Volume 1 Número 1 Ano 2004
Autor:Mª Elena González Iglesias
VELLOS REMEDIOS.- AS SANGRÍAS E AS SAMBESUGAS
Autor: Mª Elena González Iglesias
Galego
Ata o Século XX, non houbo grandes avances no tratamiento das enfermidades (a insulina ou os antibióticos, por citar só dous exemplos, descobríronse nese século) e durante centos de anos usáronse os mesmos remedios para loitar contra elas. Si é certo que houbo tempos nos que uns remedios foron mais utilizados ca outros, pero isto respondía, sobre todo, ó antoxo dalgúns médicos de fama e ó efecto das modas. Esta práctica fíxolle escribir a Voltaire "Os Médicos verten mediciñas que coñecen pouco, para curar doenzas que coñecen menos, dentro de humanos dos que non saben nada". Pero houbo remedios que sempre estiveron en uso e que tiveron moitas aplicacións, cecais pola capacidade que se lles supoñía de arrastrar con eles o mal do corpo. Estes remedios foron as sangraduras, os vomitivos, os purgantes e as lavativas. Moitos deles úsanse hoxe, ainda que para uns fins moi concretos pero ata os anos corenta do século pasado foron recursos dos que se votou man, para atallar moitos males. Deles teñen un interese especial as sangraduras (extraccións de sangue) que se facían con fins derivativos para reducir a conxestión e a inflamación ou con fins depurativos para eliminar substancias tóxicas do organismo. Esta práctica estivo moi extendida nos séculos XVII, XVIII e XIX; houbo médicos que as empregaban contra casi toda-las enfermidades e que chegaron a facelo en exceso provocando males moito máis graves. Podíase saca-lo sangue facendo unha sangría, ou facendo escarificacións ou poñendo sambesugas polo corpo. Era o médico o que prescribía unha ou outra técnica e tamén a cantidade de sangue que se debía sacar e, según os sitios e as épocas, foi o propio médico, o sangrador, o barbeiro, o cirurxán, o enfermeiro, o practicante ou a enfermeira o encargado de aplicar o tratamento.

A sangría (sacar o sangue a través dunha vea -ou as veces dunha arteria- do pescozo, brazo ou do pe) fíxose durante séculos según a técnica que se recolle na imaxe (Ilustración 1). Na terceira edición do "Tratado completo de Medicina Práctica" do doutor Hufeland cítanse algunhas das suas aplicacións:

· Nos primeiros meses de embarazo para previr e combatir a maioría dos males que poideran xurdir e que se lle apoñían ó sangue retido no corpo . Cando a muller tiña algún tipo de dor (de cabeza, de moas, de ventre, de lombo...) ou vómitos, mareos, debilidade, ameaza de aborto... receitábase unha sangría.

· Se a muller era de constitución forte ou, cando menos, tiña boa saúde tamén se aconsellaba prescribir unha sangría no último mes do embarazo para facilita-lo parto .

· Era común facer sangrías ós enfermos antes dunha operación importante para reducir a sensación de dor , a "conmoción moral" e a aparición de hemorraxias durante ou despois da cirurxía e tamén para previr a infección da ferida.

· Ás mulleres tamén se lles prescribía sangrías durante un ou máis anos despois da menopausa para previr e tratar moitos males dos que se culpaba á interrupción das regras (gota, cancro, exantemas, úlceras, conxestión cerebral, metrorraxias ou calquer outro tipo de hemorraxia...).

· Ós enfermos de tisis inflamatoria ou florida (xeralmente eran pacientes tuberculosos) tamén se lles receitaba sangrías que podían ser hasta de un cuarto de litro cada dous ou tres meses. A finalidade era reducir a conxestión pulmonar e previr ou combatir as hemoptise .

· Ás persoas nas que se sospeitaba tendencia a apoplexía soíaselle practicar unha sangría en novembro (cando empezaban os fríos) e no mes de maio ou xuño (cos primeiros calores).

· Outros casos nos que se practicaban sangrías eran os seguintes: nas hemorraxias internas (coa intención de desviar a saída do sangue dun órgano importante coma o pulmón a unha vea do brazo, por exemplo), nas conmocións por caídas ou golpes (para paliar a dilatación dos vasos internos e os derrames de sangue dentro ou fora do tecido celular).

