Umbelina recordaba o cadáver dun home traxeado, que ela observaba con ollos de nena, entre as pernas dos adultos curiosos que rodeaban ó finado.
Correspondía ó dun home buscado polo seu fillo. Emprendera unha viaxe sen retorno, acompañado e gardado polo criado, de orixe galego, con intención de comprar trebellos de labranza, e que o conduciu á casa da familia Marracu.
Durante a cea, mentres unha das fillas lle serve leite, a outra dálle un golpe na testa. Arrastran o corpo ata unha mina de auga a poucos metros da casa, onde é descuberto máis tarde e contemplado por Umbelina.
Deteñen e meten no cárcere ó criado como principal sospeitoso do crime, que unha vez preso, comenta en voz alta : “Eu son o que pago e eles vanse cos cartos”.
Estes comentarios dan pé ás autoridades para descubrir a autoría dos Marracu, que son detidos cando tomaban rumbo á Arxentina.
Inocente federal
si no vinieras a Orense y
por tu hijo te guiaras
no llevaras esa muerte.
Para meterlo en la mina
arrastrado lo llevaron…
Coplas de cego coma estas dan fe dos feitos e da transcendencia que tivo este crime cometido hai cen anos e que marcou ós veciños do lugar.
Unha tarde de conversas cos meus tíos, xurdiu o tema e Alejandra transmitiume esta información, que ela recibiu da súa nai Umbelina. Foi así como se espertou en min o morbo, que na miña nenez, levantaba a casa sita na Finca dos Santos, da que foron desaparecendo co paso do tempo, os muros cubertos de maleza e derribo das pedras.