En Galicia o século XIX foi unha etapa marcada pola lenta agonía do Antigo Réxime (foros, fidalguía e rendas, mantivéronse no tempo), coa permanencia dunha agricultura tradicional e o atraso na chegada do ferrocarril, o comercio e a industria. Isto contrastou coa creación das provincias, os municipios, as deputacións... Era a loita entre a súa realidade histórica e os cambios políticos de corte liberal que se ían producindo a nivel estatal.
A Guerra da Independencia (1809) e as tres Guerras Carlistas (1833-40, 1847-48 e 1872-75), as malas colleitas de mediados e finais do século, e a derrota de Cuba tamén a finais do século, deixaron só uns poucos anos de relativa tranquilidade económica e civil.
As malas condicións da vida na Galicia do interior propiciaron a aparición dun fenómeno que xa non pararía: a emigración. Os destinos elexidos eran: Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela... (países de Centro e Suramérica).
A poboación de Galicia medrou moito ata 1850, pero despois estancouse ó aparecer o fenómeno da emigración (en 1787 representaba o 13,5% da poboación española e en 1860 xa baixara ó 11,47%) e deu paso a un progresivo avellentamento da poboación.
A pesares diso a cidade de Ourense medrou. En 1857 tiña 6.872 habitantes (369.136 na provincia), en 1877 eran 12.206 ha. e en1891 chegaba a 14.168 habitantes.
Aínda que a cidade viviu grandes transformacións urbanas, económicas e sociais, todas foron chegando con retraso e moitas delas xa en vésperas do século XX. En 1830 Ourense tiña pouco máis de cinco centas casas amoreadas, a maioría delas feitas de palla-barro e mal aliñadas. Os vellos costumes estaban tan arraigados que custaba traballo cambialos: loitar contraa falta de salubridade era moi complexo.
Foi no ano 1887 cando se inaugurou a traída de augas dende o río Loña que abastecería a cidade; antes os veciños abastecíanse nas fontes que había pola cidade e de pozos artesanais construídos nas hortas ou nos baixos das casas e que frecuentemente estaban contaminados.
Non había alumado nas rúas e a maioría delas tampouco estaban pavimentadas, non había sumidoiros, só algunhas conduccións coas cañerías rotas e que non eran reparadas en anos.
Non existía recollida de lixo; cando había unha epidemia as autoridades obrigaban os habitantes a recoller os animais que pululaban libremente polas rúas e prohibíaselles tirar o lixo a vía pública e ós regatos... Normalmente tiraban as augas sucias e as inmundicias á rúa e tamén no cemiterio de Santa María a Maior (durante séculos converteuse nun dos vertedeiros do lixo da cidade) e os animais domésticos (porcos, galiñas) andaban soltos pola vía pública.
Na primeira metade do século aínda se expoñían os cadáveres dos axustizados na Praza Maior e deixábanse dous días a intemperie, baixo os efectos do calor, da choiva e dos insectos.
Ata os anos trinta houbo tres cemiterios na cidade, un no atrio da Igrexa da Trinidade, outro no atrio da Igrexa de Santa María Nai e o terceiro na parte traseira do Hospital de San Roque. O nove de maio de 1834 inaugurarouse o cemiterio de San Francisco, nas aforas da cidade e clausuráronse os outros tres, seguindo o costume dese século de derrubar as murallas e a construcción de cemiterios fora das poboacións.
En 1837 había unha escola pública mixta que tiña uns cen alumnos; poucas máis abriron despois. A escolarización non era obrigatoria e a maioría da poboación era analfabeta (sobre todo as mulleres). O catro de decembro de 1841 abriuse a Escola Normal e por eses anos tamén o Instituto.
Non había un mercado, os postos instalábanse certos días nas prazas e nos parques. A Praza de Abastos construíuse nos anos oitenta dese mesmo século; ata entón a venda era ambulante e os vendedores poñíanse nas esquinas ou ían polas casas, sen cumprir as máis elementais normas de hixiene.