· Un caso especial é o das persoas que sufrían algún tipo de deformidade ou defecto físico importante. Pénsabase que nestas persoas o sangue encontraba obstáculos mecánicos que lle impedían circular libremente polo organismo e que, polo tanto, tiñan moito risco de padecer plétora (exceso de sangue nesas zonas) polo efecto da sua deformidade. Por este motivo aconsellábanse sangrías ós corcobados, ós ananos... e tamén ós que lles faltaba un brazo ou unha perna.

Cando o que se pretendía era conseguir un efecto soio a nivel local e ademáis non facía falla sacar moito sangue, recurríase as sambesugas, as escarificacións e as ventosas escarificadas (Ilustración 2). As sambesugas (Ilustración 3) son vermes anélidos que teñen a propiedade de chupa-lo sangue dos animais vertebrados e que se crían en augas doces (de estanques, lagoas ou regatos). Ainda que hai moitas variedades usábanse soio tres tipos: a sambesuga gris ou medicinal (Hirudo Medicinalis), a verde ou oficinal e a sambesuga dragón. Non só chupan o sangue, tamén segregan coa saliva un anticoagulante (a hirudina) que fai que a pequena ferida que produce ó morder, siga sangrando despois de desprenderse a sambesuga. Cada sambesuga podíase usar unha soa vez (polo risco de trasmitir enfermidades dun enfermo a outro). Aplicábanse nunha ou otra zona do corpo dependendo do mal que se fora a tratar: nas enxivas cando doían as moas, no caso de conxestión cerebral prescribíanse duas ou tres sambesugas detrás das orellas , no caso das almorrás aplicábanse na propia almorrá. Outras zonas moi frecuentes eran os bordes do nariz, o cocote, os bordes do ano e case todas as mucosas.

O uso das sambesugas chegou a estar tan extendido nos séculos XVIII e XIX que supoñían un dos principais gastos dos hospitais e incluso chegaron a escasear en certos países coma Francia que tivo que recorrer á importación para o seu abastecemento. Vendíanse nas farmacias coma un remedio máis e foron un moi bo negocio para os seus criadores. As escarificacións eran outro tipo de sangría local; consistían en pequenas feridas na pel e tecido celular subcutáneo que se facían xeralmente cun bisturí, cunha lanceta ou cun escarificador (aparello creado para este fin). Cando se quería conseguir unha maior saída de sangue poñíanse por riba delas ventosas que, co seu poder de absorción, facían sangrar máis as feridas provocadas na pel. As escarificacións e as ventosas escarificadas soíanse aplicar nas costas, na rabadilla, na barriga, nos brazos e nas pernas. Tiñan case os mesmos usos cas sambesugas pero eran moi dolorosas polo que non foi un recurso tan utilizado, excepto en épocas de escasez de sambesugas ou cando non había cartos para pagalas.

Nos séculos pasados a Mediciña era máis un Arte ca unha Ciencia e houbo médicos que se deixaban levar polas modas ou polo seu instinto. Receitaban todo tipo de remedios cada un máis agresivo e non era raro que se lle receitara purgantes ou lavativas a doentes ós que tamén se lles facía sangrías. O doutor Josef Gazola (1661-1715) deixaba escrito na sua obra póstuma "El Mundo engañado por los falsos médicos" que os Galenistas que abusan dos purgantes tamén abusan das sangrías e di que "a sangría é unha especie de homicidio" e que non fai falla para curar as enfermidades. Das escarificacións e das ventosas di que son unha cruel invención coas que "cada día martirizan ós pobres doentes e, si o mal non abonda para mortificalos, fano elas". Termina o libro lembrándolle os lectores que "o Récipe máis seguro e os antídotos máis favorables en calquer enfermidade curable son a dieta, a quietude, o tempo e a tolerancia

Nota: Neste artigo faltan anotacións a pé páxina que son moi importantes para o lector e que dun xeito dan sentido ó mesmo; polo tanto, recomendamos que descargue o arquivo orixinal desde aquí.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net