou por contaxio. Esquécense as penas e unidos polas gañas de pasalo ben, celébrase esta festa entrañable, con tanta tradición no noso pobo, en torno aos personaxes de Nicanor e Paquita.

O 27 de xaneiro, Domingo Oleiro, prodúcese o despegue dun globo aerostático anunciando o Entroido de Seixalbo, acontecemento que concentra ós veciños no Campo da Infesta, que miran ó ceo seguindo o rastro desa bola xigante sen rumbo fixo.

De seguido, na Praza Maior, ten lugar o xogo das olas con participantes de tódalas idades, sexo e condición, que con coraxe e valentía tiran e recollen as olas que antes ou despois, rematan en anacos no chan.

A xente, animadísima, entre os que figuraban representantes da política municipal ourensá, no goberno e na oposición, acompañan a Paquita e Nicanor dende a casa de Paco e Mari, veciños que os acolleron durante o ano pasado, ata a Praza Maior, percorrido que fixeron ó compás da charanga.

A singular parella, rodeada de música e baile contempla a festa que se prolonga ata ben entrada a noite. E logo ó balcón de Pura e Jaime, o seu trono durante os días da festa.

O Martes de Carnaval é o día grande. As rúas de Seixalbo engalánanse de cor, música e movemento. Catro comparsas ben numerosas, movilizan o pobo. Primeiro o desfile: lucimento de disfraces polas rúas, baixo as miradas de veciños e visitantes entre os que se encontraban, outra vez, autoridades municipais que nos honraron coa súa presenza.

Despois, as diferentes interpretacións con coplas críticas e burlonas das que non se salva ninguén; adultos que se comportan como nenos e bailaríns que fan a ledicia do público.

Segue a tarde con baile a rachar, cos corpos borrachos de festa. Ó final do día, cumprindo o ritual, Paquita e Nicanor percorren en procesión festiva, por última vez este ano, as rúas do pobo.

Ó remate, espidos dos seus vestidos, xoias e complementos, baixo a triste mirada dos presentes, chega o fatal momento: a queima dos seus corpos.

As cabezas de Paquita e Nicanor son recollidas por José Alberto e Rebeca que hospedarán a parella durante o ano e polo que, segundo a tradición, terán como recompensa a súa fecundación. Quen sabe! Quizás o ano que vén nesta casa haxa algún máis.

Remata o Entroido de Seixalbo co Enterro da Sardiña que se celebrou o mércores de cinza, na escuridade da noite, entre roupas negras e cantos de rigor. E como broche final unha sardiñada no Campo da Infesta.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net