O primeiro alumado público eléctrico chegou no ano 1895 e as vías de comunicación modernizáronse tarde e lentamente. O Plan de Desenrolo para Galicia realizado en 1832 pola Real Xunta de Comercio de A Coruña, falaba do mal estado dos camiños da rexión e dicía que estaba “en casi peor estado que cuando llegaron los romanos a estas tierras. No existe otra forma de transporte más que con mulas y bestias. La sal y el tabaco son carísimos por este motivo dando lugar al contrabando con Portugal”. Só a finais do século XIX coa chegada do ferrocarril (en 1881 abríuse a Liña Vigo-Ourense) e coa apertura da estrada de Villacastín a Vigo, facilitouse o asentamento dos comerciantes que ata entón eran ambulantes.
A sanidade tampocouco era boa e tiña poucos recursos. Había un único hospital que atendía a pobres e militares, o Hospital de San Roque, fundado no século XVI e que durante o XIX sofriu unha grande penuria económica: as estancias dos militares pagábanse tarde e mal, as partidas para o seu mantemento escaseaban e a cotío os seus administradores tiñan que escribir ás autoridades suplicando axudas para alimentar os enfermos, comprar sambesugas e outros remedios, pagar os xornais dos escasos empregados ou para reparar o edificio que estaba en ruínas.
As grandes transformacións sociais e económicas de finais do século XVIII e da primeira metade do XIX, motivaran unha diminución das rendas destinadas ós hospitais. A antiga concepción da caridade como medio de asistencia social, deu paso á de beneficencia pública e naceron as Xuntas de Beneficencia provinciais. No ano 1841 fíxose cargo do Hospital de San Roque a Xunta Municipal de Beneficencia e en 1843, converteuno en Hospital Provincial. Pouco despois, en 1856, trasladouno a outro edificio máis grande, na Praza das Mercedes, onde tamén quedou a Inclusa. No vello edificio instalouse primeiro a Deputación Provincial; despois fórono ocupando o Hospicio, a Escola Normal, a Cociña Económica, a Comisión Mixta de Reclutamento, o Círculo Católico de Obreiros...
O hospital só tiña capacidade para uns 150 enfermos e facíase pequeno cada vez que había unha epidemia (algo frecuente durante case todo o século). Neses casos, habilitábanse hospitais provisionais en casas particulares ou públicas (na segunda metade do século, xeralmente levábanse ó Cuartel de San Francisco, desprazando ós soldados ó Seminario Conciliar).
A inclusa existía dende o século XVI, anexa o Hospital de San Roque. Alí dábase asilo os nenos e nenas ata os 7 anos. Cando cumprían esa idade as nenas pasaban o Colexio das Mercedes, onde recibían educación e acubillo ata a idade adulta. Os nenos debían abandonar a inclusa e buscarse o sustento. Pero no ano 1855 abriuse o Hospicio de Isabel II para dar albergue e alimento os pobres postulantes. Un ano despois este hospicio tiña xa dous centros: un para homes (no que fora convento de Santo Domingo) e outro para mulleres (no Colexio das Mercedes). No primeiro había un promedio de 100 varóns e no segundo unhas 150 mulleres, todos de máis de seis anos de idade. A penuria económica afectou tamén a estes centros, onde morreron miles de nenos neses anos.
Anuario Oficial de Galicia de 1858 a 1862 cita as enfermidades máis comúns nesta rexión: o bocio, a pelabra, o reumatismo, a gota, a escrófula, o paludismo, as dermatoses ulcerosas, a tuberculose, o raquitismo, o escorbuto, a febre tifoide, a variola e o cólera. Este Anuario Oficial recomendaba “a organización urxente e máis perfecta da sanidade e hixiene pública”. Pero os Registros de “Estados Sanitarios de Orense” do ano 1883-84 dos alcaldes do partido xudicial de Ourense, amosan que as cousas melloraran pouco. Nese período houbo 2.339 nacementos e 2.269 defuncións; máis da metade das mortes foron de nenos menores de cinco anos e as causas máis frecuentes eran as enfermidades infecciosas, entre as que destacaba a variola. Esta foi unha situación que aínda seguiu uns anos máis.